A RAG prepara unha programación diversa para a celebración das Letras Galegas das cantareiras en todas as idades

En 1963 a Real Academia Galega celebraba por primeira vez o Día das Letras Galegas. Dedicoullo a Rosalía de Castro e elixiu como data o 17 de maio, lembrando a publicación dos seus Cantares gallegos (1863). O poemario, considerado a grande obra que marca o inicio das letras galegas contemporáneas, é un libro fondamente influenciado, dende o seu propio título, pola literatura popular oral e as mulleres que as crearon e transmitiron. Sesenta e dous anos despois, elas serán as protagonistas da gran festa da cultura galega que inaugurara Rosalía, unha ocasión especial para reivindicar tamén, como fixera a escritora no seu tempo, a lingua do país e as novas formas que reinterpretan a tradición e a manteñen viva. Con estes esteos, a RAG desenvolverá ao longo das Letras Galegas 2025 iniciativas concibidas para públicos de distintas idades que combinarán a divulgación na Rede con actos presenciais nos lugares centrais da celebración: Cerceda, Malpica de Bergantiños e Muxía.

1/8

A institución presentará o vindeiro 10 de marzo, da man da comunidade escolar de Cerceda, o proxecto infantil Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), que conta desta volta coa escritora Paula Carballeira e a ilustradora Nuria Díaz. Unhas semanas despois presentará na Rede a serie documental Se canto é porque quero, cunha colaboración destacada de rapazada de Muxía, que acollerá tamén cara a finais de ano actividades académicas sobre a conmemoración. Xa o 17 de maio, o pleno extraordinario e público terá lugar en Malpica de Bergantiños, concello natal das Pandeireteiras de Mens.

A RAG personifica a homenaxe ás cantareiras en Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía; e Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Teresa García Prieto, as catro integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) que faleceron hai máis de dez anos. Este será en calquera caso un ano para recoñecer tamén a contribución das dúas integrantes do grupo falecidas máis recentemente, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, e de milleiros de mulleres que en cada aldea tiveron un papel destacado na creación e transmisión dun riquísimo patrimonio de tradición centenaria, destacou esta mañá Ana Boullón, promotora da candidatura, na presentación da programación da Academia para as Letras Galegas 2025. 

Homenaxe ao pobo que mantivo viva a lingua e o relevo dunha tradición
A académica Ana Boullón participou xunto ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e Damián Varela e Alba López Álvarez, codirectores da serie documental das cantareiras que está a producir a institución. “Concibimos as Letras Galegas das cantareiras como o recoñecemento ao propio pobo galego que durante séculos mantivo viva a nosa lingua, e en particular ás persoas que crearon de forma anónima a poesía popular. E estas foron fundamentalmente as mulleres, como xa sinalaba no século XVIII o padre Sarmiento, pioneiro das recollidas”, destaca Víctor F. Freixanes.

Ana Boullón pon tamén o acento no elo entre o pasado, o presente e o futuro: “Queremos salientar a forza viva da tradición. Dicía Castelao que a tradición é a alma de Galicia, que vive no instinto popular e nas entrañas do noso chan. Recoñecemos as protagonistas das Letras como parte dela, como parte de nós. A mocidade que tomou o seu relevo, reinterpretando as súas músicas e as súas letras está a mostrar o camiño. Será este un ano de celebración en todas as vilas onde houbo cantadoras, onde se celebraron foliadas e onde se cantan regueifas”, expresa.

Primavera das Letras
Para a académica Fina Casalderrey, coordinadora de Primavera das Letras, a conmemoración é tamén unha oportunidade especial para achegar a rapazada máis nova ao galego da man do bo facer do profesorado, e da imprescindible tamén implicación das familias. “Animamos todos os mestres e mestras do país a darlles a coñecer aos nenos e nenas o tesouro que é o noso cancioneiro popular. Gustaríanos tamén que lles aprendan como crear as súas propias cantigas e as súas regueifas para expresaren, como se fixo tradicionalmente, a alegría de vivir, a gana de festa, o amor e o humor, a crítica social. As novas xeracións terán unha ocasión especial para gozaren da lingua e facela súa, para empregala decote e para se animaren a crear con ela calquera mensaxe baseada nesa combinación sempre máxica de música e poesía”, agarda a académica. “E Primavera das Letras pretende ser un apoio neste desafío, con recursos accesibles para o seu uso nas aulas pero tamén nos fogares”, engade.

Seguindo a liña iniciada no ano 2022 con Ledicia Costas e Blanca Millán, o proxecto web da RAG para o público infantil volverá ofrecer este ano unha historia para divulgar entre os nenos e nenas que é o que se reivindica este 17 de maio. Desta volta a autora do texto de Primavera das Letras é Paula Carballeira e as ilustracións asínaas Nuria Díaz. Paula Carballeira, gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, escribiu para a ocasión As ferreñas, unha peza teatral que combina música, poesía e radio, entre outros elementos, pensada tanto para a lectura individual e colectiva coma para a representación dentro e fóra da escola. 

A súa primeira representación, ao cargo de nenos e nenas de Cerceda, terá lugar o 10 de marzo no CEIP Celso Emilio Ferreiro, que acollerá a inauguración da nova edición desta iniciativa. A partir de entón a obra poderase descargar en primaveradasletras.gal, que acubillará tamén actividades interactivas relacionadas co cancioneiro popular galego, as cantareiras e o universo da poesía popular oral. Para o alumnado de máis idade e o público xeral, a RAG ofrecerá ademais contidos divulgativos no Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal), a web de difusión do léxico galego que promove da man da Fundación Barrié.

Se canto é porque eu quero, a serie documental das cantareiras
A finais de marzo prevese tamén a estrea da serie documental web Se canto é porque quero, unha proposta de tres episodios, o primeiro arredor de Rosa e Adolfina Casás, outro dedicado ás Pandeireteiras de Mens e o último a Eva Castiñeira. “Aínda que cada capítulo leva un nome e un apelido, non esquecemos que esta é unha homenaxe coral. O noso obxectivo é abordar cuestións máis xerais vinculadas ás cantareiras e á nosa tradición oral”, explican os codirectores, Damián Varela e Alba López González.

O propio título da serie bebe do Cancioneiro popular galego recollido pola etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. O académico é unha das voces entrevistadas, canda a música Mercedes Peón, Richi Casás (neto de Rosa Casás e autor de Fuliada na vila) no primeiro episodio, que afonda na historia da recolla de coplas e músicas. O capítulo conta tamén con Alejandro Martínez Míguez, Miguel Barbazán Lesta e Leticia López Rey, tres rapaces que seguen a realizar recollas.

O segundo capítulo, dedicado ás Pandeireteiras de Mens, recollerá os testemuños de Isabel García Quintela e Manel Fernández Pensado, da Agrupación Folclórica Aturuxo, á que pertenceron as malpicás; e voces de integrantes da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda e mais Carme e Uxía da Pontragha, quen exporán como enfocan as súas aulas de canto e pandeireta en ambientes urbanos e reflexionarán sobre como o cancioneiro popular é transmisor da lingua galega na actualidade. O episodio incluirá ademais unha clase práctica da cantadora e tocadora Jara Ortiz, que explicará a estrutura dunha cantiga.

O derradeiro episodio, con Eva Castiñeira como protagonista, recollerá un encontro no CEIP dos Muíños de Muxía no que Mondra e Caamaño&Ameixeiras manterán un encontro co alumnado. Ambas as partes conversarán sobre como construír novas coplas e músicas a partir de recollas tradicionais. Felisa Segade, compoñente de Leilía, e as rapazas de Regueifa Tour, un proxecto impulsado por regueifeiras adolescentes, colaboran tamén neste capítulo.

Pleno extraordinario do 17 de maio e simposio
Canto ao pleno extraordinario do 17 de maio, a Real Academia Galega levarao a Malpica de Bergantiños. Ana Boullón, Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero pronunciarán as alocucións académicas dun acto aberto ao público e que poderá seguirse en directo dende a páxina web da RAG. As súas contribucións recolleranse posteriormente no Boletín da Academia xunto aos relatorios que se presenten no simposio das Letras que, como é xa costume, se celebrará no último trimestre do ano e reunirá voces especialistas en distintos aspectos relacionados coa poesía popular oral e as cantareiras.