Xesús Alonso Montero, nas Obras Completas de Manuel Leiras Pulpeiro (Sálvora, 1983) comentaba que a obra Apuntes para la Geografía Médica del Distrito Municipal de Mondoñedo (Mondoñedo, 1910) que redactou xunto ao seu colega Pastor Taladrid era o "libro menos coñecido" do médico-poeta mindoniense. Este baleiro comezou a ser reparado coa tese de doutoramento da USC En los orígenes de la Sanidad Ambiental y la Medicina Social: las topografías médicas en Galicia (1747-1910) presentada por J. Capitán Guarnizo no ano 2007. Nela faise unha análise deste xénero de literatura científica que, despois dunha procura polos diferentes arquivos e bibliotecas do país, deu como resultado, entre as obras editadas e manuscritas, a identificación de sete memorias que podían ser consideradas dentro da categoría das "topografías" ou "xeografías" médicas. Entre elas atopábase, loxicamente, a realizada por Taladrid e Leiras para Mondoñedo.
As topografías médicas foron un tipo de estudos moi populares en Europa nas últimas décadas do XVIII e todo o XIX que tentaban explicar as enfermidades, sobre todo as epidémicas, a partir da influencia do ambiente. Este paradigma médico (Urteaga, 1980) tiña dous centros de interese: a acción das miasmas, que eran uns corpúsculos ou compostos imperceptibles que se transmitían pola atmosfera e que se orixinaban, sobre todo, nos materiais en putrefacción, e na chamada tamén "medicina social", que consideraba a miseria como un factor decisivo da localización e virulencia das doenzas. Co descubrimento do papel dos microbios na etioloxía das enfermidades a finais do XIX este tipo de estudos foron caendo en desuso e substituídos por un crecente interese cara á identificación e loita contra os microorganismos patóxenos. En España estas "topografías" foron tamén moi abundantes no XIX, e numerosas cidades, bisbarras ou provincias foron analizadas baixo esta perspectiva. Por iso, as sete atopadas en Galicia representan un número moi baixo que semella ser indicativo dun deficiente nivel da medicina galega. Por exemplo, na veciña Asturias, con menor poboación, están identificadas unhas trinta. En España aínda seguiron publicándose "topografías" ata ben entrado o século XX, cando xa o paradigma ambiental da enfermidade estaba claramente superado.
A Geografía Médica de Mondoñedo corresponde a este último período das publicadas en España e a derradeira das localizadas en Galicia. Ten unha extensión relativamente breve (44 páxinas) pero contén todos os capítulos ou temas característicos destas memorias. Comeza cunha revisión histórica do Partido Médico de Mondoñedo, que comprende "la multitud de burgos esparcidos por las cañadas de la cuenca del Masma" na que fai unha curta pero axustada descrición do auxe e da caída económica da zona que se vai estudar. Séguea unha descritiva das súas características topográficas, orográficas, xeolóxicas, hidrolóxicas e meteorolóxicas tomada, posiblemente, das publicacións máis acaídas do momento, pero na que aparecen xa achegas da propia experiencia dos autores. Conclúe estes dous capítulos introdutorios cunha descrición da cidade, mirada xa cos ollos dun hixienista que analiza e critica as deficientes condicións de habitabilidade dos seus edificios (e de paso sinala que a maioría "son antiguos e de mal gusto"), así como das rúas e instalacións públicas (escolas, cárcere e cemiterio, entre outras). Describe o tipo de alimentación, indicando as carencias dos máis humildes "que son casi la totalidad de los naturales" así como os seus vestidos; e conclúe coa policía sanitaria "que quisiéramos no tocar" porque unha cidade "con todos sus títulos y blasones, y con haber sido cabecera de una de las siete antiguas provincias gallegas, el amado solar valibriense no subió en este ramo de lo corriente en cualquier lugarejo".
Nos capítulos de medicina social comeza coa demografía analizando o censo de 1900, do que quita os habitantes por tramos de idade e sobre todo por profesión. Este último dato sérvelle para introducir as súas particulares opinións, sobre todo pola sobreabundancia do estamento eclesiástico, pero tamén, sorprendentemente, dos seus propios colegas sanitarios ("sobran igualmente dos tercios de los consagrados al culto, y a algunas profesiones liberales, v.g.: la de médico, la de farmacéutico y la de abogado"). E así mesmo, e sempre en liña coas súas preocupacións sociais, destaca as cifras "de los pobres de solemnidad, verdaderamente aterradora". A dinámica poboacional sérvelle para axuizar "la fiebre migratoria desarrollada en los hombres de la clase media y en los proletario", considerándoa un mal necesario como consecuencia de que as persoas cansas de "soportar penurias, sin ver un rayo de esperanza de alivio, marchan a docenas a buscarlos a las repúblicas americanas, menos esquivas para los virtuosos de abajo".
No relativo á morbilidade e mortalidade achegan os datos da súa propia experiencia médica para os anos 1908 e 1909, dos que deducen a importancia das doenzas do aparato respiratorio, as máis numerosas, coa tuberculose como principal causa dos pasamentos. Séguenas as do dixestivo, circulatorio e da pel e, no relativo ás epidemias, lembran o carácter máis ou menos constante, pero non grave, das de tifo, vexigas, escarlatina, sarampelo e difteria. Así mesmo, é interesante como destacan a chegada da primeira pandemia de gripe en 1890 (a denominada "rusa") que "reaparece todos los años" atribuíndo a súa anormal difusión ás néboas "que con tanta frecuencia nos privan del sol". Na análise das causas das doenzas, como era o normal dentro do paradigma ambiental, insístese no papel desempeñado polas condicións hixiénicas da poboación no relativo a costumes, alimentación e policía sanitaria e conclúen que ao non poder ser atribuídas as enfermidades a "defectos de raza, que es buena, ni con la corrupción de costumbres, hoy por hoy relativamente puras", ao final ficarían como causas maiores e xerais as relacionadas coa "hambre y a las amarguras sufridas en silencio en el hogar triste y frio de multitud de infelices, obrando de consuno con las infracciones sanitarias toleradas y con las que, por carencia de luces y de medios, se cae a la fuerza".
Como un derradeiro apuntamento deste capítulo, habería que sinalar que no relativo ás doenzas dos animais, as epizootias, semella que non existían en Mondoñedo os coidados da ciencia veterinarias e tódolos problemas do gando arranxábanse "con implorar la protección de San Antonio, y recurrir a los indiscutibles conocimientos del manciñeiro". A memoria remata con catro conclusións relativas ás condicións ambientais e sociais que máis influían no estado sanitario da poboación, así como á necesidade de "sociedades de cooperación" que supliran as deficiencias das contadas iniciativas individuais.
Esta Geografía Médica de Taladrid e Leiras Pulpeiro pode considerarse un exemplo tardío, pero moi coherente en todo o conxunto da memoria, sobre a pervivencia das teorías ambientais da enfermidade e, como contrapartida, a manifesta ignorancia das hipóteses microbiolóxicas. Non se cita en ningún momento o papel dos microorganismos patóxenos na orixe e transmisión das doenzas e, en troques, fálase cunha certa extensión sobre a localización do cemiterio, que era un tema central en relación coa problemática da transmisión das enfermidades polo aire, como postulaban as teorías miasmáticas. Tamén a preocupación pola erradicación dos focos de putrefacción na cidade, localizados abondo nas rúas e no interior das vivendas, estaba en total acordo con esas xa desfasadas teorías. Os aspectos de medicina social teñen moita relevancia na memoria, con acertadas e valentes análises do papel da miseria e das precarias condicións de habitabilidade e alimentación da cidade sobre as doenzas nas capas de poboación máis desfavorecidas. Algo moi de acordo co ideario político social de Leiras Pulpeiro – o "médico dos pobres", como popularmente era coñecido -.
Pertencía á estirpe dos médicos-poetas galegos que tan emotivamente glosou Otero Pedrayo na súa comunicación ao I Congreso Español de Historia de la Medicina (Madrid-Toledo, 1963) e do que destacaba que "era el único anticlerical de una ciudad clásicamente levítica" pero que tiña nela unha "enraizada popularidad" e un ben gañado respecto polo "candor y pureza de su posición. Era su deber. Amaba al pueblo, sabía su lengua y el arte de despertar emociones".