A RAG reivindica no Congreso a pluralidade lingüística como un patrimonio común

O presidente da Real Academia Galega participou este xoves no acto conmemorativo do Día Europeo das Linguas celebrado no Congreso dos Deputados en recoñecemento do plurilingüismo de España. Víctor F. Freixanes agradeceu na súa intervención a organización deste encontro, que xuntou por primeira vez na Cámara baixa os representantes das academias dos idiomas oficiais e estatutarios de todo o Estado, e advertiu que esta cita debe ser un primeiro paso para colaborar, intercambiar experiencias e facer a necesaria pedagoxía social que permita que a pluralidade lingüística se entenda socialmente como a riqueza e o patrimonio común que é.

1/4

“Sempre que se fala das nosas linguas, fálase do problema catalán, do problema vasco, do problema galego, do problema da diversidade, cando constitúen un patrimonio común, unha riqueza. O día que un rapaciño de Burgos, de Granada ou Estremadura entenda que Rosalía de Castro, que Aresti ou Espriu son seus e os sinta como unha riqueza súa, igual que nós sentimos que Federico García Lorca é noso, ese día avanzaremos moito”, advertiu o presidente da RAG. “Esperamos que este encontro sexa un principio para poder traballar, colaborar, intercambiar experiencias e facer pedagoxía social, que é algo fundamental”, engadiu.

Os representantes das demais academias das linguas cooficiais expresáronse en termos semellantes, na liña do manifestado na declaración institucional presentada conxuntamente no ano 2021 pola Real Academia Galega, o Institut d’Estudis Catalans e Euskaltzaindia. 

A homenaxe tivo lugar un ano despois de que o Parlamento español recoñecese plenamente o uso do galego, o catalán e o éuscaro nas súas sesións e documentos. A presidenta do Congreso, Francina Armengol, inaugurou a sesión, na que tamén tomou a palabra o ministro de Cultura, Ernest Urtasun. Deseguido tivo lugar a mesa redonda na que Víctor F. Freixanes interveu canda Teresa Cabré i Castellví, presidenta do Institut d’Estudis Catalans; Andrés Urrutia, presidente de Euskaltzaindia; Carme Riera Guilera, vicedirectora da RAE; Jèp de Montoya Parra, presidente do Institut d'Estudis Aranesos - Acadèmia Aranesa de la Llengua Occitana; Javier Giralt Latorre, presidente da Academia Aragonesa de la Lengua; Joan Rafael Ramos, vicepresidente da Acadèmia Valenciana de la Llengua; Xosé Ramón Iglesias, secretario da Academia de la Llingua Asturiana, e Jaume Carot Giner, reitor da Universitat de les Illes Balears.

A cantante e compositora Rozalén interpretou catro temas en galego,catalán, éuscaro e castelán –“A Virxe Do Portovello”, “Amor Del Bo”, “Xabadorren Heriotzean” e "Te Quiero Porque Te Quiero”– cuxas letras puideron seguirse en lingua de signos.

A RAG asesorará o Consello das Linguas Oficiais
Pola súa banda, o coordinador do Seminario de Sociolingüística e vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo, representou a institución na oitava reunión do Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado, que se celebrou na Universitat d'Alacant. A de onte foi a primeira xuntanza deste órgano á que foron convidadas as academias das linguas. O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática avanzou que estas pasarán a ser asesoras do Consello das Linguas Oficiais e da Oficina de Linguas Oficiais tras a modificación do real decreto correspondente, na que está a traballar o Goberno de España.

Henrique Monteagudo interesouse na súa intervención, entre outras cuestións, polas medidas que a Administración Xeral do Estado adoptará tras o último informe do comité de expertos do Consello de Europa encargado de analizar o cumprimento dos compromisos de España como asinante da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias. Neste apartado, na mesma liña que os compañeiros doutras academias e representantes de linguas minorizadas, manifestou a súa preocupación pola reiterada vulneración dos dereitos dos seus falantes por parte da administración de xustiza.
A reunión serviu tamén para afondar nas actuacións desenvolvidas no marco do PERTE da lingua e pola Oficina para as Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado.