A Real Academia Galega expresa a súa fonda preocupación pola vaga de incendios: “A cultura é indisociable do territorio”

A recente vaga de lumes forestais centrou a apertura da xornada Achegas xurídicas a cuestións ambientais que o grupo de traballo “Pensamento e ensaio” da Real Academia Galega celebrou esta tarde de martes na Fundación Luis Seoane. A coordinadora da Sección de Literatura e de dito grupo, a escritora e bióloga Marilar Aleixandre, salientou os nexos profundos entre cultura e territorio e instou á elaboración dun plan de ordenamento territorial para combater non só os incendios, senón o feito de que Galicia sexa unha das rexións europeas que máis sofre o despoboamento no ámbito rural.

1/14

“A Real Academia Galega ten entre os seus obxectivos a defensa da cultura galega. A cultura, patrimonio das xentes que habitan Galicia, é indisociable do territorio. Ante a vaga de incendios, os máis graves que sufriu Galicia, a RAG expresa a súa fonda preocupación. Os estudos sinalan a crise climática como responsable da gravidade e da velocidade de extensión dos incendios, e non cabe negar a súa existencia. Galicia precisa un novo plan de ordenamento territorial que reverta o despoboamento. No noso territorio o mato de toxos, xestas, uces, queiroas entoan o canto da biodiversidade, as árbores frondosas, carballos, castiñeiros actúan como cortalumes naturais: precisamos máis protección para os espazos que forman parte da Rede Natura”, subliñou a académica de número.

O presidente da RAG afondou na inauguración na relación entre cultura e territorio e no impacto da mesma nos idiomas minorizados. “Estudos moi serios en todo o mundo mostran como o deterioro da diversidade lingüística e as ameazas para a supervivencia das comunidades lingüísticas minoritarias van da man do deterioro das condicións ecolóxicas e ambientais onde viven estas poboacións. O caso galego tamén o demostra”, apunta Henrique Monteagudo”. “Por tanto, cando estamos preocupándonos polo medio ambiente e polo territorio estamos preocupándonos pola xente que vive no noso país, estámonos preocupando por crear as condicións para o futuro da transmisión da lingua galega, a supervivencia e a vitalidade da lingua galega”, engade.

O encontro, organizado pola RAG co apoio do Concello da Coruña, contou coa participación da avogada do Estado Consuelo Castro Rey, o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Luís Villares Naveira, a académica correspondente e catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela Alba Nogueira e o tamén docente na mesma institución Beltrán Puentes. Os relatores abordaron temas que van da evolución da paisaxe no ordenamento xurídico e a responsabilidade pola contaminación mariña por hicrocarburos á influencia do contexto xeopolítico global na lexislación ambiental europea e a implantación da estratexia da economía circular na Unión Europea.

A protección da paisaxe como elemento de identidade
A contribución de Consuelo Castro Rey na xornada céntrase na evolución do concepto da paisaxe –preocupación dalgúns dos máis destacados ensaístas das letras galegas– e mais da súa recepción e o tratamento que se lle dá desde o ámbito xurídico, que debe garantir o dereito das persoas a gozaren dunha contorna de calidade, advirte a avogada do Estado.

Lonxe queda hoxe a visión romántica da paisaxe do século XIX. Na actualidade, explica a xurista, esta enténdese como “o marco de vida de persoas e comunidades, un elemento de identidade co que a xente establece unha relación”. E desde esta concepción, fronte á “intensa degradación do contorno no que habitamos”, medra a sensibilidade colectiva e a demanda para a súa protección. “A paisaxe empeza, así, a ser obxecto de atención polo dereito”, contextualiza Consuelo Castro Rey. 

Un contexto xeopolítico adverso
Pero non todo son avances en materia de lexislación ambiental. A xuízo de Alba Nogueira, a “encrucillada global” non axuda en absoluto. A catedrática analizou como o contexto xeopolítico está a reordenar as prioridades políticas neste escenario, tamén no seo da Unión Europea. “O auxe da extrema dereita está provocando que as cuestións ambientais perdan pulso na axenda da UE, e isto repercute tamén na de España, que sempre foi un pouco ao remolque do impulso europeo. Ultimamente non hai unha gran produción normativa, case todo o que se fai é actualizar textos xa existentes e non novas medidas. Mesmo se abandonaron algunhas medidas estrela como a directiva na que se estaba a traballar para regular o greenwashing, a publicidade enganosa verde”, expón.
A profesora Nogueira pon tamén o foco no que se fai desde o ámbito lexislativo europeo en contra da protección ambiental. “Publicouse hai pouco unha iniciativa ómnibus para simplificar cargas administrativas que sofren as empresas e, curiosamente, case todas as que se identifican son ambientais”, lamenta. 

Alén dos marcos normativos, a práctica política no contexto actual tampouco a leva ao optimismo. “Trump está forzando que a UE faga excepcións para as empresas americanas co ordenamento que as obriga a cumprir as normas ambientais europeas para exportaren os seus produtos, e Europa non está facendo casus belli diso”, pon como exemplo. Denuncia ademais que parte da acción global da UE en materia ambiental teña “máis retórica ca fondo”. “En moitos casos o que fixo Europa foi externalizar problemas, deslocalizando empresas contaminantes ou exportando residuos perigosos”, denuncia.

Poucos avances ante a contaminación por hidrocarburos
No caso concreto da asunción da responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos, case vinte e tres anos despois do accidente do Prestige, o panorama que debuxa Luís Villares tampouco é alentador. “O sistema de responsabilidade civil segue a ser pernicioso, verdadeiramente insuficiente, o que busca é a impunidade das persoas responsables cando se produce unha catástrofe ambiental. É ademais moi inxusto porque non hai socialización do beneficio do transporte, pero si a mutualización, a socialización dos danos”, sintetiza. “Hai estudos que cifran os danos do Prestige nuns 4.000 millóns de euros e porén as indemnizacións a cargo dos responsables do sinistro ou os seus fondos de aseguramento quedaron por baixo dos 200 millóns de euros. Aínda coas reformas posteriores, o fondo de compensación apenas chegaría aos 750 millóns de euros. A diferenza tería que correr, como xa sucedeu antes, a cargo das administracións públicas ou nunca sería indemnizada, o que resulta profundamente inxusto”, detalla.

O maxistrado do TSXG segue a defender o sistema que propuxo en 2009 para resolver as eivas dun modelo que, malia as melloras nas cantidades que cobre o Fondo internacional de indemnización de danos debidos á contaminación por hidrocarburos (FIDAC), segue a permitir que os verdadeiros responsables non afronten o dano feito. “Concéntrase a responsabilidade nunha única persoa, o propietario do buque, e iso é un erro, porque normalmente constitúese unha sociedade por barco, de tal maneira que este é todo o patrimonio co que se pode responder. É un sistema claramente fraudulento que agocha os verdadeiros beneficiarios de todo o tráfico de hidrocarburos”, di.

Villares considera que Europa debe imitar a Oil Pollution Act (OPA) que os Estados Unidos aprobou tras o accidente do Exxon Valdez, que obriga a restaurar todos os danos provocados de forma ilimitada a todos os responsables da contaminación e beneficiarios da actividade do transporte de hidrocarburos. Non só o propietario do buque, senón tamén o propietario da carga, o empresario marítimo, o fretador e, no seu caso, as sociedades de clasificación. E se Europa non o fai, o xuíz defende que España tamén podería adoptar medidas semellantes en solitario, esixindo unha condicións de aseguramento maiores a aqueles barcos que desexen navegar polo corredor de Fisterra –un dos máis transitados do mundo e baixo a súa xurisdición–, adaptando a OPA ao noso sistema normativo e mais integrando o aprendido tras o Prestige.

O alcance limitado da estratexia da economía circular
Beltrán Puentes trazou por último unha análise global do percorrido que tivo a estratexia de economía circular da Unión Europea, cuxo alcance real foi “máis limitado do inicialmente previsto”, asegura. Asumida pola Comisión en 2015, concibiuse como un paradigma susceptible de provocar un cambio sistémico no modelo produtivo para acabar, entre outras, con prácticas como a obsolescencia programada e fomentar a reutilización e a reparación dos produtos. “Nunha primeira fase, tivo un desenvolvemento normativo moi centrado no sector dos residuos e na mellora dos índices de reciclaxe. Máis adiante, cando por fin se actuou sobre as primeiras fases da cadea produtiva (deseño dos produtos ou consumo), fíxose de maneira parcial e pouco efectiva, a través de instrumentos non vinculantes”, conclúe o profesor de Dereito Administrativo da USC.