Logo da MLA
A Asociación de Linguas Modernas –polas súas siglas en inglés, MLA, Modern Language Association- é unha entidade fundada en 1883 nos Estados Unidos co fin de promover o estudo científico das linguas e as literaturas modernas que conta hoxe con máis trinta mil membros de máis de cen países. As súas publicacións son recoñecidas entre as máis prestixiosas no seu ámbito a nivel internacional.
A aprobación do Foro de Lingua, Literatura e Cultura Galega (Galician Language, Literature and Culture Forum) por parte da MLA, feita pública o pasado 13 de novembro, supón a culminación con éxito dun longo proceso iniciado, xa no 2004, coa creación da listaxe de correo Xan González-Millán de Estudos Galegos, á que se pode acceder nesta ligazón, que tiña entre os seus obxectivos -alén da promoción do estudo científico da cultura galega- o espallamento do seu coñecemento e o aumento do seu prestixio entre a comunidade académica anglosaxona.
En xuño do 2013, unha listaxe de case trescentos especialistas nos Estudos Galegos encabezados polo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, remitiulle unha carta, que se pode consultar aquí, á directiva da MLA, na que lle solicitaba a creación, no seu interior, dunha sección permanente e un grupo de discusión de estudos galegos. Esta segunda petición é a que vén de ser admitida recentemente baixo o nome de MLA Galician Language, Literature and Culture Forum, e terá a súa primeira sesión no 2016, en Austin, Texas.
En palabras de Gabriel Rei-Doval, da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, un dos principais promotores desta iniciativa, a creación deste foro supón para o proceso de internacionalización dos Estudos Galegos, citando ao estadista inglés Winston Churchill: "Non o final, nin tan sequera o principio do final, pero si, tal vez, o final do empezo".