A cultura galega proxéctase en Buenos Aires

A presentación de Mar Maior, o selo da editorial Galaxia nado para proxectar a cultura galega a outras linguas e sociedades, abriu a axenda do presidente da Real Academia Galega na Feira do Libro de Buenos Aires. Xesús Alonso Montero interveu nun acto no que tamén tomaron a palabra Ramón Villares, Xavier Alcalá e María Rosa Lojo, todos eles autores do primeiro lanzamento de Mar Maior na Arxentina, xunto ao director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, e Carlos Brandeiro, presidente do selo en Buenos Aires. Alonso Montero participou así mesmo no ingreso de Luís González Tosar na Academia Argentina de Letras e nun coloquio sobre Castelao.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, xunto a Víctor Freixanes, intervén na presentación do selo Mar Maior na Feira do Libro de Buenos Aires. Autor: Muxo


Mar Maior defínese como unha nova fiestra galega aberta ao mundo. O seu catálogo inclúe xa máis de vinte títulos, entre eles En defensa e ilustración de la Segunda República española en los años de la guerra civil (1936-1939). O presidente da Real Academia Galega participou onte na presentación deste volume, que amosa a actividade xornalística que Blanco Amor desenvolveu desde Arxentina nas páxinas do semanario Galicia. Pechou así unha tarde que iniciara no recinto feiral tomando a palabra nun coloquio sobre Castelao en Arxentina.

Xesús Alonso Montero asistiu pola mañá á cerimonia de ingreso na Academia Argentina de Letras (AAL) como membro correspondente do escritor galego-arxentino Luís González Tosar, celebrada no Museo Nacional de Arte Decorativa. Tras este acto, procedeuse á entrega dos premios do concurso literario para alumnado de distintos niveis "Galicia entre nós", convocado pola AAL co apoio da Xunta. Os autores dos textos seleccionados recibiron os galardóns de mans do presidente da AAL, José Luis Moure, do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do propio Alonso Montero.