Francisco Fernández Rei e Manuel González González na homenaxe. Fonte: USC
Manuel González González e Francisco Fernández Rei iniciaron a carreira de Filoloxía Románica o mesmo ano, leron o mesmo día, o 10 de xullo de 1974, a tese de licenciatura e tamén foron xuntos ás oposicións das antigas axudantías en Madrid. "Somos practicamente como irmáns, compartímolo todo, así que foi unha idea xenial que nos fixeran unha homenaxe xuntos, o agradecemento é enorme", expresa Manuel González. "Despois de tantos anos, recibir o recoñecemento e o cariño dos compañeiros da facultade e de moita xente chegada de lonxe fai deste un día inesquecible", engade Francisco Fernández Rei.
Seguindo a tradición iniciada coa homenaxe ofrecida ao seu fundador, Constantino García, a área de Filoloxía Románica organizou un acto dedicado aos dous catedráticos tras faceren os 65 anos. Interviñeron o vicerreitor de Profesorado da USC e académico correspondente, Ernesto González Seoane; a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; o director do departamento de Filoloxía Galega, Francisco A. Cidrás Escáneo; o catedrático de Filoloxía Románica e académico Antón Santamarina; e Carmen Alén Garabato e Xosé Afonso A´lvarez, das universidades Paul-Valéry de Montpellier e Alcalá de Henares, respectivamente.
Entre outros, ademais dos compañeiros chegados desde distintas partes de Galicia, tamén acompañaron os dous académicos os catedráticos Fernando Sánchez Miret, da Universidade de Salamanca; Ana Cano, da Universidade de Oviedo; José Enrique Gargallo, da Universidade de Barcelona, e Dolores Corbella, da Universidade de La Laguna.
Os académicos recibiron cadanseu libro de homenaxe, Limba noastra-i o comoara. Estudos de sociolingüística románica en homenaxe a Francisco Fernández Rei e Obreiro da lingua, amigo da xente. Estudos de xeografía lingüística en homenaxe a Manuel González González. Editados polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, recollen trinta contribucións dos eidos principais de investigación dos homenaxeados.
A celebración convida a recordar os comezos na vida universitaria nuns tempos nos que, reflexiona Manuel González, se respiraba un ambiente de maior colaboración ca no momento actual, marcado por unha forte competencia no mundo investigador. No caso dos dous amigos, a colaboración científica comezou mesmo antes de remataren a carreira, cando no verán de 1973 Constantino García lle encargou a Francisco Fernández Rei a recollida do léxico de Cariño e a Manuel González, a do léxico do Incio. Os dous axudáronse nas respectivas encomendas, como seguirían a facer máis adiante xunto a outros compañeiros e compañeiras no marco de proxectos fundamentais no eido da lexicografía galega.