No centro da imaxe, os presidentes do Camões e da RAG, Luís Faro Ramos e Víctor F. Freixanes, acompañados do secretario da RAG, Henrique Monteagudo, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora de ensino portugués do Instituto Camões en España e Andorra, Filipa Soares.
Na reunión, na que tamén participaron o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e a coordinadora de ensino portugués do Instituto Camões en España e Andorra, Filipa Soares, lembrouse a relación histórica, cultural e literaria non só entre Portugal e Galicia senón tamén entre a propia RAG e o país veciño. Desde a súa fundación en 1906, a RAG contou con máis de medio cento de académicos correspondentes e de honra portugueses.
Os contactos co Instituto Camões inciden na mesma liña de cooperación aberta coa Academia Brasileira de Letras (ABL). Tras a sinatura dun acordo de amizade e colaboración entre ambas as academias o pasado xaneiro na rúa Tabernas da Coruña, a RAG devolveu a comezos deste mes a visita do seu presidente, Marco Lucchesi, no marco dunha viaxe institucional ao Brasil. Víctor F. Freixanes apostou ante o pleno da ABL por estreitar os lazos entre ambas as culturas e defendeu a irmandade do galego co portugués, unha relación na que considera que o galego debe apoiarse para gañar proxección exterior".
A xuntanza entre os representantes da Real Academia Galega e do Instituto Camões produciuse cadrando coa celebración no Consello da Cultura Galega do Foro Inés de Castro, concibido como un encontro para concretar as relacións entre Galicia e Portugal no século XXI.