Tribuna

As linguas no Congreso

Transcorridos máis de 30 anos desde a aprobación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, onde se facían explícitos o compromiso e a identificación de Europa coa súa diversidade lingüística, a presenza desa diversidade nas institucións é un imperativo sen o cal o espírito do texto quedaría reducido a mera retórica. É, sen dúbida, un paso adiante que no Congreso se dea cabida ao galego, ao catalán e ao éucaro, e que se abran trámites para o seu recoñecemento nas institucións europeas, o que constitúe, de seu, un acto de lóxica e de xustiza. 

A afinidade e proximidade tipolóxica das linguas do Estado, con excepción do éuscaro, facilita o fenómeno da intercomprensión; falantes de distintas linguas empregan cadanseu código, mais comprenden o dos demais sen empurralos á confluencia ou acomodación lingüística. A presenza das linguas no Congreso e nos medios de comunicación fará evidente, para o conxunto da poboación, que, cun pouco de hábito e exposición, o catalán para nós, como o galego para un estremeño ou murciano, poden volverse diáfanos. Cómpre renunciarmos ao costume de reducir ou silenciar calquera intervención nos medios nunha lingua distinta do castelán, botando man de traducións innecesarias: abramos os ollos ao mundo e permitamos que se escoite cada idioma, incorporando subtítulos. Nos países nos que hai unha tradición de emitir nas versións orixinais subtituladas, a receptividade e a competencia lingüística vense incrementadas no conxunto da poboación. É unha obriga ética apostarmos por esta visibilización no caso das linguas do Estado.

A enorme singularidade tipolóxica do éuscaro convérteo nunha xoia: é un idioma único, un tesouro lingüístico que sobreviviu á expansión do latín co Imperio Romano e á do castelán na Idade Media. Perdermos este patrimonio no século XXI, cando estamos a desenvolver unha conciencia e sensibilidade ecolingüística, sería comparable a deixarmos caer as pirámides de Exipto, o Partenón de Grecia e a Catedral de Santiago. Nos anos 50, estivemos a piques de derruírmos as Murallas de Lugo. Hoxe son Patrimonio da Humanidade. Poida que algún día ollemos co mesmo arrepío o momento no que algúns pensaron que era máis práctica a estrada erma da lingua única. Cómpre, como coa muralla, unha longa cadea humana na que apoiemos e abracemos os nosos idiomas: patrimonio inmaterial da humanidade. 

María López Sández
Académica de número