Pablo Pintor, Branca Villares e Brais Monxardín, interpretando "O Carro", poema de Manuel María convertido en canción. Autor: Xosé Castro
A introdución musical, con Branca Villares na voz, Pablo Pintor na zanfona e Brais Monxardín na gaita, incluíu tamén unha versión propia do poema "O soñador", do primeiro libro de poesía infantil de Manuel María, Os soños na gaiola (1968). Con estes versos, cantados desde o público, e tamén desde o escenario ocupado polos membros da Academia e o presidente da Xunta de Galicia, deu os primeiros compases unha celebración, a do Día das Letras Galegas, que converteu hoxe Outeiro de Rei "na capital literaria do mundo", dixo o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, nas súas palabras de benvida ao numeroso público. O auditorio, amosouse seguro, congregou moitas persoas que nunca nas 53 edicións anteriores do Día das Letras Galegas participaran nunha sesión da Academia, e foi así xa que Manuel María é o poeta dos séculos XIX e XX "que ten máis relevancia pública, porque está no corazón e na memoria" dos escolares que cantan e escenifican os seus versos, e porque tamén foi capaz de chegar aos adultos, expresou.
Alonso Montero foi tamén quen pechou o acto cun discurso no que se referiu ao Día das Letras Galegas como o verdadeiro Día de Galicia. "O noso día grande é o da palabra. A palabra é o diálogo, a conversa, o que facía tan ben Manuel María nos faladoiros (...). Hoxe é o día da lingua galega. Estou admirado de como o espírito de Manuel María, os seus versos, as súas mensaxes, os discursos literario e político, no sentido lexítimo da palabra grega, que é o que fai ao cidadán, como iso vai impregnando a sociedade", apuntou. O presidente da RAG puxo así en valor a defensa do idioma do autor de Outeiro de Rei e "o compromiso que nos fai contraer coa lingua a eficacia" dos seus poemas. Proba diso son os versos de "Galiza", a poesía escollida para o convite do acto (Galiza somos nós: / a xente e mais a fala. / Se busca a Galiza / en ti tes que atopala!), que recitou como colofón.
A celebración na Casa-Museo Manuel María, na que a presidenta do padroado e viúva do autor, Saleta Goy, exerceu de anfitrioa, rematou coa interpretación do Himno Galego a cargo da Banda Sons e Soños, composta por músicos de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte.
Os membros de número da Academia Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana foron previamente os encargados de glosar distintos perfís da obra e da personalidade do protagonista deste 17 de maio, que foi sobre todo poeta, pero que tamén cultivou a narrativa, o teatro, o ensaio e a prosa xornalística, ademais de desenvolver un importante labor de activismo e divulgación cultural por toda Galicia que mantivo ata pouco antes de falecer, en setembro de 2004.
'O activismo de sementar, o activismo de sentir'
Manuel Rivas na súa intervención
Manuel Rivas foi o primeiro en falar ante o atril instalado na horta da casa na que medrou Manuel María, onde aprendeu a construír versos co veciño Manuel de Paderna. "Sabemos que Manuel María foi un activista da verdade, mesmo cando a verdade andaba presa. Cada obra de Manuel María é un campo da verdade", empezou dicindo. O escritor leu o discurso O activismo de sementar, o activismo de sentir, título que sintetiza as dúas grandes calidades que quixo resaltar nesta xornada especial dun poeta no que "a natureza faise libro e ese libro é o mundo", e cuxos poemas "teñen esa condición de ser sentinelas da vida".
"Podemos contar a historia da literatura galega, e tamén a historia ecolóxica, a da relación entre terra e pobo, natureza e xente, e mesmo a vida da lingua, dende o activismo do recomezar. Despois de cada caída, de cada desacougo, de cada golpe, do esmagamento imperial con esa expresión noxenta de doma e castración, despois de cada demouca, silencio, esquezo, invisibilidade, Galicia sempre rexorde co activismo do recomezar. Con Manuel María diriamos, talvez con máis precisión, o activismo do Rivas: "Sabemos que Manuel María foi un activista da verdade, mesmo cando a verdade andaba presa. Cada obra súa é un campo da verdade" sementar. Sementar unha verba que se repite na súa obra, como se a palabra fose a cousa en si. E podemos dicir que o é. Podemos ver a simetría dos sucos, oír o parolar das leiras á espera da semente, e ver o gran en si. Así que cada obra de Manuel María é un campo de verdade. Era un espazo que existía en cada vila da mellor Grecia clásica: o campo da verdade. Alí onde se dirimían as inquedanzas, as urxencias, os anhelos comúns. Así que cada libro de Manuel María é un eido de verdade onde exercer o activismo de sementar", expresou Rivas. "Mais para sementar, para fertilizar os eidos da verdade, é preciso outro activismo esencial que Manuel exerce con xenerosidade incesante", proseguiu. "O activismo do sentir (...). O activismo do sentir significa percibir a alteridade, explorar, escoitar o pranto que vén de fóra, partillalo. Coñecemos o outro cando coñecemos a súa ferida. E é así que podemos compartir tamén o seu pan, a súa celebración", explicou Rivas.
'Resistencia e dereito á renacenza'
Margarita Ledo Andión. Autor: Xosé Castro
Baixo o título Resistencia e dereito á renacenza, Margarita Ledo arrincou a súa intervención trasladando o público ao Monforte dos primeiros anos 70, cando coñeceu persoalmente a Manuel María e a Saleta Goy, cun retrato cheo de lembranzas persoais dun autor en cuxa obra a lingua é "un dos topoi que acada ese selo político e colectivo da literatura resistente". "O compromiso coa fala definiuno no persoal e no comunal. Agora é cousa nosa non deixar que este fío tronce", advertiu para rematar un discurso no que definiu o idioma galego como "o noso principal signo de renacenza", signo que o poder "planifica arrincar ou tolleitar". Aquel primeiro encontro que evocou aconteceu cando Margarita Ledo rematara o primeiro curso na Escola de Xornalismo de Barcelona. Antes mandáralles a Manuel María e á súa dona unha carta, a primeira que escribía en galego, no que non fora alfabetizada, acompañada duns versos da súa autoría. A parella ofreceulle a súa casa na rúa Roberto Baamonde de Monforte, onde empezou a recoñecer, nos cadros, nos libros, nos afectos que ecoaban no xeito de se comportaren con ela "eses sinais dunha nación que se nos ocultou", rememorou.
A académica recordou algunhas das etapas vitais de Manuel María,Ledo: "Desa presada de contertulios que usaban o galego como resistencia e como dereito á renacenza, aprendeu a distinguir entre o discurso oficial e a Galiza subalterna, a da lingua marxinalizada e calada" empezando pola que viviu en Outeiro de Rei: "Aprendeu o respecto pola natureza, a ambigüidade das figuras entre lusco e fusco, a conciencia de finitude que, andando a Chaira, describimos como señardade, a angueira de nomear con xusteza. E escolleu un mundo que se chama Galiza como materia literaria e como actitude ética que o levou a atravesar todos os escenarios e a pór nos ollos e na capacidade de abraio dos cativos e cativas Os soños na Gaiola canda o teatriño de guiñol. Ou a partillar o rexurdir da (Nova) Canción Galega que fixo e fai del un dos autores máis musicados".
Ledo tamén mencionou os faladoroiros do Méndez, o café de Lugo onde Manuel María trabou amizade con Ánxel Fole ou Luís Pimentel: "Deles, desa presada de contertulios que usaban o galego como resistencia e como dereito á renacenza, Manuel María aprendeu a distinguir entre o discurso oficial e a Galiza subalterna, a da lingua marxinalizada e calada". Máis adiante o escritor sería el mesmo un elo entre as novas e as vellas xeracións: "Resistencia e dereito á renacenza, do papel insustituíbel de pasador que Manuel María desempeñou coa miña xeración é proba documental esta Casa de Hortas, que acolle o seu legado e onde tamén podemos contemplar a pegada dos devanceiros".
A colección Val de Lemos, da que Manuel María foi editor, é boa mostra dese labor. Os cadernos de poemas que saíron neste selo eran "mediadores entre as persoas que nos achegabamos á nación e nomes de culto publicados na mesma colección, con Celso Emilio, Bernardino Graña, con Xosé Neira Vilas", valorou Ledo. "Val de Lemos foi un lugar de lecer e de crenza no futuro; foi o desquite da palabra contra a súa desaparición; foi a lingua galega como sinal das contrabandistas. No meu caso foi algo máis, foi a botella ao mar na procura do que en algures acontecía; foi o modo de entrar en relación cunha xeración que fixo de min unha persoa amante da política, dos países pequenos e imperfectos e das historias con final aberto", confesou.
"Manuel María, o poeta"
Darío Xohán Cabana. Autor: Xosé Castro
Tras as palabras da arquiveira-bibliotecaria da RAG, Darío Xohán Cabana mergullou o auditorio nun percorrido pola obra poética do homenaxeado, mestre, amigo e padriño poético e nupcial. "O meu irmán maior Manuel María", engadiu con afecto. Nun discurso titulado sinxelamente Manuel María, o poeta, recoñeceu que o apelativo de "poeta da Terra Chá" que se lle adoita poñer ao protagonista do Día das Letras Galegas de 2016 é "algo máis ca unha anécdota pero moito menos ca unha definición ontolóxica ou existencial de Manuel María Fernández Teixeiro en canto poeta". Proba diso é extensa obra que deixou escrita en medio século: medio cento de libros de poemas, 1.800 poemas e 40.000 versos.
O académico repasou a súa traxectoria desde Muiñeiro de Brétemas, a obra que o converteu en 1950 no primeiro novo en publicar un libro en galego despois da guerra civil, e Advento, "un dos libros máis fermosos da poesía galega do século XX", ata a poesía de carácter máis persoal e íntimo da última xeira (a partir de 1980) pasando pola etapa na que cultivou a poesía de combate (1966-1979), na que brillou xunto a Celso Emilio Ferreiro, subliñou Darío Xohán Cabana.
"Manuel María foi o maior animal poético da nosa literatura nacional. Dende a súa Cabana: "Foi o maior animal poético da nosa literatura nacional. o núcleo esencial da súa poesía constitúe un dos grandes petoutos da xa longo cordal da poesía galega moderna"adolescencia ata a súa morte non debeu deixar de ser poeta nin un só día da vida. Foi ademais outras moitas cousas: home de ben cunha ética persoal e política intransixente e insubornable, traballador obrigado a gañar a súa vida, militante incansable, narrador, dramaturgo, escritor nos xornais, conferenciante, editor, axitador cultural. Pero poeta foino mesmo mentres durmía. Na súa obra extensísima non faltan momentos de laxitude, como é proverbial que os había en Homero, o que non hai xamais é falsidade. Todas as contas botadas, o núcleo esencial da poesía de Manuel María constitúe un dos grandes petoutos do xa longo cordal da poesía galega moderna", resumiu.
O autor homenaxeado este ano pola RAG, concluíu Cabana, foi, e segue sendo, ademais "o poeta máis popular polo menos dende Curros Enríquez". "Ducias de cancións súas sábese aínda de quen son; outras xa non se sabe, ou xa poucos o lembran, e son cantadas como cousa anónima, de tradición oral. E foi o poeta máis querido porque en moitos deses poemas condenados a ser cancións interpretou coma ninguén o espírito do pobo; por iso e tamén pola súa condición persoal, pola súa bondade persoal. Sabemos moi ben que para ser un gran poeta non fai falla ser boa persoa; pero cando as dúas cousas coinciden como coincidiron no meu mestre Manuel María, velaí onde está realmente o gran milagre do mundo", concluíu emocionado.