“O compromiso e a guerra” relata como Florencio Delgado Gurriarán inicia a súa actividade política como galeguista en Valdeorras, onde foi un dos principais impulsores das Irmandades da Fala da comarca; a entrada en contacto con intelectuais galeguistas como Otero Pedrayo ou Castelao e a militancia no Partido Galeguista. Co comezo da guerra civil, o avogado poeta tivo que fuxir, primeiro a Portugal e despois a Francia. No ano 1938 chegaría a Barcelona, onde se incorporou á organización na resistencia do Partido Galeguista e desempeñou un papel clave na axuda a refuxiados republicanos, primeiro para saíren de Galicia e despois, cara ao final da guerra, para poñeren rumbo ao exilio en México.
O episodio vaise tecendo coas palabras do presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado; Elva e Teresa Delgado, e Lucio Santalla, familiares do autor; o historiador e tamén familiar do homenaxeado Ricardo Gurriarán; e a xornalista Margarita Ledo Andión, o historiador Ramón Villares e o filólogo Xesús Alonso Montero, membros de número da Real Academia Galega.
A serie conta coa colaboración especial do actor valdeorrés Paco Campos, que interpreta poemas de Florencio Delgado Gurriarán. Neste episodio recita “Home pequeno-fol de veneno”, unha sátira sobre o ditador Francisco Franco publicada por primeira vez no ano 1938 en Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos e recollida despois no Cancioneiro da loita galega. O volume foi editado en 1943 polo Partido Galeguista en México, xa dende o exilio, a etapa na que se centrará o terceiro episodio de Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda.
A narración audiovisual completarase con outros dous capítulos dedicados á poesía e á lingua do autor. A Real Academia Galega estreará cada xoves, ata a semana previa ao Día das Letras Galegas, un novo episodio.
Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda é unha produción da Real Academia Galega sobre o poeta e activista cultural ao que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio, realizada pola produtora Miramemira e con María Yáñez como guionista. A serie desenvólvese co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, e conta tamén co apoio de particulares, arquivos e institucións que cederon materiais documentais como a Filmoteca de Galicia, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Pablo Iglesias, a Fundación Carlos Velo, o Instituto de Estudios Valdeorreses e as familias de Delgado Gurriarán ou de Guillermo Escrigas.