Na primeira metade do XIX proliferaron en Galicia unha serie de revistas que presentaban no subtítulo a palabra “ciencia”, acompañando normalmente outras como “artes” e “letras” , nun desexo, que poucas veces se cumpriu, de establecer unha maridaxe entre as dúas culturas. Na segunda metade do século, en La Joven Galicia (1860) de Santiago, un fato de profesores composteláns proclamaban o desexo de levar adiante un “consorcio en letras, ciencias y artes”, pero serán, sobre todo, a revista Galicia (1860-65), desde A Coruña, e El Pensamiento de Galicia (1865-66), desde Ferrol, as publicacións que, de certo, dean comezo á divulgación da ciencia nas revistas galegas de carácter xeral. Pero vai ser, seguramente, El Heraldo Gallego, desde Ourense, o que a partir do ano 1874 poña en marcha un proxecto moito máis consistente e duradeiro (ata 1880, ano da súa desaparición) de difusión das teorías e achados científicos.
En El Heraldo Gallego destacaron nomes como o lugués Rodríguez Mourelo, que describirá un novidoso experimento didáctico no Instituto de Lugo, do que era profesor, e unhas “Cartas a una mujer” nas que lle fala de cuestións físicas e cosmolóxicas nun estilo que nos lembraría as “Cartas literarias a una mujer” (1861) de Bécquer. O, xa consagrado, profesor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Casares escribiría sobre a riqueza mineral e as augas minerais de Galicia, e médicos como Ramón Otero e Juan Andrey tratarían, en diversos traballos, sobre temas da súa especialidade. Tamén, entre outras colaboracións, serían de salientar nos seus últimos anos unha certa profusión de artigos e novidades relacionados coa medicina, de profesionais ourensáns, así como informacións sobre unha moi descoñecida Academia Médica de Ourense1.
De onde lle vén ao Heraldo ourensán esta vocación pola difusión da ciencia? Posiblemente, do alento rexeneracionista de Valentín Lamas Carvajal, que foi o director durante a maior parte da súa existencia. Deste egrexio representante do rexionalismo galego tense falado moito da súa poesía, do seu labor como xornalista (sobre todo como editor e redactor de O tío Marcos da Portela) e, mesmo, do seu agrarismo militante, pero coidamos que foi Anxo Tarrío (2001)2 quen destacou a importancia dun texto contemporáneo de El Heraldo como “Cartas ós gallegos” (1875) como a mostra máis clara da súa preocupación polo progreso e os adiantos da ciencia e da industria como medios para superar o atraso económico do país e a indixencia secular das súas clases traballadoras.
Este texto foi escrito por Lamas Carvajal para animar os seus coetáneos a participar na Exposición Rexional de Santiago dese ano, e nel proclamaba a necesidade de que os galegos rematasen co seu “pranto estéril”, deixasen de botar máis bagoas e se dedicasen “a exparxer à lus d´a cencia”, pero para iso, “fáltalle a instrucción do pensamento”, xa que “D´iste pobo rural; non ido a escola/¿Cómo ha recibir a lus d´a cencia?”. E, como non, e de acordo coa súa ourensanía: “Temos o gran FEIXOO qu´encheu o mundo/C´o nome da cencia soberana”. Remata, en sintonía cos tempos que se vivían daquela, cunha alusión ao tan agardado ferrocarril, diante do cal “o asubío da locomotora” o paisano galego “Escoitará no val, río, pobo e monte” como sino dos novos alentos cos que saudarán “a vida/ D´o seu novo porvir, do seu adianto”.
As derradeiras liñas destas dez cartas de Lamas Carvajal, escritas cun entusiasta ton rexeneracionista e rexionalista, deixaríannos esta vibrante arenga: “¡Adiante, pois gallegos; traballando e sendo autivos, nosa ha ser a GRORIA!”.
1 Díaz-Fierros Viqueira, Francisco (2001). As revistas galegas e a divulgación científica (1838-1936). En Xurxo Mariño, coord. Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
2 Tarrío Varela, Anxo (2001). O asubío espertador na poesía de Lamas Carvajal e o seu tempo. En Xornadas sobre Lamas Carvajal. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Xunta de Galicia, 105-132.