De acordo cos estatutos e o regulamento de réxime interno da RAG, declarouse así a vacante da cadeira que ocupou Xosé Neira Vilas na primeira xunta ordinaria tras o seu pasamento. As propostas para ocupala deberán facerse por escrito expresando, de xeito concreto, os méritos da persoa aspirante, e deberán estar asinadas por tres membros de número da Academia. O prazo de presentación de candidaturas rematará 24 horas antes do Plenario seguinte, no que se farán oficiais e se anunciará para a Xunta posterior a votación verbo das propostas.
O Plenario arrincou cun balance das actividades da Academia dos últimos meses, entre as que cómpre salientar os XXVIII Cursos de verán de lingua e cultura galegas, que atraeron no mes de xullo a Galicia alumnado de 16 países; as xornadas de conmemoración dos centenarios dos académicos Xosé María Álvarez Blázquez, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro en Tui, Vigo e Lugo, respectivamente; o ciclo Filgueira Valverde na cultura galega do século XX, desenvolvido coa colaboración do Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié en Pontevedra, Santiago e A Coruña; a celebración, en Cambados, dos cen anos da publicación de Vento mareiro; ou o ingreso de Basilio Losada na RAG como académico de honra, entre outras.
As Seccións e Seminarios informaron do desenvolvemento dos traballos en curso e das propostas de actividades para 2016. O Plenario ratificou o ditame emitido polo Seminario de Onomástica verbo da revisión do Nomenclátor de Galicia. Este exhaustivo traballo desenvolveuse procurando a máxima obxectividade documental tanto nas fontes orais vivas coma nos documentos.
Os membros do Pleno avanzaron tamén no calendario de actividades de 2016 e confirmouse a celebración do acto central do 17 de maio en Outeiro de Rei, o concello natal do poeta, onde desenvolverá, como é costume, un Plenario extraordinario. A institución, que ultima os detalles da programación coa Fundación Manuel María, prevé tamén celebrar, en colaboración co Concello, un acto en Monforte de Lemos, onde o escritor pasou parte da súa vida. No último trimestre do ano terá lugar o habitual simposio dedicado ao protagonista das Letras Galegas, no que expertos de prestixio analizarán desde distintas perspectivas o seu legado.
Entre as propostas para recordar os cen anos do nacemento das Irmandades da Fala, prevese unha exposición e distintos actos cívico-literarios, para o que a Academia mantén conversas con distintas institucións para xuntar esforzos. A primeira agrupación das Irmandades naceu o 18 de maio de 1916 nos locais que daquela ocupaba a Real Academia Galega na rúa Rego de Auga da Coruña, cidade que terá especial protagonismo nesta efeméride, que tamén será celebrada noutras localidades.