A RAG e o Concello de Ames recollen o premio Mil Primaveras a 'Modo galego, actívao!'

Modo galego, actívao!, o proxecto de investigación e acción para a promoción do galego na infancia que desenvolven a Real Academia Galega e o Concello de Ames en colaboración cos once centros educativos públicos amesáns, é unha das experiencias premiadas na sexta edición dos Premios Mil Primaveras. Os galardóns da Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), que se entregaron hoxe en Pontevedra, recoñeceron outros tres programas que inciden na infancia e na mocidade, favorecen a socialización en galego e potencian a reflexión e a posta en marcha de medidas para asociar a lingua con valores positivos: a canle de vídeos animados Galego para Peques, a empresa de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego Brazolinda e o programa do CEIP Sagrada Familia da Coruña Vitamina G, que aposta polo galego como factor de integración e cohesión social. 

O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o alcalde de Ames, Blas García, recolleron o galardón concedido a Modo galego, actívao! no acto de entrega que acolleu este mediodía no Pazo da Cultura de Pontevedra. A CTNL celebrou a entrega dos premios coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través do programa Culturea, e do Concello de Pontevedra.

Henrique Monteagudo expresou na súa intervención a importancia de implicar unha corporación municipal nun proxecto deste tipo, xa que “a defensa da lingua é labor de todas as institucións e os concellos teñen un papel fundamental pola proximidade á cidadanía”. O presidente da Academia lembrou que a elección de Ames para este proxecto debeuse ao traballo que este viña facendo de defensa da lingua e mais pola composición sociolingüística do propio municipio; e agradeceu tamén a implicación das directivas dos centros educativos, sen as cales levar a cabo o proxecto sería moi difícil. “Levamos colaborando dende o ano 2021 e temos a vontade de seguir da man do Concello de Ames para ampliar este proxecto, que pode ser exportar a outros municipios”, manifestou.

O alcalde de Ames confiou tamén en que o proxecto sirva de exemplo para outros concellos e destacou a necesidade de abordar a defensa do galego por parte das administracións dende a unidade. “Todas as administracións debemos remar na mesma dirección, o galego é patrimonio de todos e todas, é un nexo de unión, non un motivo de separación. Non podemos poñernos de perfil ante a situación límite que está vivindo o noso idioma”, declarou Blas García.

Modo galego, actívao! é un proxecto de investigación e dinamización lingüística que veñen desenvolvendo, dende o ano 2021, a Real Academia Galega e o Concello de Ames en colaboración con once centros educativos amesáns de infantil, primaria e secundaria, xunto co monitorado dos servizos complementarios de educación. Ao seu abeiro, deseñáronse, puxéronse en práctica e avaliáronse iniciativas orientadas á educación formal e non formal co obxectivo de activar a lingua galega entre o alumnado e converter os centros de ensino en espazos seguros para o seu uso. No programa participaron arredor de 3.000 alumnos e alumnas e as súas familias, 200 profesores e profesoras e 150 monitores e monitoras. Contou, ademais, coa colaboración das ANPAS municipais.

Unha iniciativa para celebrar e difundir
O acto de entrega dos Premios Mil Primaveras estivo conducido por Atenea García, actriz, creadora escénica e narradora oral, titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. A RAG e o Concello de Ames recibiron un diploma e un dos trofeos desta edición, unha peza artística elaborada por Coas Mans Artesanía. 

Na páxina web dos Premios Mil Primaveras están dispoñibles os 32 proxectos escollidos polos xurados das seis edicións destes galardóns, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles. Con esta difusión, a CTNL pretende que as iniciativas recoñecidas sirvan de modelo para outras asociacións, iniciativas ou entidades interesadas na promoción do uso e do prestixio do galego.