A mostra sobre os protagonistas do Día das Letras Galegas chega a Ponteceso

A exposición 53 páxinas das nosas letras chega á súa derradeira etapa poñendo en valor as figuras homenaxeadas nas distintas edicións do Día das Letras Galegas desde a súa creación, en 1963. A mostra, organizada polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, permanecerá aberta ao público na biblioteca municipal de Ponteceso despois de percorrer numerosas localidades galegas, Madrid, Barcelona, Bruxelas, Buenos Aires e Montevideo. A inauguración desta ocasión final para vela converteuse nunha homenaxe a Eduardo Pondal.

Un momento da inauguración da mostra en Ponteceso. Foto: Parlamento de Galicia


A exposición amosa as Medallas das Letras Galegas, obra do debuxante e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro, e pertencentes á colección de arte do Parlamento de Galicia. O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, participou este mércores na inauguración da derradeira itinerancia da mostra xunto á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; o alcalde de pontecesán, Lois García Carballido; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o xerente da Fundación Pondal.

A apertura da mostra converteuse nunha homenaxe a Eduardo Pondal, que naceu e viviu en Ponteceso. O alumnado do colexio que leva o seu nome abriu o acto cun dos seus poemas, o que leva o nome da vila, e pechouno coa interpretación do Himno Galego, cuxa letra compuxo tamén Pondal, protagonista do Día das Letras Galegas de 1965.