A poesía íntima de María Victoria Moreno

"Sei escribir para adultos, pero non me interese escribir para eles", dixo con rotundidade nunha ocasión María Victoria Moreno cando lle preguntaron por que decidiu dirixirse ao público máis novo. Que esta aseveración é certa demóstrano algunhas das súas novelas xuvenís, púñalle de exemplo a Xosé Antonio Neira Cruz nunha entrevista publicada en Fada Morgana. Contáballo cando acababa de saír do prelo unha delas, Guedellas de seda e liño, escrita cando xa padecía o cancro que acabaría coa súa vida en 2005. Pero a vivencia da doenza deu lugar a un novo título para o público maduro, Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004). Outra proba máis, Elexías de luz (Xerais, 2006), fíxose pública postumamente descubrindo unha faciana, a da poeta, que a autora mantivera fundamentalmente no ámbito privado. "A súa é unha poesía que a pode situar á altura dos nosos mellores clásicos, como Cunqueiro ou Cabanillas, poetas que ela coñecía perfectamente e apreciaba", valora o escritor Xesús Rábade Paredes, ex-alumno e amigo da autora.

Varios títulos para o público infantil de María Victoria Moreno son contos rimados, e o verso foi tamén a forma que escolleu para o pregón que leu na Feira do Libro de Pontevedra de 2003, pero en vida, a protagonista do Día das Letras Galegas de 2018 nunca chegou a publicar poesía para adultos. "Eu creo que facía poesía por necesidade, porque hai algo dentro que te empurra a facelo, pero penso que lle producía moito pudor publicala. Quizais foi por iso que nunca o fixo, pero é unha poesía moi digna. Paréceme un pouco inxusto que non se coñecese esta faceta súa ata a edición póstuma, á que coido que tampouco se lle fixo moito caso", lamenta Antonio García Teijeiro, que trabou amizade coa autora no tempo compartido na codirección da colección Árbore de Galaxia. A familia do escritor tiña o privilexio de escoitar na voz de María Victoria algúns dos seus poemas nas sobremesas compartidas. "Traíaos á casa escritos en folios e despois da cea líanolos, con certo temor polo que pensabamos. A verdade é que a súa poesía nos engaiolaba, é profunda, moi intimista, pesimista nalgúns momentos, ás veces incluso chea de dor", detalla.

Cuberta de 'Elexías de luz'

Xesús Rábade Paredes coñeceu a María Victoria cando lle deu clase no Instituto Masculino de Lugo, na segunda metade dos anos 60. Foi o comezo dunha amizade que durou toda a vida e que lle permitiu apreciar a súa poesía por primeira vez hai xa máis de corenta anos. "Eu xa a tiña descuberta como poeta, coñezo sonetos dela desde os anos 70. Estou absolutamente convencido de que os versos publicados en Elexías de luz son minoritarios na súa produción poética", afirma. O escritor lugués coida que, malia non ter publicado nunca poesía, si tiña intención de facelo, como demostra este volume. "O libro que se publicou póstumo deixouno máis ou menos organizado. É un libro que deixa aberto, no que está traballando, por iso se publicou así e parece moi heteroxéneo. Penso que tiña pensado reunir os textos que lle parecían máis valiosos e o labor quedou inconcluso", suxire.

Tamén lera algúns dos seus poemas outro amigo, o tradutor Xavier Senín, pero o alcance da dimensión de María Victoria como poeta non a coñeceu ata despois do seu pasamento, cando a familia da escritora lle confiou a edición das composicións reunidas en Elexías de luz, escritas nos últimos anos da súa vida. Porén, non lle sorprendeu. "Se me din que aparece unha obra de teatro de María Victoria Moreno, tampouco me estrañaría. Coñecía moitísimo a literatura, tanto a clásica como a do século XX, e como persoa creadora dominaba a técnica da escrita, polo tanto da poesía e da prosa", salienta.

O volume póstumo recolle, xunto a varios poemas soltos, os plasmados en cinco cadernos que comprenden, segundo explica no limiar Xavier Senín, dúas obras: Elexías de luz, presentada a un premio literario baixo o pseudónimo de Peregrina Pérez, dato que reforza a idea de que na última etapa da súa vida si podería estar pensando en facer pública a súa poesía; e Duns folios que foron brancos, o libro no que estaba a traballar cando morreu, en cuxa dedicatoria deixa constancia da profesora vocacional que foi. Ademais de ao seu home, Pedro Ferriol, quixo dedicárllelo a "tódolos rapaces e rapazas que descubriron a complicidade dun folio en branco" e a "aqueles que a descubrirán". Abre deseguido Duns folios que foron brancos estes versos:

Limiar

Se eu achase a palabra
donda, escintilante,
tan lene coma o peito da andoriña,
tan rexa coma a face da verdade...

Se eu achase a palabra
de lume, de auga, de aire,
de terra aloumiñada pola brisa
que arrola cada tarde...

Se eu achase a palabra
limpa, espida, que cabe
no efémero latexo dun salouco
e abrangue a eternidade...

Se eu achase a palabra
de amor que iluminase
esta esfera que treme estarrecida
na sombra e na soidade...

Se eu achase a palabra
eu pintaría o planeta de paz e liberdade.

Outro poema de Dous folios en branco é a "Cantiga" musicada por Fuxan os Ventos como homenaxe a María Victoria Moreno co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a ela. O tema, que colle o título dun dos seus versos, "Lúa de prata", pode escoitarse nesta ligazón.

A parte do poemario que lle dá título ao volume, Elexías de luz inclúe, entre outras composicións, "Díptico gramatical", con dous poemas que conxugan a vea lírica da autora co seu perfil de filóloga amante do rigor lingüístico, "En xerundio xerundiando" e "desde París dicir...", que se reproduce baixo estas liñas.

desde París dicir...
Adoro o infinitivo concertado...
Quero dicir que adoro esa estrutura
na que tempo e aspectos dan finura
ó sentir co pensar ben axustado.

Pero detesto o verbo desnortado,
lamento esa orfandade pobre e dura
do infinitivo enxebre, o cal abura
o espazo natural dun enunciado.

"Desde París dicir que o presidente..."
"Nesta ocasión saudar o xesto bravo"
"Para acabar pedir prazos abertos..."

Digo, saúdo e pido dignamente
desde París, nesta ocasión e acabo,
un canto inútil ós verbais concertos.