Pola esquerda, Carmen Liñares, Víctor F. Freixanes, José M. Miñones, Henrique Monteagudo, Isabel Vaquero e Xaquín Loredo. Fonte: RAG
O CEIP Agro do Muíño "é un claro exemplo do desprazamento do galego polo castelán que está a suceder no periurbano de Galicia", apunta o informe, que chama a atención sobre a perda de transmisión xeracional familiar do idioma, mais tamén sobre o efecto da escolarización sobre a muda lingüística dos cativos e cativas galegofalantes cara ao castelán. De feito, os datos mostran que o proceso de substitución é maior neste centro que no resto da comarca de Santiago de Compostela, máis acusado incluso que no núcleo da cidade de Santiago, e a pesar de contar cun profesorado que adoita priorizar o galego no contexto educativo. Preto de catro de cada dez familias de fillos/as galegofalantes contestaron que ao iniciaren a escolarización estes comezaron a falar máis castelán. A maioría (case o 64%) indicou que foi na segunda etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) onde se produciu esa muda, aínda que case un 20% sinalou que o cambio se remonta á primeira etapa da educación infantil, de 0 a 3 anos.
Puntos fortes dos que tirar proveito
Malia este diagnóstico, a recuperación de terreo para a lingua entre os nenos e nenas deste colexio e demais centros educativos de Ames é posible, coincidiron os intervenientes na presentación. Ao seu favor, máis da metade das familias do CEIP Agro do Muíño manteñen o galego en maior ou menor medida, un cuarto das familias son galegofalantes e aproximadamente a metade son bilingües. O centro conta ademais cun profesorado implicado, como demostra a iniciativa de levar a cabo a enquisa que serviu de base para a análise, que permitirá elaborar o plan lingüístico do colexio a partir dun diagnóstico da situación fiable.
O alcalde de Ames, José Miñones Conde, conduciu a presentación do informe acompañado na mesa polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a directora do CEIP Agro do Muíño, Mª Carmen Liñares; Xaquín Loredo, coautor do informe e membro do Seminario de Sociolingüística da Academia; Isabel Vaquero, concelleira de Normalización Lingüística de Ames; e Henrique Monteagudo secretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística. Ao acto acudiron representantes de toda a comunidade educativa de Ames e demais actores involucrados nos distintos espazos de socialización infantil nos que intervén o Concello, así como o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.
"Para o Concello de Ames é moi importante este estudo, tanto polos datos, conclusións e valoracións que aquí se achegan, como tamén polo obxectivo que levou ao goberno local a apoialo e a organizar este encontro con axentes transcendentais no proceso de normalización lingüística no Concello", salienta o alcalde José Miñones. "A lingua son, fundamentalmente, os falantes: unha realidade social. Como tal cómpre tamén considerala", subliñou pola súa banda o presidente da RAG. "Traballos coma este están en sintonía coa estratexia da institución de estudo e coñecementos da realidade social do idioma, aspectos moi importantes para tomar decisión con datos contrastados", engade Víctor F. Freixanes. "A lingua galega ten problemas, debemos detectalos e comunicalos socialmente. Un dos ámbitos fundamentais para o presente e o futuro do idioma son as familias e a escola, mais tamén a socialización dos rapaciños e rapaciñas que empezan a abrirse ao mundo alén da contorna familiar. O galego non pode ser una realidade estraña a eles", conclúe.
A directora do CEIP Agro do Muíño, María Carmen Liñares, explicou que este estudo xurdiu da necesidade de renovar o proxecto lingüístico do colexio. "Por iniciativa do equipo de normalización lingüística do centro, fixémoslles enquisas a tres colectivos diferentes: alumnado, profesorado e pais/nais. Tras ese traballo de campo, obtivemos unha gran cantidade de datos que para nós era moi complicado ordenar e analizar. Grazas á mediación do Concello, contactamos coa Real Academia Galega para elaborar un informe máis amplo e detallado da realidade sociolingüística do centro. Agora, a nós este estudo permitiranos elaborar o proxecto lingüístico do centro e marcar unhas liñas de actuación (...). Seguiremos sementando galego no Agro do Muíño", promete.
Compromiso desde todos os ámbitos de competencia municipal
O secretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, salienta o interese que para a Academia tivo poder analizar os datos do CEIP Agro do Muíño, que se encargou de debullar para o público Xaquín Loredo. "Encaixa moi ben nas nosas liñas de traballo porque estamos dando unha prioridade moi grande á infancia e á mocidade, xa que é un sector clave no futuro do idioma", conta o académico, que aplaude a iniciativa do colexio. A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, coincide en que un factor fundamental para reverter a situación actual é a "vontade de intervir" que demostrou o CEIP Agro do Muíño, e que no caso do Concello de Ames tamén é plena, asegura. "Este informe dános moitas pautas para a intervención política", destacou a edil, para quen é prioritario adoptar medidas que contribúan a que os nenos e nenas de familias galegofalantes non muden de lingua e motivar, especialmente as familias bilingües para que "como mínimo reteñan e, sobre todo, aumenten o uso do galego cos seus nenos e nenas, porque a familia é un caldo de cultivo inicial fundamental para a supervivencia do idioma".
Henrique Monteagudo pon o acento noutro axente esencial, a escola, e o negativo impacto da escolarización no uso da lingua. "O acceso ao sistema educativo en Galicia está sendo netamente desgaleguizador, e neste campo hai unha responsabilidade moi directa das institucións públicas, o goberno e todos nós, a sociedade en xeral", expresa. A análise apunta que o centro escolar ten unha parte importante de responsabilidade no proceso de mudanza lingüística, mais non como sistema formal de adquisición de competencias senón como sistema de socialización secundario despois da familia, relación compartida con outros contextos de socialización externos á escola que, fronte á familia, cobran crecente importancia na sociedade contemporánea. Partindo deste diagnóstico, a concelleira de Normalización Lingüística e o secretario da RAG coincidiron en que cómpre elaborar estratexias dentro e fóra do contexto escolar.
Isabel Vaquero recorda que Concello de Ames ten capacidade de acción como responsable de varias escolas infantís, actividades extraescolares e outras de ocio dirixidas ao público de menor idade. "Xa facemos moito para a incorporación do galego nestes espazos, pero temos vontade de facer máis", sentencia. Na presentación reiterouse que en calquera caso é preciso dedicarlle á normalización lingüística máis recursos. Desde o Concello de Ames, o investimento neste apartado multiplicouse por catro en tres anos, pero a concelleira reclama máis implicación doutras administracións, especialmente das deputacións e da Xunta de Galicia, e unha asignación de recursos "acorde cos obxectivos e as planificacións de cada concello".
Publicación dixital
A lingua no CEIP Agro do Muíño pode consultarse na sección de publicacións da páxina web da Academia e na web do Concello de Ames. A administración dos cuestionarios e recollida de datos foi unha iniciativa do equipo de normalización e dinamización lingüística do colexio e na elaboración do informe participaron Xaquín Loredo e Lidia Gómez, por parte do Seminario de Sociolingüística, e Elba Baldomir Turnes, por parte do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.