Ramón Lugrís, segundo pola esquerda na mesa, na conferencia que pronunciou na Casa de Galicia de Nova York o 22 de maio de 1964 co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a Castelao. Acompáñano Emilio Flórez, Ramón Rodríguez e Emilio González López. A imaxe é do fotógrafo J. Marti, do Broadway Photostudio, e consérvase no Arquivo da RAG.
"Ramón Lugrís foi un dos pioneiros daquela mocidade que arredor dos anos 1953-1954 levantaron por primeira vez a bandeira do galeguismo", salienta o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. Aquela bandeira que ergueu xunto a otros mozos tiña un mentor, Ramón Piñeiro, que tres ou catro anos antes instalara a súa cátedra concienciadora en Compostela, engade. "Cónstanos que Ramón Lugrís, un pouco maior ca Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras, Gonzalo R. Mourullo, etc., exerceu unha grande influencia nel, incluso na súa visión europeísta. E logo o propio Ramón Piñeiro foi decisivo na carreira profesional de Ramón Lugrís en Europa", detalla o presidente da Academia. A relación que mantiveron queda reflectida tamén na obra de Lugrís Vicente Risco na cultura galega, prologada por Piñeiro.
"Co pasamento de Ramón Lugrís desaparece unha voz moi importante do galeguismo no seu tempo que se mantiña fiel aos principios do galeguismo europeísta que contraera na súa mocidade", conclúe Alonso Montero. No seu europeísmo tivo moito que ver a súa experiencia como estudante en Barcelona, que tamén influíu moito, segundo el mesmo contaba, no seu galeguismo.
De todos os membros que constituíron ese primeiro grupo de mozos que tras a Guerra Civil traballou pola recuperación do galeguismo, el era o que máis concienciación política tiña, lembra o compañeiro daqueles anos e académico Xosé Luís Franco Grande. Proba dos seus valores queda na prensa local compostelá, pero tamén no seu exercicio profesional por todo o mundo. En 1957 marchou a Londres a traballar á BBC e en 1962 incorporaríase á ONU en Nova York como tradutor, se ben máis adiante regresaría ao xornalismo desenvolvendo unha intensa e frutífera carreira. "Viaxou por todos os continentes e de todas partes regresou sempre cheo de riqueza a Galicia, a súa Ítaca", apunta Franco Grande.
O pasado 17 de novembro, o propio Franco Grande, Gonzalo R. Mourullo e Xulio Ríos xuntáronse con Ramón Lugrís en Madrid para agasallalo cun pequeno libro de homenaxe á súa figura. "Estaba exultante, como tamén estabamos os demais. Unha alegría que durou pouco. Pero nunca poderemos esquecer que no principio de todo estivo Ramón Lugrís", expresa Franco Grande.