O xurado, presidido nesta edición polo alcalde de Boborás, estivo composto por representantes da Real Academia Galega, do Consello da Cultura, das tres universidades, da Deputación Provincial de Ourense, do Museo do Pobo e do Concello do Carballiño.
O Premio Antón Losada Diéguez vén convocándose anualmente desde 1985 polos concellos de Boborás e O Carballiño, conta co patrocinio da Deputación de Ourense e ten unha dotación de 6.000 € para o gañador de cada categoría. A entrega dos premios realizarase o vindeiro 9 de xuño no curso dun acto que se celebrará no pazo da familia Losada Diéguez, situado na parroquia de Moldes do concello bobarense.
Xesús Alonso Montero, membro de número desta Academia, recibiu por unanimidade o galardón de "Ensaio e Investigación" pola súa obra Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo. O xurado valorou que este traballo rescata unha figura moi significativa da cultura galega do século XX, gabando a gran riqueza de fondos documentais que manexa o premiado, e poñendo de manifesto a súa familiaridade coas circunstancias históricas que marcaron as vidas de intelectuais e investigadores galegos na guerra e inmediata posguerra.
No apartado de "Creación literaria" resultou premiado, tamén por unanimidade, o libro Non hai noite tan longa de Agustín Fernández Paz, destacando o xurado que se trata dunha obra narrativa impecable que indaga na conciencia nacional e nos reconcilia coa nosa memoria. Na mesma valoración, incídese na madurez literaria do autor e na difusión da obra que chegou a todo tipo de públicos.
O premio recibe o nome de Antón Losada Diéguez, intelectual e ensaísta, membro fundamental da xeración Nós, a quen a Real Academia dedicou o Día das Letras de 1985.