A mensaxe de Porteiro Garea aos galegos emigrados

As Irmandades da Fala procuraron novos apoios ás súas reivindicacións entre "os americanos". Así eran coñecidos os emigrantes galegos da época, aos que o catedrático de Dereito e político Lois Porteiro Garea se dirixe en A los gallegos emigrados. O folleto foi editado pola Propaganda das Irmandades da Fala dous anos despois da súa fundación.

No texto, escrito en Vilalba entre o 18 e o 19 de xuño de 1918, Porteiro Garea explica as razóns da falta de apoio da maioría dos industriais e comerciantes á causa das Irmandades e anima a que ese baleiro o cubran os galegos establecidos en América, "no actuando de nodrizas nuestras, sino encargándose de apoyar el movimiento en el orden moral y en el económico en la medida que crean conveniente, con organizaciones autónomas para esos fines". Entre os obxectivos máis urxentes desa axuda, o político compostelán salienta a creación dun instituto de estudos galegos.

O folleto preséntase como a resposta á petición que recibiu Porteiro Garea de redactar un traballo sobre o rexionalismo galego para a súa difusión entre a comunidade galega en América. O autor salienta que non quere dela que traia "un céntimo a nuestra manos", senón que ansía que promova a constitución de organizacións rexionalistas de emigrados nas "Repúblicas americanas" que ordenen os seus fondos e que os dediquen "a la labor que juzguen más eficaz".