no seu libro sobre Pontevedra e A Coruña.
A Viage de Ambrosio de Morales por orden del Rey D. Phelippe II a los Reynos de León, y Galicia y Principado de Asturias é a obra que dá conta da viaxe de estudo que realizou o seu autor na segunda metade do século XVI por encargo do monarca para elaborar unha relación, tal como indica o subtítulo, das reliquias dos santos, os sepulcros reais e os libros manuscritos custodiados nas catedrais e nos mosteiros, parte deses cales foi xuntando para as coleccións reais do mosteiro Escorial.
Xunto a este volume, poden verse, en edicións do século XX, dous títulos históricos de importancia fundamental para a lexicografía galega, Viaje a Galicia (1745) e Viaje a Galicia de Fray Martín Sarmiento (1754-1755), títulos que reflicten o interese de frei Martín Sarmiento, precursor da filoloxía románica moderna, pola propia lexicografía, a toponimia ou a botánica.
A mostra conta tamén coas obras sobre Galicia de tres mulleres pioneiras, todas elas viaxeiras anglosaxoas que viviron entre os séculos XIX e XX: Galicia: the Switzerland of Spain (Londres, 1909), da inglesa Annette M. B. Meakin; Spain revisited: A summer holiday in Galicia (Nova York, 1911), da tamén británica Catherine Gasquoine Hartley; e Gallegan province of Spain: Pontevedra and La Coruña (Nova York: 1939), da fotógrafa estadounidense da Hispanic Society of America Ruth Matilda Anderson, que percorreu Galicia nos anos vinte.
No seu retrato literario da "Suíza de España" -acompañado de 105 ilustracións e fotografías- Meakin, ademais de resumir a historia de Galicia e de describir distintas localidades e monumentos, dedícalle un capítulo completo a Rosalía de Castro, cuxo nome "é honrado en calquera lugar onde se poida atopar galegos", di. Nestas páxinas verte ao inglés varios versos da autora fundacional das letras galegas contemporáneas malia soster que a poesía galega é intraducible: "Como de Vögue dixo dos poetas rusos, Les poetes Russes no sont et ne seront jamais traduits, o mesmo acontece coa poesía de Galicia. Tanto o ruso como o galego están cheos de doces e tenros e diminutivos intraducibles infinitamente musicais e vivamente expresivos. Cando intentamos interpretalos nunha lingua estranxeira a súa música morre e as súas almas evapóranse". Catherine Gasquoine Hartley tamén fala de Rosalía como unha das "tres grandes mulleres galegas" xunto a Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán no capítulo titulado "Las gallegas: the women of Galicia".
A corner of Spain (Londres, 1910), de Walter Wood; Northern Spain (Londres, 1906), escrito e ilustrado polo pintor Edgard T. A. Wigram; Impresiones de un viaje por Galicia (Vigo, 1910), de Mister Geissler; Por las Rías Bajas: (notas de viaje por Galicia), de Alfonso Pérez Nieva (A Coruña, 1900); La familia real en Galicia: 1900. Álbum-Recuerdo (Pontevedra, 1900) ou El viaje a Galicia de Urrabieta Vierge (1880) (Santiago, 1969), de Xosé Filgueira Valverde, son outras obras expostas na biblioteca. A mostra pode visitarse ata o vindeiro venres 28 de abril de 9:00 a 14:45 horas e, en horario de tarde, de luns a xoves, de 16:30 a 19:45 horas.