Membros da Escola Dramática Galega, iniciativa das Irmandades da Fala da Coruña, no parque de Santa Margarida da Coruña no ano 1923. A imaxe pode ver na exposición.
O percorrido expositivo pola orixe e evolución das Irmandades da Fala pode realizarse ata o vindeiro 4 de agosto no Museo do Pobo Galego, de martes a sábado de 10.30 a 14 e de 16 a 19.30 horas e os domingos de 11 a 14 horas. Xa na Fundación Barrié de Vigo, permanecerá aberta de martes a domingo 12 a 14 horas 18 a 21 horas.
A exposición organízase arredor de dez cabinas que debuxan un percorrido que achega o público á orixe das Irmandades e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas (os irmáns Villar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco…). Tamén se detén no novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editoriais como Céltiga, Lar ou Nós, dirixida por Ánxel Casal; no intento de conformación dun teatro galego que superase o ruralismo e a aposta polos coros como xeito de chegar ás masas; no compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey; no cultivo das ciencias sociais e experimentais ao servizo de Galicia, que callou arredor da creación do Seminario de Estudos Galegos; na creación das Escolas do Insiño Galego ou na importancia que lles concederon aos medios de comunicación as Irmandades, que se dotaron do seu propio voceiro, A Nosa Terra, e promoveron a reaparición d'O Tío Marcos d'A Portela, entre outras cabeceiras editadas en Galicia e na diáspora.
Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola "igualdade absoluta, política e civil da muller e do home". Esta declaración dunha asemblea de irmáns e irmás reflicte o compromiso político do movemento nuns tempos nos que o voto feminino aínda tardaría anos en chegar.
Máis dun cento de pezas
Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares. Entre as pezas integradas nas cabinas, figuran obxectos persoais como as lentes de Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Villar Ponte e Antonia Pardo, unha plumiña de Álvaro Cebreiro, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade ou o violín que Manuel Quiroga doou ao seu amigo Antón Losada Diéguez; o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, outro texto manuscrito do programa da I Asemblea Nacionalista ou a carta-nota ao gobernador civil que anuncia que a Irmandade da Fala se converterá no Partido Galeguista.
O estandarte de "Queixumes dos Pinos" da Coral Polifónica Follas Novas (1922), e obras de arte como os óleos "Soidade", de María Corredoira, "Valle Esmeralda" (1912), de Francisco Lloréns e "Nube da tarde", de Imeldo Corral; e a talla "Galicia, Nai e Señora", de Uxío Souto (1926) tamén forman parte da exposición.
Escoitando as Irmandades
Saúde e Terra, irmá(n)s! é unha exposición para ver, pero tamén para oír. Amosará, e permite escoitar, entre outros temas, o disco coa primeira gravación do Himno galego, a cargo do Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo. A formación musical gravouno días despois de o interpretar no peche da I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo en 1918, xunto aos membros das Irmandades da Fala, que naquel encontro apostaron definitivamente polo seu carácter nacionalista e deixaron atrás o rexionalismo.
Esta evolución queda tamén patente nos versos escritos por Ramón Cabanillas convertidos no himno "Pregaria" polo irmán Baldomir e interpretado en exclusiva para a exposición polo cuarteto Os Rebentos. Na mostra exhíbese ademais un dos cartóns postais nos que se difundiu a partitura e a letra, na que o poeta se referiu inicialmente a Galicia como "rexión", termo que cambiaría polo de "nación" nunha versión posterior. Outro documento sonoro creado para a ocasión permite escoitar a muiñeira para piano que Faustino Temes compuxo para a cabeceira galeguista xornal Galicia. Diario de Vigo. A cabeceira galeguista, editada entre 1922 e 1926 e da que foi redactor xefe Roberto Blanco Torres, contou entre a súa nómina de colaboradores con distintos membros das Irmandades. A melodía escrita para o xornal serve de fondo musical á creación audiovisual que completa a exposición.