Manuel Antonio
A toma de posición de Manuel Antonio no ámbito da cultura galega foi das máis radicalmente innovadoras e comprometidas que se lembran: á práctica da Vangarda artística nos seus poemas, engadiulle unha actitude arredista a tempo completo que implicaba a esixencia do uso exclusivo do galego en todos os ámbitos da vida pública e privada.
O 28 de xuño de 1922, o rianxeiro publicou, xunto con Álvaro Cebreiro, o manifesto máis célebre da nosa literatura: ¡Máis alá!, un texto destinado á polémica no que atacaba a escola estética de signo enxebre e tema rural daquela imperante na nosa literatura, renegaba dos Vellos –as tres coroas do Rexurdimento-, e denunciaba os "pollitos bien" galegos que pretendían emular o exemplo de Valle.
Este texto foi publicado un mes máis tarde, o 25 de agosto de 1922, no número XII da revista Nós dirixida por Risco, quen chapodou o incendiario orixinal de Manuel Antonio ata deixalo coa feitura que se pode ler aquí. Á versión íntegra pódese acceder nestoutra ligazón.