“A proposta da UNESCO ten este ano un obxectivo moi concreto: fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade. O texto de Valentín Arias ‘Xeliña fala galego’ é moi significativo ao respecto. Multilingüismo sen renunciar ás raíces, profundando nelas, para construír unha sociedade sen complexos”, expón o presidente da Academia no artigo titulado “Lingua da memoria”. Valentín Arias escribiu “Xeliña fala galego” no ano 1968. A protagonista do relato, publicado nun especial das festas de San Xoán de Sarria, é Xeliña, unha pequena de sete anos cuxa lingua materna é o galego, por decisión dos proxenitores malia os prexuízos sociais, e que aprendeu xa o castelán. Partindo da “lingua nai dos galegos”, o conto augura que se mergullará pronto noutros idiomas con máis facilidade que os rapaces monolingües, porque “é ben sabido que é máis doado aprender unha nova lingua cantas máis linguas se coñecen”. O narrador non se equivocou no seu prognóstico: aquela rapaciña, á que lle gustaba comparar os dous idiomas que xa manexaba e reflexionaba constantemente sobre eles, converteríase tempo despois na vida real nunha destacada tradutora, ademais de poeta e editora.
Víctor F. Freixanes reflexiona no seu artigo sobre o valor afectivo da lingua materna, “a lingua primeira da memoria”, e salienta a importancia de garantir a transmisión xeracional do galego, “unha riqueza que debemos potenciar, celebrar, asegurar e potenciar, pois non é incompatible con outras experiencias. “A fala primeira sempre está aí, no corazón, na memoria das cousas, nos primeiros aloumiños, nas primeiras experiencias, mesmo inconscientes: a fala primeira que nos axuda a recoñecernos e, ao mesmo tempo, nos abre ao mundo, tamén a outras linguas”, expresa.
Pero o presidente da Real Academia Galega tamén aproveita a celebración do Día da Lingua Materna para subliñar o valor das persoas que malia non se criaren en galego dan o paso para se instalar na lingua galega. “Na recuperación e uso social do galego son moi importantes os neofalantes”, conclúe.