Tribuna

Agora ou nunca

Acaba de se dar a coñecer un avance de resultados da enquisa de coñecemento e uso do idioma galego realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2023. Dado o gran  tamaño da mostra destas enquisas, que recollen datos de nove mil douscentos fogares galegos, e a importancia da información recollida (lingua inicial, lingua habitual, grao de coñecemento do galego, nivel de uso en distintas situacións etc.), os seus resultados constitúen unha referencia estatística imprescindible para coñecer a situación demográfica do galego. Ademais, esta enquisa realízase cada cinco anos desde 2003 (a de 2023, por tanto, é a quinta da serie), de xeito que xa contamos cunha perspectiva temporal dabondo ampla para coñecer en detalle as grandes liñas de evolución sociolingüística de Galicia, e incluso facer prognósticos cara ao futuro.

Os datos que se ofrecen no avance que acaba de dar o IGE son xerais, de maneira que polo momento só se pode ofrecer un resumo moi rápido das grandes liñas, á espera dun estudo demorado e en profundidade, que o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega publicará o ano vindeiro. Vaiamos aos resultados máis significativos, facendo a comparanza, cando proceda, con datos de 2003. Canto ao coñecemento do galego, atopámonos con que o 16,60% das persoas residentes en Galicia declaran saber falalo pouco ou nada. En 2003, a porcentaxe correspondente era de 10,43%. En vinte anos, o descoñecemento do galego incrementouse, pois, de xeito substantivo, ata porcentaxes nunca vistas no noso país.

Canto á lingua falada habitualmente, o 46,23% das persoas declara falar o galego sempre ou máis ca o castelán, fronte ao un 53,77% que se declara falante habitual do castelán, monolingüe ou bilingüe. É a primeira vez na historia que nunha enquisa destas características o galego ten unha porcentaxe de falantes habituais inferior ao castelán. Hai vinte anos, as porcentaxes eran do 61,20% e o 38,29% respectivamente, de modo que o galego descendeu 15 puntos. Por parte, o monolingüismo en castelán incrementouse nese lapso de tempo en case 10 puntos, ata atinxir case o 30% na enquisa de 2023, a porcentaxe máis elevada que se rexistrou ata o momento.

No referente ao idioma do ensino, chama poderosamente a atención o dato de que case o 30% das clases se dan total ou maioritariamente en castelán. Por outra banda, segundo os resultados desta enquisa, o 80,79% das persoas que se atopan no ensino regrado falan cos seus compañeiros só ou maioritariamente en castelán, mentres que das persoas maiores de 16 anos activas no ámbito laboral, o 56,07% teñen esa mesma conduta lingüística cos seus compañeiros de traballo. Estes últimos resultados apuntan a un feito ben coñecido, cal é a distribución desigual do galego entre os grupos de idade, de xeito que o uso do galego descende coa idade.

É así que, poñendo o foco nos sectores máis novos da poboación, os resultados son moi reveladores da evolución esperable se a tendencia cara á desgaleguización se mantén. No grupo de 5 a 14 anos, só o 16,19% fala galego sempre ou máis ca o castelán. En 2003, a porcentaxe correspondente era do 43,33%. En cifras absolutas, o cálculo dá aproximadamente uns 87.000 rapaces e rapazas galegofalantes hai vinte anos, fronte a 31.000 agora. No grupo de 15 a 29 anos, os galegofalantes (monolingües ou bilingües) atinxen a porcentaxe do 28,18%, cando hai vinte anos representaban o 45,74%. En contraste, os monolingües en castelán supoñen o 53,67% no grupo de 5 a 14 anos, o que implica un incremento de case 20 puntos desde 2003. Á vista das devanditas cifras, nun par de décadas probablemente deixaría de haber galegofalantes menores de 15 anos, e a decadencia do galego tornaríase irreversible.

Como xa se dixo, esta á unha aproximación moi rápida, pero dificilmente o estudo afondado vai variar substancialmente a imaxe global que estes datos ofrecen. Toca a cadaquén reflexionar sobre as súas responsabilidades nesta deriva cara á extinción da lingua do país, comezando, claro está, polo goberno galego. Ninguén poderá acusar a Real Academia Galega de non ter advertido, de xeito documentado, razoado e reiterado, da urxencia de mudar o rumbo. É tempo de facelo, agora, ou, probablemente, nunca.
 

Henrique Monteagudo
Coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega