Fragmento do epílogo para La Tribuna que Emilia Pardo Bazán non chegou a incluír na edición da obra. Fonte: Arquivo da Real Academia Galega
A instalación destes elementos corre a cargo da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, co apoio de Marineda City, o complexo comercial que leva o nome literario que a escritora creou en La Tribuna para denominar A Coruña. O que poderá verse desde este sábado é unha primeira achega ao que pretende ser un proxecto expositivo dedicado non só á autora e a esta novela, senón tamén á historia da Fábrica de Tabacos, aos milleiros de mulleres que traballaron nestas dependencias e á cidade. "Queremos abrir este espazo á cidadanía, recuperar a memoria da fábrica e as súas traballadoras, e tamén a da Coruña da época", salienta nesta liña Xulia Santiso, responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, que ocupa o primeiro andar da casa familiar da creadora na rúa Tabernas, 11 da Coruña, legada polos herdeiros da escritora á Real Academia Galega.
O público poderá ver boa parte das edicións que existen de La Tribuna, desde a primeira, saída do prelo en 1883, ata outras do século XXI que viron a luz en distintos idiomas. Xunto a estes volumes, exhibiranse textos autógrafos de Emilia Pardo Bazán con documentación de apoio que empregou durante o proceso de creación desta novela ou o epílogo que non chegou a publicar; unha cortadora de farias e unha chaveta de cigarros da colección de Pepe Temprano; e fotografías como a reproducida n'A Fábrica de Tabacos na Palloza de Ana María Romero Masía, que inmortaliza un momento da xornada laboral das cigarreiras no interior da fábrica arredor dos anos 20, ou a dun grupo de empaquetadoras realizada en 1916 e facilitada por Luis Alonso Álvarez, autor de As tecedeiras do fume. Historia da Fábrica de Tabacos da Coruña, 1804-2000.