Primeira e última páxina do manifesto editado en formato despregable. Imaxe cedida pola Fundación Barrié
O manifesto ¡Mais alá! saíu do prelo o 28 de xuño de 1922 e, aínda que segue as receitas comúns deste xénero caracterizador das vangardas –acusación precisa e insulto ben definido-, marca os degoxos renovadores de Manuel Antonio debuxando unhas nidias fronteiras estéticas e mesmo políticas.
Manuel Antonio nun retrato do seu curmán
Xosé Pérez. Imaxe do convite ao acto inaugural
da Casa Museo Manuel Antonio, en Rianxo
Con este texto, o poeta rianxeiro accedeu á existencia literaria e creou unhas condicións propicias para a súa visibilidade intelectual. Unha visibilidade que se fundamenta nun compromiso co seu pobo, coa súa Terra e coa súa lingua e nun reto estético que o obriga a ir máis alá dos espazos habitados, a conquistar novos horizontes.
Semella que o seu libro de poemas De catro a catro (1928) é a herdanza que nos lega en cumprimento da promesa que recollen as últimas palabras do manifesto:
"Compre romper a marcha pol-a mesma estrada que fagamos c´os nosos pasos e afrontar en ela unha peligrinaxe sin chegada, porque en cada relanzo d´o camiño agarda-nos unha voz que nos berra: Mais alá!"
Pódese descargar aquí a primeira páxina do documento manuscrito. A Fundación Barrié custodia hoxe a versión manuscrita do manifesto e a súa edición orixinal. Con xenerosidade cedeu as imaxes do manifesto que reproducimos.