'Al vent', 'Ó vento', Casares e o recital de Raimon na Compostela do maio do 67

O 9 de maio de 1967 as voces do estudantado da Universidade de Santiago de Compostela erguíanse simbolicamente en contra da represión franquista no recital ofrecido por Raimon no estadio da Residencia. Os versos do cantautor valenciano soaron nas súas gorxas en catalán e mais en galego grazas á tradución das cancións que Carlos Casares e Salvador García-Bodaño prepararan.

Casares e Raimon, no centro da imaxe, con Perfecto Conde, Marisa Melón, Arturo Reguera e outros mozos na Residencia de Santiago (hoxe campus sur da USC). Imaxe cortesía da Fundación 10 de Marzo/Arquivo de Marisa Melón


Os dous colegas fixeron así a súa achega á organización do concerto dunha das figuras destacadas da canción protesta, que contou tamén coa colaboración, como presentador, do poeta Manuel María. "Creo que se contactara con Raimon a través de xente do PC. Escribíronlle propoñéndolle que viñese a Santiago a dar un recital e dixo que si. Entón pedíronselle algunhas letras e mandóunolas. Carlos e mais eu traducímolas ao galego (…). O concerto foi moi emocionante polo inesperado, polo feito de que viñera unha persoa de fóra a cantar en catalán. Al vent, / la cara al vent, /el cor al vent…, aínda parece que resoan as palabras de Raimon", rememora Salvador García-Bodaño.

Naquel momento o recital do cantautor foi un verdadeiro "acto subversivo". "Creo que pillou a moitas autoridades de sorpresa. Era un acto pacífico e non souberon como reaccionar". Alén da significación antifranquista, a iniciativa axudou a galeguizar o movemento estudantil e impulsou o nacemento, meses despois, da Nova Canción Galega. "Traendo a Raimon estabamos buscando que Galicia, a nosa literatura e, sobre todo, o noso idioma, estivese presente, e tamén a relación con outros países do Estado", explica o académico.


Raimon durante o recital que ofreceu no estadio da Residencia o 9 de maio de 1967. Imaxe cortesía da Fundación 10 de maio / Arquivo de Xaime G. Vilasó


As cancións de Raimon en catalán e vertidas ao galego foron editadas para a ocasión cun deseño do pintor Xulio Maside, quen pouco meses ilustrara os relatos de Vento ferido, o primeiro libro de Carlos Casares, cuxa publicación fora todo un acontecemento entre o público universitario. Un daqueles folletos orixinais, conservado na Fundación 10 de marzo, reprodúcese facsimilarmente no número 213 da revista Grial, no que o historiador Ricardo Gurriarán colabora cun artigo sobre os anos de formación de Casares.

Ricardo Gurriarán recorda nestas páxinas outros episodios anteriores nos que o escritor deixou constancia do seu compromiso coa lingua e a cultura galegas en tempos de represión. Como as Festas Minervais de 1963, nas que acadou o terceiro premio do concurso poético, nun podio compartido con outro bo amigo, Arcadio López-Casanova, e o propio Salvador García-Bodaño. Aquela celebración convertérona, coa complicidade de Ramón Otero Pedrayo como mantedor, nunha denuncia dos plans do Goberno franquista de relegar a Galicia no plan de desenvolvemento económico para o noroeste do Estado. Ou como, ese mesmo ano, o primeiro Día das Letras Galegas, celebrado en Santiago nun acto organizado polo alumnado da Cátedra de Literatura da Facultade de Filosofía e Letras no que tamén recitaron os tres colegas e Xohana Torres.


Pola esquerda, Salvador García-Bodaño, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Xohana Torres no acto de celebración do primeiro Día das Letras Galegas, o 17 de maio de 1963, no salón artesoado do Pazo de Fonseca. Imaxe cortesía do arquivo da editorial Galaxia


Tras unha misa na capela da igrexa de Santo Domingo, oficiada en galego polo canónigo da Colexiata da Coruña, Rafael Taboada Vázquez, ás oito e media da tarde do 17 de maio de 1963 daba comezo no salón artesoado de Fonseca o acto. Presidido polo reitor, Ángel Jorge Echeverri, e presentado polo catedrático Moreno Baez, incluíu unha conferencia do académico Ricardo Carballo Calero sobre Rosalía de Castro e Cantares gallegos. Deseguido, Xohana Torres, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Salvador García-Bodaño recitaron versos da súa autoría dedicados á poeta. "Foi un acto de alta significación para a cultura galega e moi importante para nós. Ao rematar, iniciouse un paseo cara ao monumento de Rosalía na Alameda", recorda este último. Para Ricardo Gurriarán, aquela significativa xornada, que rematou cantando o Himno galego, "marcou unha inflexión na estratexia cultural do galeguismo", para pasar a promover as súas iniciativas "cun carácter máis aberto e público".

Medio século despois do recital de Raimon, o vindeiro 17 de maio Carlos Casares será o protagonista do Día das Letras Galegas. O seu legado literario segue vixente, mais tamén, entre os que o trataron naquela época, o recordo do Carlos Casares máis cercano. "Carlos Casares traballou moito pola cultura galega. Foi un home de significado e valor importante, e un grande amigo", conclúe Salvador García-Bodaño.