O encontro anual da Real Academia Galega sobre o estudo dos nomes propios, convocado desta volta baixo o título Os outros nomes, reuniu este sábado no Museo de Pontevedra especialistas que profundaron na onomástica da ciencia, as intelixencias artificiais galegas, os grupos tradicionais, os fanzines e os animais domésticos. Púxolle o ramo ao encontro o contador Celso Sanmartín coa actuación Dicir o nome e esperar o eco.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a académica correspondente Luz Méndez, coordinadora da xornada canda a académica de número Ana Boullón; e a directora do Museo de Pontevedra, María Ángeles Tilve, inauguraron a nova edición desta iniciativa do Seminario de Onomástica da RAG que se celebra, dende 2016, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o museo provincial.
“A onomástica préstalles atención sobre todo aos nomes de lugar e das persoas, pero nesta ocasión quixemos deternos nesoutros que designan elementos do mundo moi diversos. Nestes casos o seu estudo non ten tanto que ver coa etimoloxía das palabras como coas referencias sociais e persoais que hai detrás do seu uso, que falan de nós como pobo e nos sitúan nas culturas da nosa contorna”, explica Luz Méndez.
O réptil que homenaxea a López Seoane e outros nomes da ciencia
Xurxo Mariño repasou na súa intervencións distintos tipos de nomes científicos, empezando polos que se cinguen á nomenclatura binomial do botánico sueco Carl von Linné, que emprega dúas palabras en latín ou latinizadas, a primeira indicadora do xénero e a segunda da especie. As fontes de inspiración deste sistema adoptado internacionalmente van dende calquera nome común á homenaxe a unha persoa ou a quen identificou un animal ou planta. Este último é o caso da Vipera seoanei, nome fixado polo zoólogo francés Fernand Lataste en recoñecemento ao seu colega o naturalista galego Víctor López Seoane (1832-1900), destacado taxónomo da zooloxía do s. XIX. “Con tantos seres vivos por describir, hai nomes para todos os gustos e non faltan as referencias a Galicia, como sucede co cogomelo Amphirosellinia gallaeciana ou cos escaravellos Oulema gallaeciana, Domene gallaeciana e Aepus gallaecus”, prosegue Xurxo Mariño.
Alén do sistema científico, os nomes propios tamén son habituais entre as árbores senlleiras. En Galicia existen moitas mostras, entre as que se atopan a Perona (Abies nordmanniana) do Paseo da Ferradura de Santiago de Compostela, plantada con motivo da visita de Eva Duarte e Perón á cidade en 1947; ou a camelia Pantalóns (Camellia japonica) do pazo de Lens, apunta Xurxo Mariño.
O divulgador recorda no seu repaso dos nomes propios da ciencia e da natureza os de formacións xeolóxicas singulares como o dobramento Campodola-Leixazós, a Terra Chá, o Pico Sacro ou a fervenza de Ézaro, e tampouco esquece os das innumerables formacións rochosas do interior e da costa galega, como o Con do Forno, o Con dos Tres Pés ou o Con Retellado.
A ciencia está ademais a inzar de nomes propios o espazo exterior. Os 43.000 cráteres de Marte teñen o seu nome propio, e o mesmo acontece con outras das súas formacións, como o conxunto de canóns Valles Marineris ou o Monte Olimpo.
Da estrela Rosalía e Castro á da fartura
Nos nomes do ceo detívose Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Ío, impulsora da campaña que lle puxo oficialmente o nome de Rosalía de Castro a unha estrela anteriormente denominada HD149143. O divulgador, canda o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Salvador Bará, colaborou no seu día coa revisión do tecnolecto astronómico do Dicionario da Real Academia Galega, un traballo que deu lugar á aprobación dos nomes normalizados das constelacións. “Foi un paso importante, mais debe ser só o primeiro de moitos”, considera.
“Carecemos de nomes galegos para as estrelas de uso máis frecuente, para as cales habería que fixar un criterio. O nome oficial da estrela máis brillante do Can Maior é Sirius, e así a cita Eduardo Pondal. Deberiamos fixar Sirio, que é o nome que emprega habitualmente a comunidade astronómica, ou mantemos o criterio das constelacións e traducimos, cando se poida, o étimo latino por algo cun significado familiar en galego?”, pregúntase.
Martín Pawley destaca ademais o “desafío especialmente excitante” que supón a reivindicación e recuperación de formas tradicionais galegas que teñan unha base documental de certa solidez pensando no seu uso nas accións divulgativas. “É o caso das denominacións populares do planeta Venus como estrela panadeira ou estrela da fartura, ou as que designan os cometas como estrelas de rabo e as súas colas como rabo, voz empregada por Xoán Manoel Pintos cando se fixo eco do paso do cometa Donati no ano 1848”, concreta. O divulgador astronómico refírese así mesmo a algúns asterismos, dende o popular Carro da Osa Maior ata a galiña cos polos ou cos pitos que se asocia ás Pléiades, ou as estrelas do leite no cinto de Orión. “Está por facer o labor, abofé que inmenso, de revisión de arquivos e hemerotecas, mais tamén do corpo literario de noso, para rescatarmos referencias astronómicas de todo tipo”, conclúe.
Os nomes das intelixencias artificiais que falan galego
A directora do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, Elisa Fernández Rei, a tamén lingüista Adina Ioana Vladu e a enxeñeira Carmen Magariños Iglesias, do mesmo centro, participaron no encontro cun relatorio no que se referiron ás estratexias que se están a empregar na elección dos nomes das voces da intelixencia artificial, comparando as galegas coas doutros idiomas. “Non acontece o mesmo nas linguas maioritarias ca nas que se atopan en situación de minorización, isto condiciona as escollas. En xeral hai máis carga identitaria en situacións como a do galego, o vasco ou o catalán. Búscanse nomes que sexan marcadamente galegos para que non haxa dúbida de que é unha tecnoloxía que fala a nosa lingua”, resume Elisa Fernández Rei.
As primeiras voces sintéticas que falaron galego, desenvolvidas nun proxecto que arrincou na segunda metade dos anos 90, foron así bautizadas como Sabela e Iago. Adaptada a unha tecnoloxía máis avanzada, Sabela forma hoxe parte das opcións que ofrece o Proxecto Nós, que conta tamén coa denominada Icía e outra chamada Celtia, a máis desenvolvida. Todos eles son nomes de persoa que contribúen á humanización da tecnoloxía que fala, cada vez máis fiel na reprodución das diferentes características que definen unha voz máis aló do meramente lingüístico, porque “as voces tamén transmiten unha personalidade, unha actitude e mesmo un estado de ánimo”, lembra a lingüista.
Os nomes dos grupos das pandeireteiras: dos lugares ao corvo Roquiños
Os nomes dos grupos das pandeireiteiras será outro dos temas abordados na xornada da man de Noemi Basanta. A filóloga e tocadora presentará un estudo realizado a partir dos datos de tres décadas do Concurso de Música Tradicional Xacarandaina, o certame máis lonxevo de Galicia no seu xénero, que permitiu xerar un inventario de preto de medio milleiro de rexistros.
Un número importante de grupos, 149, adoptan os nomes das asociacións ás que pertencen, indica a investigadora, que considera de interese estender o estudo onomástico a estas entidades vinculadas á música tradicional do país. Outros 39 grupos analizados empregan nomes de lugar ou xentilicios (Lapachán, Pedramoura, Rechinolas, Xeixo Branco, Olveiriñas...), mentres que outros 69 grupos de pandeireteiras usan un adxectivo co que se adoita facer referencia á súa composición interna (Laretiñas, Bulideiras, Argalleiros, Tarambainas, Mainiños, Galdrumeiras, Meiroqueiras...).
Pero segundo esta mostra, o máis habitual é que os grupos de pandeireteiras (197) se decanten por un substantivo do léxico común galego. “Estes nomes permiten facer un percorrido por áreas temáticas diversas, que van desde a fauna e flora ata oficios tradicionais, a paisaxe, a música e fenómenos meteorolóxicos. Non obstante, unha análise discursiva máis profunda revela que estas denominacións non só identifican os grupos de pandeireteiras, senón que tamén agochan valores, crenzas e prácticas culturais enraizadas no imaxinario colectivo”, valora Noemí Basanta.
“Os nomes de alimentos e froitos, como Amendoín (améndoa), Guinea (cabaza), Maiola (castaña seca) ou Berberechas (molusco), conectan co mundo rural e mariñeiro, facendo visible o nexo entre a identidade galega e os recursos naturais que sustentan o modo de vida da comunidade. O mesmo ocorre cos nomes que fan referencia a sementes, como Carabuñas ou Bugallas. Non obstante, o uso destes termos en plural para nomear colectivos de mulleres é susceptible de ser interpretado como unha metáfora que as identifica en base á fertilidade”, detalla entre outros exemplos.
Un pequeno número de grupos da mostra analizada adopta nomes baseados en persoas ou animais. É o caso de Roquiños, que lembra o corvo chamado Roque, “moi famoso nos anos 90 en Muxía”. “Convivía coa xente e mesmo se dicía que falaba. De certo xeito, converteuse nunha personaxe histórica da vila, sendo hoxe a mascota oficial da biblioteca do colexio”, recorda Noemi Basanta.
Os fanzines galegos
Ramón Mariño Fernández, autor do ensaio Fanzines en Galiza, levou á IX Xornada de Onomástica Galega os nomes deste tipo de publicacións autoeditadas, medios creados á marxe “para a xente que vive na marxe”. No ámbito lingüístico, un dos selos de identidade dos fanzines galegos contemporáneos son os xogos alfabéticos, con modificacións como a correspondente ao son /k/, que se grafa en galego como “c” ou “qu” e que nestes medios adoita representarse co “k”. A partir dos anos 80 é tamén frecuente a substitución do dígrafo “ch” por “tx” do éuscaro. “Un exemplo é o propio nome do fanzine galego Komando Kutxarilla ou o de K-putxa. A orixe destas substitucións estaría detrás dunha postura contestataria ante as regras establecidas dende instancias académicas e, por extensión, gobernativas”, analiza Ramón Mariño, que se doutorou cunha tese sobre os fanzines.
Alén da onomástica, este tipo de publicacións serviron ademais como “plataformas de lanzamento” de termos hoxe estendidos, empezando pola propia voz que os designa ou contracultura, anarka ou hardcore, engade. “En definitiva, os fanzines aportaron e continúan aportando á lingua oral e escrita en galego novas solucións”, subliña.
Onomástica escolar: os nomes dos animais domésticos
A onomástica como ferramenta pedagóxica, unha perspectiva habitual nas Xornadas de Onomástica Galega dende os seus inicios, estará desta volta representada por Anxos García Fonte. A profesora do IES Breamo de Pontedeume presentará unha aproximación aos usos contemporáneos nos nomes de animais.
Anxos García Fonte exporá o resultado dun traballo de pescuda e análise sobre os nomes dos animais domésticos no que participaron alumnos e alumnas de Lingua e Literatura Galega e Oratoria. “Durante o proceso de recollida, reflexionamos nas aulas sobre as implicacións que ten poñer nome a un animal e buscamos información da historia da domesticación de certas especies de animais por motivos utilitarios e de afecto”, explica. O proceso deste traballo e a análise dos datos quedaron reflectidos finalmente nun podcast escolar.