Retrato de Fransica Herrera Garrido, xa elixida académica de número
Francisca Herrera Garrido naceu na Coruña, no seo dunha familia burguesa, sendo a menor de cinco irmáns. Porén, no ano 1909, trasladouse a Madrid, onde viviría ata o estoupido da Guerra Civil; momento no que regresaría á súa cidade natal. Durante os anos de Madrid non deixou de pasar tempadas en Oleiros, o que lle permitiu coñecer ese ambiente que despois reproduciría en Sorrisas e bágoas, o seu primeiro libro de poemas, publicado en 1913.
As súas obras en lingua galega viron a luz entre 1913 e 1925: Sorrisas e bágoas (Madrid, 1913); Almas de muller... ¡Volallas n'a luz! (A Coruña, 1915); Frores do noso paxareco (A Coruña, 1919); Néveda (A Coruña, 1920); A y-alma de Mingos (Ferrol, 1922) e Martes d'antroido (A Coruña, 1925). O seu contacto co medio literario galego da época pode comprobarse no feito de que a súa segunda obra se abra cun limiar asinado por Manuel Murguía ou en que ela mesma prologue unha edición de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.
O 4 de marzo de 1945, a Real Academia Galega elixiu Francisca Herrera Garrido académica numeraria. A súa morte, no ano 1950, aconteceu antes de que se celebrase o acto solemne do seu ingreso, no que ela daría lectura ao seu discurso e Antonio Couceiro Freijomil lería a resposta no nome da corporación.
Cando se fan 62 anos do seu pasamento, desde o Arquivo da Academia, publícanse tres tarxetas postais editadas pola imprenta Roel da Coruña que reproducen, a carón dunha estampa costumista, poemas do libro Almas de muller... ¡Volallas na luz! No verso de cada tarxeta, pódense ler tamén textos poéticos da man da escritora.