Un momento do concerto de Resonet. Fonte: RAG
As voces e os sons da zanfona, a gaita e percusión, a tiorba e a guitarra de Resonet abriron e pecharon o concerto coas composicións de Manuel Feijoo para dous poemas de Rosalía de Castro, "Nasín cando as prantas nasen" e "Eu cantar, cantar, cantei". A escritora fundacional das letras galegas contemporáneas mereceu boa parte dun repertorio que incluíu, xunto a outras pezas escritas para versos de Alberto Camino ou Rey Romero, o "Pranto por Basilio [Carril]"que Manuel Feijoo escribiu tras o pasamento en 1974 do gaiteiro veciño de Santiago de Compostela, ou o popurrí "Galicia en Europa", que mestura fragmentos de composicións de Beethoven e o mestre Baldomir.
O concerto púxolle o ramo a un serán que arrincou coa presentación de Padre Manuel Feijoo. Música da nosa terra por parte do coordinador da edición e sobriño do músico, Enrique Mourille, o responsable de Armonía Universal, Carlos Núñez Deza, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.
Padre Manuel Feijoo. Música da nosa terra sae do prelo tras veren a luz outros dous títulos, un centrado na súa música polifónica, que inclúe as cinco misas que compuxo o músico, e outro, coa súa música de Nadal. Para Enrique Mourille, neste último libro apréciase a "importante conexión que o padre Feijoo tiña coa música popular galega e a tradición literaria galega". "Nel séntese ante todo un músico galego", engade.
Pola esquerda, Carlos Núñez Deza, Enrique Mourille e Víctor F. Freixanes conversan momentos antes do inicio da presentación-concerto. Fonte: RAG
Carlos Núñez Deza salienta ademais "o peso que ten a música do padre Feijoo na difusión da música popular da súa época", porque ademais de músico foi un gran divulgador grazas ao "entusiasmo" que o caracterizou. "A súa é unha música moi galega, cunhas raíces populares moi importantes", un trazo que pon ao servizo das figuras máis representativas do Rexurdimento e etapas posteriores das letras galegas, detalla. O resultado son composicións que funcionan "como unha banda sonora para os escritores máis significativos das nosas letras", "a música non leva o protagonismo, pero si acompaña perfectamente a letra e así pona en valor".
Manuel Feijoo (1926 – 1992), natural de Outomuro (Cartelle, Ourense), mergullouse no mundo musical e literario no Seminario de Santo Antonio de Herbón, onde se formou desde os 13 anos e máis tarde foi organista e profesor de música e literatura. O padre franciscano compaxinou estes labores coa composición musical e a fundación de coros, como os infantís de Herbón e Ponteareas e, xa en 1966 e establecido en Santiago de Compostela, o Orfeón Terra a Nosa. Con esta agrupación chegou á súa máxima efervescencia creadora e fixo xiras internacionais, sempre bebendo da tradición galega, mesmo en momentos nos que a lingua, a literatura e a música popular de noso permanecían relegadas, conclúe Enrique Mourille, que recorda como o padre Feijoo sempre deixaba espazo nas súas clases para as letras galegas.