"A poesía de Rosalía de Castro ten música case a flor de pel"

Amancio Prada leva máis de corenta anos cantando a Rosalía de Castro. O seu primeiro disco, gravado en París en 1973, xa incluía dúas composicións súas e o segundo dedicoullo integramente a ela. "Rosalía forma parte da miña vida", asegura. Grazas a el, a poeta chegou a mares nunca d'antes navegados, salientou, parafraseando a Camões, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, na presentación do artista no concerto de homenaxe a Rosalía que ofreceu polo seu 179 aniversario. Pero o músico tamén cantou, e coñeceu, outras figuras das nosas letras como Álvaro Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro, lembra nesta entrevista.

Amancio Prada posa xunto ao retrato de Rosalía de Castro que serviu de pano de fondo no recital que ofreceu na Real Academia Galega o día do 179 aniversario do nacemento da poeta. Foto: RAG


A Rosalía Amancio Prada coñeceuna de verdade cando estudaba a carreira en Valladolid. Alí descubriu en carne propia a morriña da que falaban os seus versos e empezou a poñerlles música. O primeiro poema convertido en canción foi "Como chove miudiño", co que o cantautor abriu o recital que ofreceu na rúa Tabernas.

Cando empezou a cantar Amancio Prada e que cantaba?
Empecei a cantar cando era neno, escoitando ao meu pai cando ía arando. Eu ía diante das vacas e el, sementando no suco recén aberto. Cantaba alalás en castelán, en galego, en asturiano, porque no Bierzo crúzanse todos os acentos e ventos. E ese canto, así, rumiado, como unha salmodia que ía sementando no suco aberto, co trigo ou o centeo, completábase cos cantos da miña nai, que era a que mellor cantaba. No Bierzo cantábase moito, moito máis ca agora, como en todas partes. A música ambiental, a radio e os televisores acesos matan o canto, igual que o run-run do tractor matou o canto dos labregos. Pero si, o canto é unha constante na miña vida.

O camiño da canción de autor tamén o comezou ben novo.
Empezou en Valladolid cando tiña 17 ou 18 anos e escoitei por primeira vez cantar a Paco Ibáñez "Andaluces de Jaén". Valladolid foi para min, nese sentido, como Damasco para a conversión de Paulo de Tarso. Alí tamén descubrín a Rosalía.

E como recorda aquela primeira aproximación á poeta?
Supoño que a Rosalía a estudei no bacharelato, como tantas cousas, pero foi en Valladolid, onde fun estudar Dirección de Empresas Agrarias, onde sentín unha sintonía moi íntima con ela. Eu vía chover alí e acordábame da choiva no Bierzo, da paisaxe, da nostalxia.

"Como chove miudiño" foi precisamente a primeira poesía de Rosalía que musicou.
Si, pero axiña cantei e musiquei "Pra A Habana" e "Un repoludo gaiteiro". Estes tres poemas foron desde logo dese primeiro período, e entre os 20 e os 23 anos case tiña compostas todas as cancións que apareceron naquel disco monográfico do ano 1975, Rosalía de Castro.

Vostede púxolle música a unha creación poética que está chea dela.
Penso que non se trata de poñer música, senón de extraela. E a poesía de Rosalía, sobre todo Cantares gallegos e Follas novas, ten música case a flor de pel. O caso é dar con ela.

Hoxe moitos nenos e nenas seguen a aprender "Adiós ríos, adiós fontes" coa música que vostede atopou neses versos.
É unha canción afortunada. Ten éxito sempre que a canto, en Cádiz, Nova York, París ou"Hai que ter coidado, que Rosalía non deixe de ser un documento para ser un monumento" Huesca, pero quixen que o concerto polo seu aniversario fose amplo, porque Rosalía é moito máis ca "Campanas de Bastavales" e "Adiós ríos, adiós fontes". Hai que ter coidado, que Rosalía non deixe de ser un documento para ser un monumento. Nese sentido, hai que ampliar o abano de elocuencia arredor da súa obra e non quedar só con "Adiós, adiós fontes" ou con "Negra Sombra".

No recital que ofreceu na Real Academia Galega vostede destacou que Rosalía segue viva porque segue vive a súa obra. Segue tamén viva no seu repertorio actual?
En Galicia é onde menos canto, pero eu non deixo de cantar nunca a Rosalía. Só non a canto cando dou un concerto como os dedicados a san Juan de la Cruz e santa Teresa de Xesús, porque non hai bises. Nos demais sempre canto algunha canción de Rosalía, porque forma parte da miña vida, xa non da miña obra, está dentro de min, vai comigo. É a miña luminosa sombra, e claro que está viva.

Segue a compoñer música para os seus versos?
Podería facer outro disco, porque case todo de Rosalía é cantable, pero hai que deixar tarefa para outros.

Ela non é a única figura da literatura galega a cuxa obra vostede puxo música. Tamén canta a Celso Emilio Ferreiro, a Álvaro Cunqueiro…
A Eduardo Pondal, a Darío Xohán Cabana. E despois teño dous discos, que para min son entrañables, dedicados á cancion tradicional. Caravel de caraveles, do ano 1976, e De mar e terra, de 1999. Parte das cancións son as que escoitaba de neno e cantabamos sendo mozos no Bierzo, e chegaron a min por afluentes que xa nin recordo. Pero tamén tiven a sorte de atoparme con dúas figuras fonte dese canto tradicional: Teófilo Caamaño, un vello republicano de Carnota que coñecín en Segovia, e Carmen Martín Gaite.

A Cunqueiro dedicoulle o disco 'A dama e o cabaleiro'. Que recordo garda del?
Para min Cunqueiro é marabilloso. Entronca e prolonga a lírica dos trobadores dunha forma tan coherente! Coñecino no ano 75 cando fun presentar a Vigo o disco de Rosalía, asistiu xunto con Carlos Casares.

E que lle dixo?
Díxome que lle encantara o disco e que escribira un artigo poñéndoo polas nubes. Pero tan polas nubes debeu de poñelo que nunca o atopei (ri). Leo moito a Cunqueiro, gozo lendo Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes. Sobre todo eses tres libros, á parte da súa poesía (…). No ano 80 fun a Vigo presentar o disco Leliadoura e paseando pola rúa Príncipe vin exposto o libro da súa obra completa de poesía e teatro, acabado de editar. Merqueino, fun á súa casa tomar un café e falamos dos trobadores. Recordo que ía folleando o libro e dicía: que marabilla! Isto son cancións, claro que son cancións! El morreu dous anos despois e A dama e o cabaleiro publicouse no 87, pero seguro que o estará escoitando aí (mira cara a arriba) xunto a Merlín e familia.

A Celso Emilio tamén o coñeceu.
Si, e trateino máis. Daquela aínda vivía en Segovia e convidámolo a recitar. Recordo que me contou que tiña un pandeiro co que andara por toda América e que onde queira que ía nunca se separaba del. Tamén me aprendeu unha canción. Púxose a repenicar nas"Recordo que Celso Emilio me contou que tiña un pandeiro co que andara por toda América e que onde queira que ía nunca se separaba del" miñas costas e comezou a cantar "Como se espeta no chan, como baila a muiñeira a muller do meu irmán…". "Que copla tan bonita, cántaa, cántaa", dicíalle eu. Incluína en Caravel de caraveles. Tamén demos uns recitais xuntos en Ponferrada. Empezara a escribir unha biografía sobre min, o que era un disparate, porque entón eu non tiña nin 30 anos, pero Silverio Cañada estaba empeñado en que se fixese e convenceu a Celso Emilio Ferreiro para que a escribise, pero morreu antes. Outra persoa á que tratei bastante foi Domingo García Sabell, en De mar e terra reproduzo unha carta que me escribiu. E tamén a don Ramón Piñeiro. Cando ía a Santiago de Compostela visitaba dous amigos, Luís Mariño e Ramón Piñeiro, que foi quen me convidou a cantar por primeira vez, e única, na casa de Rosalía de Castro. Foi nunha mañá de domingo de maio, nos xardíns da casa-museo, no ano 1974. Desde entón teño ido moitas veces visitar a casa pero non a cantar. Si, teño coñecido moita xente en Galicia moito mellor ca min. Procuro sempre arrimarme a xente mellor ca un, por se se pega algo (ri).