Álvarez Blanco, Fernández Freixanes, Alonso Montero e Xosé Manuel Pereiro durante o acto
Ao acto, presentado polo membro numerario Víctor Fernández Freixanes, deulle comezo o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, cun discurso no que explicaba, a un auditorio maioritariamente foráneo, a xénese que levou á implantación do Día das Letras Galegas en 1963, cando se celebraba o primeiro centenario da publicación de Cantares Gallegos: "O seu nacemento foi un éxito total que converteu a maior festa de Galicia nun día da palabra, da lingua, da literatura", concluíu o presidente. Á hora de exemplificar a difícil convivencia desta celebración coa censura imposta polo Franquismo, Alonso Montero citou o exemplo do Día das Letras do ano 1964 dedicado a Castelao, "por suposto, non podiamos falar do Castelao republicano e antifascista, e isto impuxo a unha visión moi redutora e mutilada da obra do rianxeiro".
Pola súa parte, a académica Rosario Álvarez, despois de expoñer brevemente os motivos da promulgación da Lei de Normalización Lingüística e do Decreto de Normativización, subliñou a oportunidade que para a nosa lingua representa o seu parecido co portugués, "un feito que nos coloca nunha posición de avantaxe", mais sinalando tamén a necesidade de preservar a diferenza e identidade propias do galego para impedir a súa suplantación. Á hora de valorar os resultados destas disposicións legais aos trinta anos da súa entrada en vigor, a exdirectora do Instituto da Lingua Galega salientou o papel positivo que para a normalización lingüística supuxeron a creación dunha televisión e unha radio públicas monolingües en galego, e lamentou, porén, os escasos froitos acadados pola política de subvencións a medios de comunicación de titularidade privada polo seu emprego do galego, "isto pon de manifesto que os criterios empregados no reparto non foron os correctos".
O XIII Congreso Internacional Ibercom. Comunicación, cultura e esferas de poder, organizado por unha comisión que integra a profesores das tres universidades galegas baixo a presidencia da catedrática Margarita Ledo Andión, reúne a máis de 700 investigadores co fin de debater sobre a importancia dos medios de comunicación para a democracia e os cambios sociais.
As actas provisionais deste congreso pódense descargar aquí.