Henrique Monteagudo pronunciou a conferencia de apertura da xornada do Colóquio Internacional Sob o signo de Camões. Cânones e heterodoxias que acolle a FLUL, un relatorio que dedicou ao galego e o portugués no século XVI, desde a figura de Gil Vicente, primeiro dramaturgo da literatura lusa, ata o homenaxeado. O presidente da RAG contextualizou así as referencias aos galegos na epopea Os Lusíadas (1572), afondando na imaxe da lingua galega e dos propios galegos no Portugal daquel momento a través da literatura e dos refráns.
O vínculo entre Galicia e Camões a través dos libros
Henrique Monteagudo intervirá ademais esta tarde na inauguración da exposición sobre o Fundo Galego da FLUL que organizaron, no marco do coloquio, a Cátedra de Estudos Galegos e a Biblioteca da facultade lisboeta coa colaboración da Real Academia Galega e mais do Consello da Cultura Galega. A mostra dá conta do aprecio que lle tiñan á literatura galega escritores como Leite de Vasconcelos, David Mourão-Ferreira ou Fidelino de Figueiredo. Dos fondos destes autores proceden exemplares raros de títulos como Noitebras: poesías (1901) e A ponte: drama en dous actos en prosa (1903), do académico fundador e presidente da RAG Manuel Lugrís Freire; e unha edición de 1923 do Onomástico etimológico de la lengua gallega, de frei Martín Sarmiento.
Tampouco falta Rosalía de Castro nunha escolma que atende asemade a recepción da obra e da figura de Camões en Galicia e a súa influencia. Jacinto Prado Coelho e Alberto Machado de Rosa sinalan influencias camonianas en Cantares gallegos; e o xornalista e polígrafo Manuel Murguía, esposo de Rosalía, abandeira a apropiación galeguista de Camões a partir do século XIX, recolle un dos paneis da mostra. A obra do autor portugués foi ademais un referente fundamental para Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961) e o seu Señardá (1930), igualmente parte da exposición; e Fermín Bouza Brey (1901-1973) recoñeceu na súa Autopoética (1935) que Camões é o seu principal inspirador.
O percorrido a través dos libros da biblioteca da FLUL incide ademais na ascendencia galega do autor en achegas como a de Castelao, quen en Sempre en Galiza afirma que eran galegos “o sangue e o xenio de Camões”.


