O reitor da UVIGO, Salustiano Mato, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abriron o acto. Á esquerda, os académicos de número seguen o acto. Fonte: RAG
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente da RAG abriron o acto, celebrado no paraninfo da reitoría. Salustiano Mato deulles a benvida ao público e aos membros da Academia, que representa, dixo, "o máis importante da nosa identidade, que é a nosa lingua", e engadiu que a xornada compartida entre ambas as institucións arredor do Pergamiño Vindel "nos permite sentirnos orgullosos do que somos, do noso pasado, da nosa orixe, e tamén con ganas de fabricar un futuro mellor para a nosa identidade propia, a nosa cultura e a nosa lingua". A unión entre a Universidade e a Academia, concluíu, é fundamental para a cultura de noso. Pola súa banda, o presidente Víctor F. Freixanes agradeceu o recibimento da UVIGO e felicitouna pola exposición dedicada ao pergamiño que conserva as sete cantigas de Martín Codax, figura que a Academia homenaxeou en 1998 co Día das Letras Galegas xunto a outros dous trobadores da ría de Vigo, Johan de Cangas, Meendinho . "Foi unha das veces nas que viaxamos no tempo para fixar esa memoria histórica que representan as vellas palabras da tribu.", recordou.
Na quenda dos relatorios, Camiño Noia convidou a repensar o feito de como chegaron á escritura as cantigas de amigo, cuxa procedencia é fundamentalmente popular e feminina, defendeu. "O mundo das mulleres, das mozas, que se reflicte nas cantigas paralelísticas é unha proba de que son imitacións das cantigas de muller, do pobo. Disto xa falou a finais do século XIX dona Carolina Michaëlis de Vasconcelos con moita claridade na introdución que fixo á edición do Cancioneiro de Ajuda, mais foron poucos os estudos que salientaron este aspecto", repasa.
A profesora falou da orixe deste grupo de cantigas e subliñou que as cantigas de amigo, despois de seren interpretadas na oralidade, serían pasadas á escritura por encargo dalgún nobre, con capacidade de afrontar o custo dese traballo, da tinta e do pergameo. Un proceso "que non é de autor a lector" e realizado no momento da interpretación. Por outra parte, na Idade Media, as sinaturas non garanten a súa correspondencia co autor do texto, engade. "De quen é a rúbrica final? Quen escribiu a cantiga, quen a compuxo ou quen a interpretou? Todo isto coido que é moi inseguro e, polo tanto, pregúntome se detrás dalgunhas desas rúbricas está o traballo dunha muller, unha das soldadeiras ou xograresas das que nos falan os documentos. Por que non? A documentación que se conserva di que as soldadeiras e cantareiras interpretaban as cantigas, por que non puideron crealas o mesmo que os homes?", expresa Camiño Noia, que recorda que naquela época as mulleres non eran consideradas suxeitos de razón, e sería imposible que na sociedade medieval galega unhas mulleres puidesen asinar as súas cantigas.
Esta falta de recoñecemento, abonda, estendeuse durante séculos e padecérono artistas e intelectuais que só hoxe empezan a ser visibilizadas, como Camille Claudel, escultora que traballou xunto a Rodin, entre outras, pon como exemplo.
‘Mirar' por ‘ver'
Xa deténdose no caso concreto das cantigas de Martín Codax, o académico Henrique Monteagudo explorou o vocabulario máis específico do xograr. É o caso, entre outras, das palabras mar e ondas. A primeira substitúe as fontes doutras cantigas como subministradoras de auga, símbolo erótico e da fecundidade, e aparece como un trazo que Martín Codax "comparte cun elenco reducido de poetas, case todos galegos e varios deles da ría de Vigo e a súa contorna", explica. Menos frecuente é a mención das ondas, pero, en calquera caso, a presenza do mar e as ondas "é avasaladora na cantiga máis próxima en inspiración ao noso Codax", engade en referencia ao único texto legado polo xograr chamado Mendiño (Seý-m eu na ermida de San Simion…).
Henrique Monteagudo chamou a atención sobre un vocábulo que a primeira vista pode pasar desapercibido, "pero que resulta ser do máis peculiar " das cantigas de Martín Codax. Na derradeira cantiga do ciclo (Ay ondas que eu vin veer / se me saberedes dizer / por que tarda meu amigo sen min? / Ay ondas que eu vin mirar / Se me saberedes contar / por que tarda meu amigo sen min?), xógase con dous pares de sinónimos: dizer/contar e veer/mirar. Este último verbo, explica, é completamente insólito no galego medieval, que tiña outros dous para expresar ese significado: veer e ollar. "É así que no conxunto dos cancioneiros só empregan mirar outros dou autores: Pay Gomez Chariño e Pedro Eanes Solaz. Cómpre subliñar o feito rechamante de que os tres únicos trobadores que o usan procedían da contorna de Pontevedra. Esta é xustamente a área onde, na actualidade, se emprega mirar por ver. Xa que logo, ofrecen os testemuños máis antigos da primitiva difusión de mirar en galego", detalla Henrique Monteagudo.
As sete cantigas ou "unha noveliña dramática de amor"
Xesús Alonso Montero foi o encargado de pechar a quenda de relatorios profundando nas sete cantigas recollidas no Pergamiño Vindel en conxunto, que para o académico conforman "unha noveliña dramática de amor". "As sete cantigas aparecen na mesma orde tanto nos cancioneiros apógrafos como no Pergamiño Vindel, polo que todo fai supoñer que esta é a orde en que o autor, Martín Codax, as escribiu", expón o académico. "Neste macrotexto certa hai unidade e, polo tanto, para min cada unha das cantigas é un capítulo dunha historia amorosa dramática protagonizada por unha muller que está agardando o seu amigo, o seu amado", continúa.
Con todo, o profesor considera que a primeira cantiga tamén podería ser en realidade o final da historia. "Nela a namorada interpela as ondas do mar, e un interpela a natureza cando xa non ten unha resposta satisfactoria dos amigos, veciños, parentes. Polo tanto a primeira composición nesta historia unitaria ben podería figurar como última", conclúe.
O pergamiño e o seu contexto
A exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, aberta desde o pasado 10 de outubro no Museo do Mar de Galicia, poderá verse ata este domingo, 4 de marzo. A mostra, promovida pola UVIGO e a Consellería de Cultura, permite admirar o manuscrito acompañado doutras pezas medievais e contemporáneas para profundar na vida cotiá, a sociedade e a estrutura de poder da época das cantigas, ou nas paisaxes que puideron servir de inspiración ao trobador. A proposta complétase con actividades tanto para público infantil como para o xeral.
Membros da comunidade universitaria e representantes institucionais participaron no acto. Fonte: RAG