A Xunta de Galicia e a Embaixada de Portugal en España asinan un memorando para a introdución do portugués no ensino medio

O histórico acordo permitirá a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario de Galicia.
Henrique Monteagudo recibe a Cavaco Silva en presenza de Núñez Feijoo.
Henrique Monteagudo saúda a Aníbal Cavaco Silva en presenza de Ramón Villares e Alberto Núñez Feijoo.


O acto, celebrado na Academia, contou coa presenza, entre outros, do presidente da República Portuguesa, Aníbal Cavaco Silva; do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; do embaixador da República de Portugal en España, Francisco Ribeiro de Menezes; do secretario da Academia, Henrique Monteagudo, quen exerceu como presidente da mesma en funcións; do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, ademais de numerosos académicos e representantes da cultura galega.

Francisco Ribeiro de Menezes, Aníbal Cavaco Silva, Alberto Núñez Feijoo, Román Rodríguez e Henrique Monteagudo en uso da palabra.
Francisco Ribeiro de Menezes, Aníbal Cavaco Silva, Alberto Núñez Feijoo, Román Rodríguez e Henrique Monteagudo en uso da palabra.


O secretario da Academia e presidente en funcións, Henrique Monteagudo, foi o encargado de introducir o acto, desculpando, en primeiro lugar, a ausencia do seu presidente, Xesús Alonso Montero, por mor dunha doenza leve. A seguir, Henrique Monteagudo, logo de describir o memorando asinado na sede da Academia como un acto de importancia histórica, declarou: "Este memorando supón un chanzo que debera ser decisivo cara a colmar unha aspiración longa e fondamente sentida en Galicia de estreitar vencellos cun país politicamente estranxeiro, pero xeograficamente veciño, e, sobre todo, sentimental, cultural e lingüisticamente irmán". O secretario da Academia rematou a súa intervención sinalando: "Coñecendo mellor Portugal, a súa lingua e a súa cultura, coñecemos mellor Galicia".

A continuación tomou a palabra o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, quen principiou a súa intervención salientando a importancia simbólica da escolla da Academia, "a casa da palabra", como anfitrioa para a sinatura dun memorando que constitúe "un logro no estreitamento dos vencellos entre Galicia e Portugal". O presidente da Xunta de Galicia sinalou, así mesmo, a oportunidade que a sinatura do memorando representa para o alumnado galego: "Os que coñecemos a nosa lingua temos unha enorme vantaxe ao posuír unha ponte que nos conecta coa lusofonía, a sexta maior comunidade lingüística do mundo por número de falantes, 250 millóns". Núñez Feijoo, lembrou, ademais, que o acordo asinado é froito dunha proposta aprobada por unanimidade no Parlamento Galego a partir da Iniciativa Lexislativa Popular Valentín Paz Andrade, impulsada desde a sociedade civil co fin de promover o ensino do portugués en Galicia, e concluíu: "Este memorando supón o final feliz a moitas arelas a unha e á outra beira do Miño".

"O coñecemento do portugués en Galicia contribúe ao mellor entendemento recíproco dos nosos pobos e ao reforzo das súas relacións económicas que xa son agora mesmo bastante intensas", declarou o presidente da República de Portugal, Aníbal Cavaco Silva no abrente da súa intervención, quen, logo de evocar os máis de dous mil alumnos de ensino secundario en Galicia que escolleron o portugués como lingua optativa durante este mesmo curso, concluíu: "Darlle ferramentas aos pobos para que coñezan mellor os seus veciños é un acto de apoio á democracia, pois contribúe ao aumento do coñecemento e aprecio mutuo".

Aníbal Cavaco Silva asinando o Libro de Honra da Academia.
Aníbal Cavaco Silva asinando o Libro de Honra da Academia.