A entidade destaca que a novela do académico Manuel Rivas conduce ao lector por unha serie de momentos históricos e localizacións xeográficas, con páxinas cheas de personaxes excéntricos e lixeiramente sinistros. Mentres o narrador da novela ten os pés firmes en terra galega, a súa cabeza flota por unha historia persoal ecléctica, contando historia de guerra, represión e resistencia política, música rock e consumo de drogas na España anterior á transición. “A tradución fluída e lírica de Rogers, que nunca compromete as contradicións e a coidadosa falta de cohesión de Rivas, é de celebrar. Ademais, os diálogos e o ritmo da prosa desprenden alegría en cada páxina, demostrando o que se divertiu no proceso”, salienta a asociación.
A tradución da obra de Manuel Rivas aparece entre as finalistas ao premio da Spain-USA Foundation xunto a textos doutros autores e autoras como Luis Goytisolo, Irene Vallejo, Gertrudis Gómez de Avellaneda e Katixa Aguirre.