Tribuna

Ano Fernández del Riego

O Día das Letras Galegas permítenos cada ano viaxar a un capítulo da nosa memoria colectiva, tempo de nós, que recuperamos a través da persoa á que lle dedicamos a celebración. Nesta ocasión a significación é dupla. Por unha banda, a personalidade e a obra de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010), unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da guerra civil, cofundador da editorial Galaxia e doutras moitas iniciativas a prol da recuperación da lingua e a identidade de Galicia: editor, publicista, antólogo, memorialista, ensaísta, viaxeiro, narrador de ficcións, autor dunha inxente correspondencia coas personalidades máis sobranceiras da cultura galega do seu tempo, político cando puido selo, editorialista, orador brillante, crítico literario, xestor de empresas culturais… Unha vida dedicada enteiramente ao seu país. Corazón e pulmón.

Dende 1997 ata 2001 presidiu a Real Academia Galega, institución na que ingresou no ano 1960. Durante o seu mandato a RAG iniciou un importante proceso de modernización e posta ao día que aínda continúa. Xunto con Ramón Piñeiro fundou en 1963 a revista Grial, que codirixiu ata 1988, animou as emisións en lingua galega da BBC de Londres entre 1947 e 1956, foi a ponte necesaria entre os máis vellos (xeracións Nós) e os máis novos (Brais Pinto), entre o exilio interior e os exiliados de América sobre todo (Luís Seoane, Rodolfo Prada, Silvio Santiago, Florencio Delgado Gurriarán)… 

Este ano 2023 ofrécenos a oportunidade de visitar feitos moi significativos da cultura e da historia do galeguismo do século XX, con proxeccións cara ao século XXI. Haberá que organizar e sistematizar con xeito a información dunha figura tan rica e tan lonxeva (97 anos), pensando sobre todo nas novas xeracións.

Entre as moitas iniciativas que marcaron un novo tempo da man de Fernández del Riego, sobrancea de xeito especial a invención do Día das Letras Galegas. A isto nos referiamos cando falabamos dunha dupla significación. Utilizo o termo “invención” na súa significación etimolóxica: inventio, descubrimento… O 17 de maio de 1963, xunto con outros dous académicos que asinaron a proposta, Fernández del Riego presentou a idea de celebrar anualmente un día dedicado á nosa lingua e á nosa literatura. 

Daquela cumpríanse cen anos da primeira edición de Cantares Gallegos, o primeiro libro en galego de Rosalía de Castro, que consideramos título auroral do Rexurdimento. A proposta foi adiante, van sesenta anos dende entón, mais o que inicialmente era unha celebración académica, con algúns poucos actos de carácter simbólico, hoxe é un acontecemento social e cultural de primeira magnitude. O Día das Letras Galegas é xa o Ano das Letras Galegas, festa grande da nosa cultura, que se celebra dentro e fóra do país, alí onde Galicia existe como tal, nas comunidades galegas de todo o mundo, e nos sectores máis diversos: no ámbito institucional, educativo, político, asociativo, festivo, empresarial… Poucos autores tan merecentes deste recoñecemento coma o que nestes próximos meses celebramos.
 

Víctor F. Freixanes
Presidente da Real Academia Galega