A solicitude de prazas para os XXXIII Cursos de lingua e cultura galegas permanece aberta ata o 17 de abril

Os Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia "Galego sen fronteiras" volverán este verán combinando, coma sempre, docencia teórica e práctica con obradoiros e relatorios protagonizados por personalidades de distintos sectores. O prazo para solicitar a inscrición na que é xa a trixésimo terceira edición permanecerá aberto ata o 17 de abril. Todos os detalles da convocatoria poden consultarse no folleto dispoñible nesta ligazón.

Alumnado da última edición dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" na Real Academia Galega. Fonte: RAG


Nestes momentos, a previsión é que os cursos se realicen nas datas sinaladas na convocatoria, entre o 2 e o 24 de xullo. De todos os xeitos, dependendo da evolución das circunstancias derivadas da pandemia de coronavirus, poderían producirse modificacións, que serían puntualmente comunicadas.

O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o director do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o tamén académico Xosé Luís Regueira, codirixen o programa que organizan a RAG e o ILG co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Ao longo de máis de tres décadas, polas aulas dos Cursos Galego sen fronteiras pasaron máis de dous mil alumnos e alumnas. Entre eles, moitas das persoas que hoxe ensinan lingua galega en universidades de todo o mundo, voces expertas internacionais na nosa literatura ou tradutores e tradutoras que a verten a múltiples idiomas.

A relación provisional de persoas admitidas na nova edición farase pública o 24 de abril na páxina web da Real Academia Galega.