Imaxe de marca da fábrica de papel de Fontán
A "Fábrica de Papel del Castro de Lousame" fundouse o 24 de setembro de 1810 no lugar de Castro, concello de Lousame. En 1828 un dos seus accionistas, Rosendo Fontán Oliveiras, cedeu as súas accións a Sebastián Rodríguez Blanco, quen llelas deixa pouco despois aos seus sobriños, Andrés e o ilustre matemático Domingo Fontán Rodríguez, aínda que reservando para el, en usufruto, a metade dos beneficios, os cales reciben en herdanza Andrés e Domingo tras a súa morte, en marzo de 1843, e que van facer posible que estes adquiran, case na súa totalidade, a parte da fábrica que aínda estaba en mans do resto dos socios.
Finalmente, en 1857, logran facerse con todas as accións.
Mais a fábrica de Fontán non era a única da zona. Arredor dos ríos Vilacoba e San Xusto chegou a haber ata cinco fábricas de papel, o que creou unha forte competencia, motivo polo que a de Fontán sufriría un embargo. Este foi provocado por Peregrino Riba, que como propietario doutra fábrica de papel, situada cerca, no lugar de Brandía, intentaba impedir a chegada ao mercado dunha nova industria competidora.
Abandonada arredor de 1920, a fábrica de Fontán foi en tempos unha edificación de planta rectangular con tellado a dúas augas e un gran número de ventás, necesarias estas para a ventilación e o secado do papel. Unha canle de pedra recollía a auga do río para conducila ata ela.
O século XIX foi testemuña da morte da industria rural galega, non sempre capaz de adaptarse á modernidade, e, como consecuencia, abocada ao esmorecemento.