'Almas vivas', o libro sobre os libros de Antón Vilar Ponte na Academia

A Real Academia Galega recibiu no ano 2001 a doazón de preto de 200 títulos pertencentes a Antón Vilar Ponte. Os seus netos Antón e Isabel Villar Casal depositaron na institución da que fora membro de número o fondo de libros e folletos no que afonda o último número da colección Anexos BRAG, Almas vivas, os libros de Antón Vilar Ponte na Real Academia Galega. Xunto ao catálogo dos volumes do xornalista, escritor e político conservados na Academia que realizou a directora da súa biblioteca, Ana M.ª Menéndez Rodríguez, este traballo ofrece unha completa contribución de Emilio Xosé Ínsua, quen percorre a través deste legado a rede de relacións persoais, profesionais e ideolóxicas do principal impulsor das Irmandades da Fala. E canda elas, e en diálogo cos artigos do propio Vilar Ponte, tamén repasa distintos episodios do galeguismo e da literatura galega do primeiro terzo do século XX, como a xestación do Estatuto de Autonomía; as desavinzas e achegamentos co lexicógrafo Eladio Rodríguez; o éxito d’O fidalgo, a peza teatral de máis éxito na súa época, que o estoupido da guerra civil impediu que fose levada ao cine; ou os vínculos coa intelectualidade catalanista e o saudosismo portugués.

1/9

Aínda que boa parte do fondo procedente da biblioteca de Vilar Ponte (Viveiro, 1881-A Coruña, 1936) e do seu arquivo persoal se atopa na actualidade na Biblioteca do Parlamento de Galicia, a RAG custodia unha fracción “pequena pero moi significativa” que “constitúe unha ferramenta privilexiada para coñecermos os temas de interese, os esteos ideolóxicos, os círculos de relación e as amizades despregadas polo de Viveiro ao longo da súa traxectoria”, valora Emilio Xosé Ínsua. “Nos andeis da súa biblioteca amoreábanse non simples obxectos de papel impreso e encadernado, senón un fondo suxestivo de ideas, un material de traballo valioso para nutrir a súa articulística, testemuños elocuentes das sintonías que estabelecía no transcurso da súa actividade cívica e política, probas dos afectos persoais e das conexións de pensamento instauradas etc.”, debulla na edición, levada ao prelo co apoio económico do Concello da Coruña.

Dedicatorias autógrafas
A maioría dos exemplares contan, de feito, con dedicatorias autógrafas que, en palabras de Ínsua, confirman rotundamente a imago de Antón Vilar Ponte como referente esencial do xornalismo, da política, da cultura, da lingua e da literatura galega do seu tempo. E de moitos deses libros falou o académico nos seus artigos de prensa. Precisamente un dos obxectivos da achega de Ínsua foi –explica– conectar as entradas do catálogo bibliográfico da RAG coa produción xornalística, literaria e oratoria de quen actuou toda a vida “como un permanente farol orientador” e exerceu decote como crítico literario atento e competente. Agás dous títulos do XIX –A fonte do xuramento, de Francisco María de la Iglesia (A Coruña, 1882), e Os calaicos, de Florencio Vaamonde (La Habana, 1894)–, todos os demais corresponden ao primeiro terzo do século XX, máis da metade foron editados en Galicia e a maioría constitúen primeiras edicións, detalla Ana M.ª Menéndez Rodríguez. O carácter fragmentario do fondo explica notorias ausencias de obras de nomes como os Castelao, Cunqueiro, Lugrís Freire ou Blanco Torres, o que non significa que non houbese libros deles na casa de Vilar Ponte mentres viviu.

Entre os presentes, moitos deles, como Florencio Vaamonde, Federico Maciñeira, Manuel Leiras Pulpeiro ou Emilio González López chámanlle a Vilar Ponte “amigo”; Ramón Cabanillas, Eduardo Blanco Amor, Álvaro de las Casas ou Ángel del Castillo dinlle “irmán”; e algúns, como Francisco Tettamancy e Herminia Fariña, incluso empregan ambas as palabras, engade Ínsua. A citada autora, membro correspondente da RAG, é unha das poucas escritoras presentes na colección, canda Rosalía de Castro ou Concepción Arenal.

A publicación remata cun apéndice gráfico que inclúe cubertas e ilustracións en páxinas interiores dos volumes feitas por artistas como Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño, Lolita Díaz Baliño ou Carlos Maside, así como unha selección de dedicatorias autógrafas.

Canto ao tipo de libros segundo a temática, o conxunto consta de títulos que Emilio Xosé Ínsua clasifica en cinco grandes categorías: os literarios, que abranguen dende os clásicos da literatura galega aos autores das Irmandades e os da Galicia emigrada; os cívicos, obras con vontade de intervención social escritos por correlixionarios das Irmandades, o Partido Galeguista e outros autores progresistas; libros publicados por outros xornalistas; volumes das culturas irmás (portuguesa, catalá, vasca...) e “libros espurios”, aqueles que non pertenceron propiamente á biblioteca persoal do autor pero que non se chegaron a devolver aos seus propietarios.

Da primeira obra de teatro culto en galego á de maior éxito que case foi película
A mencionada peza teatral A fonte do xuramento de Francisco María de la Iglesia, estreada en 1882 e considerada a primeira obra da dramaturxia galega culta, é un dos títulos no que se detén Emilio Xosé Ínsua no particular percorrido que traza pola biblioteca de Vilar Ponte na RAG. En 1927 o viveirense foi un dos organizadores da celebración do primeiro centenario do nacemento do pedagogo por parte da RAG, e o único que empregou o galego no acto conmemorativo, lembra.

Vilar Ponte contaba na súa biblioteca con obras doutros autores coetáneos que coma el cultivaron a escrita teatral. De Xaime Quintanilla, Ínsua repara en Donosiña e Alén (1921), esta última unha comedia dramática ambientada en Nova York, un feito “profundamente novidoso” no teatro do momento. “A obra sustenta, ademais, unha refinada crítica do espiritismo e doutras crenzas teosóficas e revela na súa estética influencias do movemento saudosista portugués e do teatro simbolista europeo”, valora o filólogo, que reproduce un fragmento da crítica que lle fixo no seu día Vilar Ponte: ‘Alén’ quizás sea la obra gallega que se ha editado con más lujo (...). Se desarrolla en Nueva York (...) pero pese á esto nada más gallego puede darse por lo que respecta al espírito de la obra. La saudade tan de nuestra raza cabría decir que resulta la protagonista.

De Xesús San Luís Romero o filólogo lembra especialmente a historia d’O fidalgo, estreada no Teatro Principal de Santiago de Compostela en 1918. “Resultou, sen dúbida, grazas ao seu trasfundo anticaciquil e ao seu argumento melodramático, a peza teatral galega que atinxiu maior éxito de público e representacións da época, até o punto de ter dúas edicións case consecutivas (a segunda de 3000 exemplares), constituír peza case obrigada no repertorio de todos os cadros de declamación amateurs do país e estar a piques de converterse en película, de non mediar a guerra do 36”, contextualiza.

Vilar Ponte confesou nos seus artigos que soubo por vez primeira de Xesús San Luís Romero, emigrante retornado da Arxentina e instalado en Santiago de Compostela como zapateiro, por mediación de Ramón Cabanillas, con quen escribiría a dúas mans O Mariscal (1926), outro fito do teatro da época. D’O fidalgo Antón Vilar Ponte conservou un exemplar da segunda edición, do ano 1925, con cuberta ilustrada por Camilo Díaz Baliño.

O académico fundador e cuarto presidente da RAG, Eladio Rodríguez González, tamén figura na nómina de autores nos que pon o foco Ínsua, quen percorre unha relación persoal que pasou por momentos moi distintos, entre o achegamento no período inicial das Irmandades e as posteriores desavinzas de índole ideolóxica. Un dos exemplares do creador do Diccionario enciclopédico gallego-castellano que forman parte do conxunto bibliográfico analizado é o de Oraciós campesiñas (versos galegos), con cuberta ilustrada por Castelao, no que don Eladio estampou unha afectuosa dedicatoria.

A política
Xunto á literatura, a política é outro tema destacado no fondo de Vilar Ponte a través de autores galegos e doutros territorios peninsulares irmáns. Nel queda pegada da estreita relación persoal e profesional que mantivo co político Manuel Portela Valladares, propietario de El Pueblo Gallego. Da súa autoría son dous folletos conservados no conxunto, Momentos de Galicia (1922) e Unificación y diversificación de las nacionalidades (1932), e tamén Ante el Estatuto (1932), polo que Vilar Ponte chegou a cualificalo na prensa como “apóstol de la democracia”, cita o estudoso.

Están presentes ademais na biblioteca vilarpontina teóricos do nacionalismo catalán como Enric Prat de la Riva, un dos fundadores da Lliga Regionalista, con La nacionalitat catalana (1910) ou autores portugueses como Ângelo César e Cunha Leal.