A afección pola lectura de Emilia Pardo Bazán comezou nos primeiros anos da súa vida, acrecentada polo apoio incondicional do seu pai, o deputado pola Coruña José Pardo Bazán, que puxo a súa biblioteca persoal a disposición da pequena. Neste primeiro templo de sabedoría ao que tivo acceso puido saborear as súas obras preferidas da infancia, O Quixote, A Biblia e A Ilíada, segundo transmite ela mesma nos seus Apuntes autobiográficos, pero tamén outros títulos como Historia de la Conquista de México, de Antonio de Solís, Vidas de los varones ilustres griegos y romanos, de Plutarco ou Historia de cien años: (1750-1850), de Cesare Cantú. Degustou tamén nos primeiros anos a obra Nuestra señora de París, de Victor Hugo, procedente, esta vez, da biblioteca do pai dunha amiga.
Esta paixón pola lectura continuaría ao longo da súa vida, o que lle facilitou acadar unha vasta cultura de forma autodidacta. Co paso dos anos converteuse ela mesma en coleccionista de libros e chegou a posuír unha das mellores bibliotecas privadas do seu tempo, conseguindo moitos dos volumes, con fermosas dedicatorias autógrafas, como agasallo dos propios autores, dende os galegos Curros Enríquez e Pondal ata o francés Zola.
A maior parte desta colección estivo durante a vida da escritora na súa residencia estival, as Torres de Meirás. O sacerdote Manuel Vidal Rodríguez (1871 -1941), que permaneceu alí varios veráns, conta algúns detalles sobre este conxunto bibliográfico na súa obra Vida de trabajo de la Condesa de Pardo Bazán y El Caudillo (Santiago de Compostela, 1939). Di, por exemplo, que os libros máis selectos e mellor encadernados estaban situados na planta baixa da Torre de Levante, formando unha soa peza co despacho e o recibidor particular, distribuídos en armarios de tres corpos verticais pechados con chave. Comenta así mesmo que Pardo Bazán os apreciaba de tal xeito que ela mesma exercía de bibliotecaria, ofrecendo exemplares a familiares e amigos que pasaban alí o verán, e unha vez rematada a súa lectura devolvíaos de novo aos andeis, gardando as chaves no despacho. Nunca os ofrecía para ser levados fóra do recinto das Torres de Meirás, senón a modo de préstamo interno.
Outras pequenas bibliotecas dentro das Torres de Meirás estaban situadas no seu espazo de traballo e no seu dormitorio. A primeira, no piso superior da torre, reservado á produción das súas obras literarias, contiña unha sección de libros de consulta. A segunda, no primeiro andar, contaba con volumes de pequeno formato, o que lle permitía dedicar unha media hora á lectura antes de deitarse.
A Real Academia Galega, custodia gran parte dos volumes que pertenceron á escritora. Son preto de 8000 dos títulos que adquiriu ao longo da súa vida, catalogados e ao dispor da comunidade investigadora. Catrocentos vinte títulos proceden do propio domicilio coruñés da autora, hoxe sede da RAG e da súa Casa-Museo, e os restantes de Meirás. Nesta residencia, que caeu nas mans do ditador Francisco Franco no ano 1938, permanecen aínda uns 3000 libros, segundo se determinou na catalogación que se levou a cabo a partir das xestións promovidas pola Academia no ano 2015, contando coa colaboración de especialistas da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña.
Todos estes volumes, e mais os que poidan permanecer noutras vivendas do ditador, están protexidos tras solicitar a Real Academia Galega a súa declaración como ben de interese cultural (BIC). A institución agarda que este paso permita reunir en breve o conxunto deste patrimonio bibliográfico na súa sede para poñelo a disposición da comunidade investigadora.