1. Un pedimento á RAG
O día 24 de maio de 2018 chegaba á RAG a solicitude que reproduzo a continuación, prescindindo dos datos de presentación:
Póñome en contacto con vostedes porque a semana pasada, concretamente no Día das Letras Galegas, lanzamos unha proposta nas redes sociais convidando á Real Academia Galega a valorar a inclusión no seu dicionario da palabra EMPODERAMENTO, xa que aínda non está rexistrada.
Desde RECLAM trasladamos este chamamento que fixemos nas redes sociais de maneira oficial, a través deste correo no que solicitamos a inclusión do termo «empoderamento» no dicionario da Real Academia Galega. Velaquí as razóns:
1. Empoderamento é un proceso de cambio promovido por mulleres que busca a concienciación social, o respecto, a dignidade e a igualdade para todas.
2. É un termo de cada vez maior uso na sociedade, ligado aos movementos e iniciativas feministas que xurdiron nos últimos tempos e cuxas motivacións e obxectivos compartimos e cremos que cada vez unha maior parte da sociedade comparte.
3. Cremos que sería especialmente relevante que desde unha institución como a Real Academia Galega se fixese oficial a presenza na nosa lingua deste termo. Especialmente utilizando a acepción relacionada co movemento reivindicativo de igualdade de dereitos da muller, xa que sería pioneiro en Galicia e España.
4. O Día das Letras Galegas adícase este ano 2018 a María Victoria Moreno: escritora, mestra e impulsora da lingua galega. É a cuarta muller na historia que recibe este recoñecemento, tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño. A cuarta, desde a institucionalización da efeméride 1963. Queremos contribuír de maneira humilde nestas Letras Galegas tan especiais coa solicitude de inclusión do termo. Para que veñan moitos máis anos adicados a mulleres.
Agardamos que valoren a nosa proposta, quedamos á súa disposición para o que poidan precisar.
Moitas grazas por escoitar a nosa solicitude, agardamos ter noticias súas pronto.
A Real Academia Galega, dentro da liña de comunicación e diálogo constante coa sociedade, deulle prioridade ao estudo deste termo, que levaba xa certo tempo no almacén de neoloxismos en lista de agarda para seren estudados polos responsables do seu Dicionario.
2. 'Empowerment', un termo que expresa unha nova realidade
As sociedades son organismos dinámicos que se transforman de maneira continuada. Cada día aparecen no seu seo novos obxectos, novas ideas, novos conceptos que cómpre denominar. As relacións entre os membros da sociedade tamén cambian co paso do tempo, e isto é especialmente visible na transformación do papel das mulleres e na visibilización e percepción deste papel.
Neste contexto cobrou especial relevancia nos últimos tempos un termo inglés, empowerment, para designar particularmente o proceso polo que unha muller ou un grupo social desfavorecido adquiren os medios para fortalecer o seu potencial no ámbito social, político, laboral ou económico. O termo, referido ao ámbito do feminismo, foi proposto no ano 1985 pola rede de grupos de mulleres DAWN para referirse especificamente ao proceso polo que as mulleres acceden ao control dos recursos materiais e simbólicos e reforzan as súas capacidades e protagonismo en todos os ámbitos.
3. A denominación para o galego
Non é este o momento para estudar a evolución histórica dos usos deste termo en inglés, pero o caso é que afortunadamente o feito social a que fai referencia esta voz inglesa ten cada vez máis pulo e necesita ser expresado nas distintas linguas, entre elas a galega. E para cubrir esta necesidade pódese botar man de diversos recursos: adoptar o préstamo inglés tal cal, tomar o préstamo inglés e adaptalo á nosa fonética e morfoloxía (préstamo adaptado), utilizar unha palabra existente xa na lingua receptora e dotala deste novo significado, crear unha denominación nova etc.
No galego apenas tivo uso o préstamo íntegro inglés empowerment, nin unha posible adaptación fonética *empovermento. Pero, debido especialmente á influencia do castelán, veuse utilizando con certa frecuencia o calco empoderamento, formando unha voz cos mesmos elementos integrantes da palabra inglesa traducidos ao galego. E debemos preguntarnos, é esta a mellor solución para o galego?
Antes de adoptar unha solución para un neoloxismo, convén sempre botar unha ollada ao que fan as outras linguas. Se examinamos as da nosa contorna, vemos que o castelán adoptou a solución empoderamiento (xa introducida no DRAE), o catalán apoderament (aprobada polo Termcat), o francés autonomisation (Journal officiel du 18-12-2005). Nin o portugués nin o italiano teñen oficializada ningunha alternativa ao inglés empowerment, e nestas linguas adóitase utilizar o préstamo inglés tal cal.
Das posibles opcións presentadas para a denominación deste concepto nas outras linguas, parece que a máis axeitada para o galego sexa a que ten por base o substantivo poder, da mesma maneira ca o substantivo inglés empowerment. Nesta lingua o substantivo formouse directamente a partir do verbo to empower, que ten, entre outros, os significados de ‘dar a alguén ou delegar en alguén poder ou autoridade', ‘habilitar alguén para algunha cousa', ‘capacitar'. E foi a partir destes significados xerais de onde se formou o novo significado específico de adquirir alguén os medios para aumentar a súa fortaleza, mellorar as súas capacidades e acrecentar o seu potencial. O substantivo inglés empowerment posúe diversas acepcións relacionadas co verbo to empower do que deriva, entre elas a que fai referencia ao ‘proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial económico, político ou social', e con este significado estendeuse a outras linguas.
O galego non coñece tradicionalmente un verbo *empoderar1, sobre o que formar *empoderamento, pero posúe o verbo apoderar, da mesma familia ca o inglés empower, e con practicamente os mesmos significados tradicionais ca este, e posúe igualmente un substantivo derivado apoderamento, cos mesmos significados tradicionais do inglés empowerment. Por iso parece máis axeitado para a lingua galega adoptarmos para esta nova acepción aparecida no inglés to empower e empowerment as denominacións tradicionais galegas apoderar e apoderamento.
4. Outra deriva semántica de 'empowerment'
Certas empresas descubriron que lograban un maior éxito dando maior poder aos empregados, escoitando as súas propostas e as súas críticas, e aproveitando a súa creatividade, os seus coñecementos e a súa experiencia. Este incremento do poder de decisión dos estamentos menos altos dunha empresa ou organización producía un aumento da satisfacción dos empregados e un cambio de actitude, en que a obriga de facer algo se substituía polo desexo de facelo cada vez mellor e dunha maneira máis eficiente. Esta nova realidade foi designada tamén co termo empowerment, que pasou a ser de uso frecuente no mundo das relacións laborais no ámbito empresarial e organizacional.
5. O cambio no Dicionario da RAG
A necesidade de velar para que o galego teña capacidade para expresar con voz propia calquera tipo de realidade levou á RAG a reformar a entrada apoderar e introducir apoderamento (que non tiña aínda entrada no DRAG) para dotalas dos novos significados chegados desde o inglés e que responden a unha nova realidade social no avance cara á igualdade e a corresponsabilidade de todas as persoas e grupos sociais, coa redacción dispoñible nesta ligazón para apoderar e nestroutra para apoderamento.