A RAG lamenta o pasamento de Fernando Acuña Castroviejo

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento do arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo, membro correspondente da institución desde xaneiro de 1972. O catedrático, nado en Santiago de Compostela en 1945, finou esta mañá. Destacado experto en arqueoloxía da época romana, foi un dos fundadores do Museo do Pobo Galego e era vicepresidente do seu padroado.

Fernando Acuña Castroviejo. Foto: USC


Ao longo da súa carreira, Acuña Castroviejo dirixiu diferentes escavacións, como as do xacemento das Torres do Oeste (Catoira), o castro de Neixón (A Coruña) ou Castro Real (Boimorto). Ademais de membro correspondente da RAG, o catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela pertencía a numerosas sociedades científicas e era académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, expresa o pesar da institución polo falecemento de Acuña Castroviejo, de quen lembra a boa disposición que sempre amosou para colaborar coa Academia e os seus comezos como arqueólogo na sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento: "Xa nas súas primeiras investigacións arqueolóxicas, cando era moi novo, amosa unha gran personalidade. Neste eido e daquela está baixo o influxo dun grande investigador e mestre, Fermín Bouza Brey, que desde o Instituto Padre Sarmiento orienta un fecundo equipo de investigadores novos en arqueoloxía e antropoloxía (o propio Fernando Acuña Castroviejo, Xosé Manuel González Reboredo, Carlos García Martínez…)".

A capela ardente de Fernando Acuña instalouse no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O funeral será mañá, 14 de setembro, ás 12 horas, en Santo André de Trobe, en Vedra.