Hemeroteca

Aprender con imaxes no Semanario Instructivo

O Semanario Instructivo publicouse en Santiago de Compostela no ano 1838. Malia ter unha curta existencia foi unha publicación innovadora polos seus contidos e pola súa vocación pedagóxica, mais tamén porque incorporou ás súas páxinas abundantes gravados. Neste artigo amosamos algunhas das ilustracións máis interesantes que apareceron na revista.

Cabeceira do Semanario Instructivo na que se mostra unha representación alegórica das artes. Fonte: RAG

O Semanario Instructivo centrouse en temas que ata entón recibiran pouca atención na prensa galega: agricultura, botánica, física e química, artes e técnicas. E ademais outorgoulles o protagonismo principal nas súas páxinas, tal como se indica no propio subtítulo da revista: periódico de agricultura, ciencias naturales y arte. A estes asuntos engadíronse outros de índole histórica e literaria (poemas e contos), así como anécdotas e curiosidades que contribuíron a dar máis variedade ao periódico. Para comprender ben a novidade que supuxo a aparición do Semanario Instructivo no contexto da prensa galega desa época cómpre termos en conta que con anterioridade a el soamente outra revista -o Correo de Galicia, editado na Coruña en 1833- centrara a súa atención nos temas devanditos. Grazas a estas dúas publicacións a prensa galega, que ata daquela tivera unha orientación eminentemente política, foi quen de ampliar e de diversificar os seus contidos.

Catedral de Santiago de Compostela. Fonte: RAG

Seguramente a característica máis salientable do Semanario Instructivo sexa a presenza nas súas páxinas de numerosos gravados onde se representaban imaxes referidas a diversos asuntos tratados na revista. De feito pódese dicir que todos eses gravados foron incluídos sempre coa finalidade de ilustrar algúns dos seus artigos. Por tanto isto semella indicar que a incorporación de imaxes formaba parte da estratexia pedagóxica da publicación, pois os seus responsables consideraban que o uso das ilustracións era un importante complemento da descrición dos obxectos, porque axudaba a entendelos moito mellor. Non é de estrañar, xa que logo, que no Prospecto que inauguraba a publicación se recoñecese de xeito explícito que o recurso ás imaxes e o uso dun estilo narrativo sinxelo debían ser dúas condicións necesarias para que o Semanario Instructivo puidese contribuír á instrución popular

Cando folleamos a revista observamos que algúns gravados representaban certos monumentos descritos nas súas páxinas: por exemplo, a catedral de Santiago de Compostela, o Alcázar de Toledo, a ponte sobre o río Ulla ou as pirámides de Exipto

Pirámides de Exipto. Fonte: RAG

Noutros casos as imaxes apoiaban visualmente textos que falaban sobre maquinaria (aparellos para debuxar, un globo voador) ou ben eran gravados destinados a ilustrar algúns dos fenómenos naturais que se explicaban na revista, como as illas volcánicas e o volcán Vesuvio, a erupción do cal causara a destrución das cidades romanas de Pompeia e Herculano.

O Vesuvio e as ruínas de Pompeia. Fonte: RAG

Talvez a ilustración máis curiosa publicada polo semanario compostelán sexa aquela que representaba un grupo de “animalillos microscópicos”, xa que seguramente se trate da primeira imaxe da vida microbiana aparecida na prensa galega, o que indica claramente o interese do Semanario Instructivo pola divulgación científica.

"Animalillos microscópicos". Fonte: RAG

Por último cómpre destacar a inclusión dunha lámina polícroma na que se reproducía a figura dun cabalo. Esta lámina tamén é de grande interese porque probablemente sexa a primeira ilustración en cor que se puido comtemplar nas páxinas da prensa galega.

"Ilustración en cores no Semanario Instructivo". Fonte: RAG

O primeiro número do Semanario Instructivo apareceu o 2 de marzo de 1838. O derradeiro publicouse o 31 de agosto dese mesmo ano. En total saíron do prelo vinte e sete números cunha periodicidade semanal. Os artigos que contiñan estaban asinados unicamente con iniciais. Na revista non consta o nome do seu director, mais sabemos que foi o médico e naturalista compostelán José Gil Rey e que colaborou con el o seu irmán Ramón, un habelencioso pintor e debuxante a quen debemos os gravados que adornan as páxinas do periódico.