A Academia e o Parlamento presentan ‘A educación do home e a muller e outros escritos feministas’ de Pardo Bazán no aniversario da escritora

A Real Academia Galega celebrará o vindeiro xoves, 16 de setembro, o aniversario de Emilia Pardo Bazán (1851-1921) coa presentación do libro A educación do home e da muller e outros escritos feministas, coeditado da man do Parlamento de Galicia, e unha representación dramatizada aberta ao público. As actividades insírense no marco da programación da RAG co gallo do centenario do pasamento da homenaxeada, que continuará en outubro co Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois. Será cadrando coa chegada á Coruña, dende a Biblioteca Nacional, da exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade, na que a Academia colabora con máis de setenta pezas pertencentes á Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e a biblioteca e o arquivo da Academia.
 

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; a académica Marilar Aleixandre e a tradutora Mónica Bar Cendón presentarán a Educación do home e da muller e outros escritos feministas ás 11:30 horas na sede da Academia, no que foi o fogar de Emilia Pardo Bazán na Coruña, a súa cidade natal e a Marineda das súas novelas, e que hoxe acolle tamén a súa Casa-Museo. O acto poderá seguirse en directo a través de academia.gal.

O volume recompila e verte ao galego unha serie de textos escolmados por Marilar Aleixandre –directora da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán–, entre eles o que dá título ao libro, "A educación do home e da muller", un dos ensaio sobre feminismo máis relevantes da escritora, presentado no Congreso Pedagóxico de 1892. Mónica Bar Cendón encargouse da tradución desta edición especial que pretende contribuír ao coñecemento do pensamento dunha muller adiantada en materia de igualdade.

Xa pola tarde, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán será escenario dunha acción dramatizada na que a autora homenaxeada recibirá a súa amiga e tamén escritora e destacada defensora da igualdade María Vinyals (1875-1940). As actrices Larraitz Urruzola e Estíbaliz Veiga serán as encargadas de darlles vida a partir do guión escrito por Mariana Carballal inspirándose nos seus textos feministas e a vida de Pardo Bazán. Haberá dúas representacións, ás 17:00 e ás 19:00 horas. As persoas interesadas en asistir poderán solicitar a reserva de praza a través do correo electrónico difusion@academia.gal indicando o horario solicitado, o seu nome completo e un número de teléfono de contacto. Admitirase a reserva dun máximo de 2 prazas por correo.