A presentación do proposta licitada polo daquela Ministerio de Fomento celebrouse na sede da delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia na Coruña. A súa presidenta, Ruth Varela, presentou o acto, que contou tamén coa asistencia do vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo, académico responsable do seguimento das obras; Carmen Ballesteros, xefa da Área de Seguimento de Obras da Subdirección xeral de Arquitectura e Edificación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; Loreto Baños Lozano, arquitecta da Subdirección xeral de Arquitectura e Edificación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; Francisco Dinís Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda do Concello da Coruña; e Purificación Galán Boutureira, coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega da Coruña en representación da Xunta de Galicia.
Mirada ao pasado e cara ao futuro
Gonzalo Moure concibiu a actuación no número 11 da rúa Tabernas da Coruña partindo dunha mirada ao pasado dende o respecto ao patrimonio recibido, tendo en conta -explicou- a contorna privilexiada na que se atopa -a cidade vella herculina-, e facendo tamén do pazo brasonado do s. XVIII un espazo “que se poida vivir de diferentes maneiras”.
A Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo prevé un investimento de 2,58 millóns de euros na execución do proxecto presentado polo estudio de Moure baixo o título Limiar, entreluces e ceo, adxudicado a Extracto S.A. Misturas. A empresa ourensá está a traballar dende o pasado verán man a man co arquitecto tudense, que conta cunha dilatada experiencia en patrimonio recoñecida con distintos galardóns. A rehabilitación da sede da Real Academia Galega é a súa primeira obra na súa terra natal e como tal asúmea con grande ilusión, confesa Moure.
A rehabilitación en marcha será a segunda integral á que se somete o vello edificio como sede da RAG. A primeira executouse nos anos 70 do século pasado, tras recibir a institución o inmoble en doazón por parte das herdeiras de Emilia Pardo Bazán. Aquela fora deseñada polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat e implicou tamén unha intervención integral debido ao estado no que se atopaba a casa, pero por mor das carencias económicas non puido levarse a cabo coas calidades desexadas nin abranguer todo o que se pretendía.
Tras constatar a Dirección Xeral de Patrimonio do Goberno de España unha serie de problemas que esixían unha intervención completa, a RAG e o Ministerio de Fomento asinaron no ano 2015 o protocolo no que ambas as entidades expresaban a vontade de desenvolver as actuacións necesarias para a elaboración do proxecto técnico e a posterior realización das obras.
Agradecemento aos apoios para preservar un patrimonio único
Víctor F. Freixanes amosou a súa satisfacción cunha iniciativa que fará posible que a institución siga a custodiar nunhas condicións óptimas o patrimonio que preserva. “Expresamos o noso agradecemento a todas as institucións que permiten que a RAG dea este salto cualitativo. En primeiro lugar, recoñecemos a sensibilidade do Goberno de España, que entendeu as necesidades e urxencias desta intervención; agradecemos igualmente o apoio da Xunta de Galicia, que dende o primeiro momento participou nos custos do traslado temporal da Academia ao polígono de Pocomaco, de seguridade do patrimonio que custodiamos e mais o seu mantemento; e expresámoslle tamén a nosa gratitude ao Concello da Coruña que, como xa fixo no seu día, nos acolle no pazo de María Pita para a celebración dos plenarios”, engadiu Freixanes.
Mentres duran as obras, a Real Academia Galega segue atendendo dende Pocomaco as demandas dos usuarios a través de consultas telemáticas e mantén as reunións periódicas das súas seccións e seminarios, recordou o presidente.
A biblioteca da RAG acubilla máis de 60.000 volumes monográficos e 3.000 títulos de publicacións periódicas relacionados con Galicia que fan dela un centro de consulta obrigada para a comunidade investigadora da cultura galega. Canto ao arquivo, consta de máis de 30.000 documentos en papel e unhas 100.000 fotografías que o converten tamén nun referente entre os arquivos galegos. É parte ademais da Academia a casa-museo da escritora Emilia Pardo Bazán, de quen se conserva o seu arquivo persoal e boa parte da biblioteca que fora construíndo ao longo da súa vida.
O proxecto: Limiar, entreluces e ceo
“A arquitectura é unha cuestión de espazo pero cando a abraza o tempo transfórmase en patrimonio. E cando traballas con patrimonio cómpre decidir que parte del ten que ser transmitido á seguinte xeración, entendendo por patrimonio non só o edificio sobre o que se actúa senón, neste caso, toda a cidade vella da Coruña, o patrimonio ambiental que esta constitúe”, explica Gonzalo Moure. Tendo isto en conta, a planta baixa da RAG seguirá acubillando o salón de actos da Real Academia Galega, pero experimentará unha modificación substancial para se converter nun espazo de tránsito entre as dúas rúas de pedra ás que se asoma o edificio.
Haberá así unha conexión clara entre a rúa Tabernas, dende a que se accederá ao propio auditorio -con paredes de vidro e aceiro branco-, coa rúa do Parrote, que será a que se empregue en diante para acceder ás demais dependencias da RAG. Nesta nova entrada pública abrirase unha escaleira que, seguindo o exemplo próximo do Museo de Arte Sacra, se asomará á igrexa de Santiago. O diálogo visual, destaca o arquitecto, permitirá valorar mellor tanto o templo románico coma a propia sede da RAG.
O primeiro andar seguirá acubillando a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e ata el baixará o patio interior, que agora remata no segundo, con grandes fiestras de madeira branca dende o teito ao chan. Unha metáfora da galería galega, define Gonzalo Moure, que creará unha “atmosfera totalmente diferente, con máis luminosidade e á procura do ceo”. “Coido que é un exemplo da filosofía do proxecto, facer moito con pouco”, reflexiona.
No segundo andar realizarase unha redistribución máis racional dos despachos da presidencia, da secretaría da RAG e de parte dos postos de traballo. O terceiro andar cambiará tamén por completo a súa distribución para acoller o arquivo, os despachos do persoal de biblioteca, hemeroteca e arquivo, e mais dous espazos para as consultas dos usuarios, un deles unha sala máis ampla que poderá funcionar tamén como sala de reunións para os plenos da RAG. As entreplantas do cuarto e do quinto andar dedicaranse ao depósito museístico e parte dos fondos bibliográficos, cuxo groso continuarán no soto, entre outros usos.
Un arquitecto recoñecido internacionalmente
Gonzalo Moure é titulado pola Escola de Arquitectura de Madrid, onde exerce como profesor de proxectos arquitectónicos dende o ano 1991. A súa obra foi distinguida con diferentes premios e recoñecementos: representou España na IX Bienal de Arquitectura de Venecia, foi nomeado ao Premio Mies van der Rohe de Arquitectura Contemporánea da Unión Europea, obtivo o Premio COAM e o Camuñas, foi seleccionado na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, forma parte do Arquivo de Arquitectura Española Contemporánea e participou en numerosas mostras e exposicións. O seu traballo figura en publicacións nacionais e internacionais e foi relator sobre a incorporación da nova arquitectura en relación co patrimonio en importantes foros internacionais.
Entre outras obras, todas elas resultado de concursos, destaca a nova sede do Colexio de Arquitectos de Madrid, a rehabilitación e ampliación do pazo municipal de Alacant e mais a integración dos seus restos arqueolóxicos, a Facultade de Biblioteconomía e Documentación e a Biblioteca Xeral de Extremadura na alcazaba de Badaxoz, ou a sede do padroado do Parque Nacional de Doñana.