Tribuna

75 anos dun reencontro, Castelao e Otero

Viaxe a América no tempo e no espazo

Ramón Otero Pedrayo, con dez aniños, foi testemuña da desgraza dos soldados repatriados de Cuba en 1898 que agardaban caridade na praza do Ferro de Ourense; e con 88, en 1976, dos inicios do Museo do Pobo Galego. Unha longa vida, unha longa viaxe no tempo.

Pero tamén lle gustaba percorrer os camiños do espazo. Viaxou moito por Galicia. Se cadra só Fontán máis ca el. Nunha evocación das amizades de Nós, comparouse con Cuevillas. Dicía ser el da natureza da aguia, sempre disposto a ir de aquí para alí... e Cuevillas seríao da ostra, apegado, sempre, ás pedras de Ourense.

Visitou América en tres ocasións, acollido á xenerosidade dos galegos transterrados: en dúas ocasións, 1947 e 1959, á Arxentina; e nunha, en 1956, a Venezuela.

Outras dúas veces, polo menos, estivo a piques de ir. En 1954 tiña convite adiantado para ir a Caracas, e listaxe de conferencias escollidas e a publicidade in situ feita, pero non foi posible pola negativa do Ministerio; talvez por ter sido nomeado, como foi, para un tribunal de oposicións. Ou, talvez, por movementos internos da colectividade, pois moitos non vían con bos ollos unha viaxe que podía ser lida en clave das guerras internas da colectividade, entre o Centro Gallego e o Lar Galego, tal e como lle comentaron en Trasalba representantes da emigración caraqueña, que lle desaconsellaban a viaxe.

A seguinte imposibilidade, moito máis traumática polas circunstancias, foi en 1958, cando pensaba repetir a viaxe a Caracas do ano anterior, convidado de novo, por Silvio Santiago. O 3 de xaneiro de 1958 anota na súa axenda:

Legria de moderno caravanserail de Barajas: bo xantar: entremeses, peito de terneira, queixos. No millor, na derradeira ventanilla a Policía recolle o pasaporte. Derrubase o viaxe. Penso nos de Caracas: Un viaxeiro, Sr. [...] leva a nova. Viaxes e xestións en Seguridad e con Villegas. Falado con Domingo. Noite de amargura e inquedanza.

Negáronlle o permiso porque, dicían, interviñera en actos políticos alá o ano anterior, -algo que non era certo-, e quedaba a dúbida de se se moveran fíos perante a Embaixada polos sectores galegos que se opuñan, novamente, á viaxe. En febreiro, convídano de novo ─e acepta─ a participar nas actividades do Día de Galicia dese mesmo ano, pero o país andaba moi avolto nos meses finais da ditadura de Pérez Jiménez e non calla o tema.

O convite

Pois ben, neste 2022 no que andamos festexamos os 75 anos da primeira, e cremos, máis importante das tres viaxes de Otero a América; a do reencontro dos superviventes.

O Centro Galego de Buenos Aires, presidido por Manuel Otero, (quen recibira en xuño de 1946 o representante militar do goberno de Franco na toma de posesión de Perón, polo que tiña relacións rotas co mundo da Irmandade Galega e Castelao) baixo o impulso organizador de Luís Seoane, director da súa revista Galicia entre 1939 e 1956, organizara a primeira Semana Galega ao redor do día do Galicia do ano 1946.

Coa finalización da II Guerra Mundial, na efervescencia social dunha Arxentina poderosa, tratábase de realizar actividades musicais, concursos literarios e conferencias que desen cohesión á colectividade galega e que a prestixiasen dentro do mundo cultural arxentino. Neste primeiro ano pronunciaron conferencias Luís Seone, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste, Lorenzo Varela e Xosé Otero Espasandín, todos residentes na Arxentina, e ningún deles do núcleo do galeguismo político organizado.

En vista do éxito da “Semana”, a xunta directiva do Centro Galego decide a partir do ano seguinte convidar un galego de fóra da Arxentina, cuxo prestixio proxecte no seo da Arxentina a excelencia intelectual dunha terra sobre a que dominaban estereotipos negativos e tópicos despectivos. O escolleito para iniciar esta andaina en 1947 como a figura máis representativa da cultura galega foi, acertadamente, Ramón Otero Pedrayo.

Don Ramón aceptará encantado o convite, repregado aínda nos grises tempos do refuxio trasalbés, e lonxe dun mundo en ebulición. Había oito anos que acabara a Guerra Civil, e só dous a II Guerra Mundial. Churchill falara xa do “pano de aceiro” e as sentenzas de Núremberg cumpríranse no outubro anterior. Polo Mediterráneo o Exodus achegaba a Palestina superviventes dos campos de exterminio. Fervía Grecia na súa guerra civil. Nacían Pakistán e a India en medio de masacres e sementes do odio. A ONU, coa condena do réxime e a retirada de embaixadores, apertaba a man sobre o pescozo de Franco sen afogalo; e aprobaba, tamén, en novembro, a partición de Palestina entre árabes e xudeus. En fin, o Plan Marshall para o soerguer da Europa arrasada, presentárase poucos días antes da viaxe de Eva Perón a España, entre xuño e xullo de 1947. O problema da liberdade de España, nese mundo avolto, ía deixando de estar no foco de interese internacional.

Neste periplo polo hemisferio sur Otero encóntrase con espazos xeográficos e humanos cativadores: a exuberancia intuída en Río de Xaneiro, a amplitude das Pampas Arxentinas, os viñedos de Mendoza a carón dos míticos e coloridos Andes, a pulsión cidadá da máis grande e cosmopolita urbe hispana do momento, Buenos Aires; nesa na que os milleiros de galegos que alá vivían formaban unha comunidade máis.

Os abrazos

Pero sobre todo foi protagonista dos abrazos máis simbólicos da historia de Galicia: os do reencontro e despedida de Castelao. O primeiro, soñábao o rianxeiro no Campana, barco que o traía, vello e enfermo, desde Marsella. Escribiulle desde el, á altura de Dakar, o 3 de agosto: “Eu levo moitas ganas de abrazarte, pois xa non teño esperanza de ver nunca máis a Nosa Terra, e abrazarte a ti, é abrazar a Galiza”. Pero Otero tamén devecía por el. Escríbelle o día 17 de agosto, pouco antes do momento, a Paz Andrade: “Estoy ardiendo por abrazar a Daniel de Rianxo”.

Castelao desembarca en Buenos Aires o día 20 de agosto pero Otero, que levaba na Arxentina desde o 17 de xullo, non está na cidade. Chega o 23 pola tarde, despois de finalizar a xeira de conferencias en Mendoza. Vense fugazmente ese mesmo día, pois Castelao debe ir a un acto en memoria de Alexandre Bóveda na Federación ao que Otero, prudente, non pode ir. Dille á súa nai nunha carta dese mesmo día: “Marchó a un acto político en que le esperaban”.

Ese primeiro abrazo do día 23 no Hotel Claridge lémbrao Otero no libro Polos vieiros da saudade. Lembranzas e crónica dunha viaxe a Buenos Aires, (1952):

Os vellos amigos, apertados e chorando xuntos, fumos dous nenos no colo amoroso da Nosa Terra Nai. Nenos, pobres e sinxelos nenos. Chorabamos por os mortiños, sin negar as bágoas os arredados e fuxidos de entre nós. E como nenos rimos deseguida para caír en silencios longos. Neles, os acentos dos amigos soaban na brétema, e co medo de os espaventare nin co pensamento queriamos bulir. O tempo decorrido fora moito.

O segundo abrazo, o da despedida, tamén presente Manuel Puente, quen nolo conta, foi nunha rúa calquera preto do porto, o 4 de setembro: “Fundíronse nunha aperta, inda máis longa que a do encontro... Castelao estaba collido por tristeiro presentimento e díxolle a Don Ramón: ‘Despedímonos con iste abrazo que será o derradeiro...’ Nos ollos de un e do outro choutaron quentes bágoas...”.

Otero, que evocou esta despedida mil veces, nunha carta á nai desde o barco, na volta, dille: "Embarcamos el 4 a las 4. Mucha gente a despedirnos. Castelao no se atreve a ver salir barcos para Galicia. Realmente es cosa muy triste para los que quedan en aquel enorme muelle tan grande y desamparado. Castelao quedó llorando agarrado a Virginia en una calle de al lado del Automóvil Club donde almorzamos el día 4 invitados por Puente que nos llevó al barco. No ha perdido el humor, pero cree que le enterrarán en B.A. Es donde mejor está porque le quieren y cuidan mucho".

A pesar da oferta que lle fai desde Lisboa, ao chegar, na viaxe de volta ("Xa sabes que para a vellez se as cousas se puxeran de outro xeito, tés sempre un refuxio e un amor en Trasalba; é decir tendes, viva eu, ou non viva"), sabe que ese regreso é imposible. Por iso, cando Filgueira lle require consello de se activar os seus contactos, en 1949, para que non morra lonxe, como lle pide Ben Cho Shey, ("Estou disposto a escribir alá e acó a quen cumpra. Mais denantes de facelo, penso si el quererá que se faga. Dígamo. Coido que a pouco que se fixera sería doado"), Otero contéstalle o 15 de xuño de 1949: “Sobor da volta ¿quen da unha absoluta garantía? Alá vai superiormente atendido. Eiqui... veríamos. Logo hai que comenzar por o principio: a vontade do doente. A cousa é grave. Non sabería que aconsellar. Eu, con tod’a door, no canto de il, non viña".

Se o primeiro abrazo fora a emoción feita símbolo da unidade esencial entre a Galicia territorial e a expatriada; o segundo, o solpor da esperanza no retorno.

Como di Otero en Polos vieiros, “Foi a suprema despedida”.

Desenvolvemento da viaxe

Don Ramón, ilusionado e con dúbidas de se conseguiría os permisos, vailles comunicando a preparación da viaxe aos amigos. No epistolario con Fraguas, por exemplo, hai textos da primeira parte de 1947 deliciosos. Acabará saíndo de Lisboa -temía o absurdo de telo que facer desde Barcelona ou Cádiz─ o 30 de xuño de 1947 no vapor Cabo de Buena Esperanza. Parará en Canarias, tamén en Río de Xaneiro, e recibirano en Montevideo os representantes do Centro Galego de Buenos Aires, Manuel Puente, Daniel Calzado e Xosé Ferreño. Baixa do barco na cidade porteña o día 17 de xullo. Espérano no porto dous vellos amigos, Arturo Cuadrado e Xosé Núñez Búa, que acompañan o matrimonio ao Hotel Claridge na rúa Tucumán, onde pararán os 49 días da viaxe, agás as visitas en agosto a Mendoza (17 a 23) e Montevideo (27 a 30).

A actividade será sumamente intensa e recollida pola prensa local galega ─Galicia, da FSG, A Nosa Terra─ pero tamén polos xornais arxentinos La Nación, La Prensa. Pronunciará en total 16 conferencias ─sobre todo en prestixiosas institucións arxentinas e uruguaias─, concederá algunhas entrevistas e será obxecto de varios banquetes de agasallo, e o que é humanamente máis importante, retoma o contacto persoal con vellos amigos e fainos novos ─como Manuel Puente─. Percibe a realidade emigrante, opina e espalla, reservado, a súa valoración sobre a marcha da Galicia do momento.

Síntese da actividade pública

O día 20 de xullo, no Teatro Broadway, dentro das celebracións e logo das entregas de premios dos concursos do Centro, das palabras do presidente e das palabras de Arturo Cuadrado en nome dos galardoados, disertará sobre a “Irradiación universal de Santiago de Compostela”.

O día 23 de xullo, no Consejo Nacional de Mujeres, falará de “Galicia en los primeros tiempos del Romanticismo.”

O 25 de xullo, na festa do Dia de Galicia celebrada no Colegio Nacional de Buenos Aires, falará da “Relación de la poesía medieval gallega con la provenzal” pero logo, ao seu dicir, “derivou na crónica hora por hora da Festa de Compostela e o día de Galicia”.

O día 26 de xullo, no Teatro da Federación de Sociedades Galegas -1500 localidades e case inaugurado con esa charla-, disertará, en galego por única vez, sobre “A paisaxe galega, as súas leis e tipos”. Esta conferencia foi gravada por Segundo Pampillón en disco e pódese escoitar en Youtube e é evocada nun artigo sobre o mapa de Fontán, publicado no seu “Parladoiro” de La Noche o 2 de decembro de 1947.

O 29 de xullo intervén nunha das tribunas máis prestixiosas do país, a do Instituto Popular de Conferencias do xornal La Prensa, co tema “Santiago de Compostela y otras ciudades medievales”.

O 30, nun acto organizado polo Consorcio de Médicos Católicos no Colegio del Salvador, falará sobre “El médico modelo: doctor José Varela de Montes”, ensaio que uns anos máis tarde publicaría en Compostela.

O 5 de agosto, no Instituto Mitre de Estudios Históricos desenvolve un dos seus temas preferidos: “El Padre Feijoo y otros polígrafos gallegos del siglo XVIII”.

O día 12 falará, diante do mapa de Fontán, no Centro de Profesores Diplomados de Enseñanza Secundadaria sobre “Los temas geográficos de Galicia”.

O día 16 falará sobre “El arte barroco gallego” na Asociación Cristiana de Jóvenes.

Durante a súa estadía en Mendoza, entre os días 18 e 22 de agosto, en visita organizada pola activa Irmandade Galega local, visita adegas, parques, autoridades, zonas termais, e, acompañado polo Ministro de Agricultura da República, Jorge Segura, ditará dúas conferencias. A primeira na aula magna da Universidade de Cuyo sobre “La poesía gallega moderna” e a segunda na Junta de Estudios Históricos sobre “Los historiadores gallegos”.

O día 25 ou 26, no Club Universitario de Buenos Aires , disertará Otero sobre “La tradición y la vida universitaria de Santiago”. A este acto asistirá con suma discreción Castelao. Deixa testemuño público Otero no libro desta viaxe, ("Falando de Neira de Mosquera, de Pondal, o noso enxergar procuraba no fondo do salón a figura de Castelao. Estaba ó seu carón Pita Romero"). Tamén, en carta desde o barco, lémbrallo ao rianxeiro: "Mireiche no fondo do salón na conferenza do Ateneo do Club Universitario ─ou como se chame─ e naceume o sol na cara".

A estadía en Montevideo entre os días 28 e 29 de agosto será organizada pola Casa de Galicia, centro mutual semellante ao Centro Galego de Buenos Aires, e farao en colaboración co Ministerio de Instrucción Pública. Alí falará en dúas ocasións:

O día 28, no Ateneo de Montevideo, sobre “Los momentos críticos de la historia de Galicia”.

O día 29, na Universidade sobre “Las tres polémicas de Feijoo”.

Desde a volta a Buenos Aires, o día 30, non terá máis actividade pública que o banquete de despedida, o día 1, e cea ese día na casa de Manuel Puente, con Castelao e Virxinia.

A listaxe de banquetes públicos é coñecida: En Buenos Aires, no restaurante do Centro Ourensán, cun grupo de amigos do Centro; o Día de San Pedro, cos veciños de Trasalba no “campo” do Centro Pontevedrés en Olivos; a Comisión Organizadora do Centro Galego fai, como un dos actos centrais, o banquete de despedida o día 1 de setembro con máis de 1500 convidados. En Mendoza e Montevideo, os organizadores das viaxes fan cadanseu xantar.

Á parte, os compromisos amicais apenas lle deixan tempo. Nunha carta o día 8 de agosto dille Otero á nai: “Tenemos que comer o merendar con las siguientes personas: Monjardín [os irmáns do meu avó, Carmela e Pablo], Juanito Aznar, el hijo de Núñez de Couto [Xosé Núñez Búa], el Benigno Sotelo y otros dos, Leandro Pita Romero, dos hermanas de Dosinda, Vidan de Santiago y otros más. Y no se como vamos a hacer, nos va a faltar el tiempo”.

O que non terá será interlocutores políticos de primeira liña do grupo galeguista da Irmandade ou do Consello de Galicia: Castelao estaba en Francia e apenas coincidirá con el nove días; Suárez Picallo vivía daquela en Chile; Antón Alonso Ríos convertérase, en palabras de Beramendi e Núñez Seixas, “nun político contraditorio e incoherente, á parte de nun símbolo”. E Rodolfo Prada, o novo máximo valor da renovación galeguista local, estaba de viaxe por Galicia. En calquera caso, a súa era unha viaxe á marxe da política, como se encarga de lembrar A Nosa Terra, en outubro de 1947 ao facer balance da viaxe:

A NOSA TERRA, anque folla política, é por enriba de todo, unha eispresión de afervoado patriotismo galego; polo tanto non pode deixar de rexistrar nas súas páxinas feito tan trascendenteal para o prestixio de Galiza nas terras do Plata, non embargantes haberse desenrolado toda a laboura de Otero Pedrayo eiquí nun plano escrusiva e nidiamente cultural ao marxa da política. Coa cabaleirosidade e o señorío espritoal que o caraiteriza, cingiu a súa aituazón ao cometido que lle encomendara o Centro Galego, entidade que, pol-os seus estatutos, e polo seu carauter é craramente apolítico

A prudencia que lle aconsellara non asistir ao acto en memoria de Bóveda na Federación o día 23 manterase en toda a viaxe. Nos nove días que coincidiron en Buenos Aires Otero e Castelao estiveron xuntos en varias e lembradas ocasións: ao quente no salón do Hotel Claridge, no apartamento de Castelao na Avenida Belgrano; na sede do Centro Orensano; en varias comidas privadas: o día 24, talvez no apartamento de Castelao; o día 30, á volta de Montevideo, en casa de Manuel Puente; e o día da despedida, o 4 de setembro, no Automóvil Club. Pero nunca coincidiron nun acto público, nin sequera no banquete de despedida da colectividade o día 1 de setembro. Non hai, non coñecemos, ningunha foto de entrambos xuntos nesta viaxe.

Deste comportamento debeu tomar boa nota o hábil embaixador español que acababa de ocupar praza en Buenos Aires, o diplomático monárquico José María de Areilza. Areilza, asinou en 1948 importantes pactos con Perón, visitou o Centro Galego ─a guerra ía quedando lonxe, a emigración de novo activa, a necesidade de contactos administrativos era grande, o exilio perdía horizonte─ e foi un dos artífices do achegamento aos Estados Unidos, onde foi embaixador entre 1954 e 1960. En 1950, o mesmo día que chega Valentín Paz Andrade para participar nas Xornadas Patrióticas, convídao a cear reservadamente. É ben probable que os informes da embaixada sobre a discreción de Otero facilitasen o seu reingreso no ensino no curso seguinte.

A pesar da amizade, as súas visións de Galicia e da emigración, en base a candansúas experiencias vitais, non podían ser a mesma. Otero, por exemplo, oponse explicitamente ao proceso de converxencia das agrupacións de base local, unha das teimas do galeguismo local, e gabaría as cousas que se ían facendo, tipo renovación da RAG, constitución de IPSEG, compra da Casa de Rosalía, sección “Parladoiro” de La Noche que xa comezara... A visión de Galicia que lle deu Otero a Castelao reservadamente fai que, a dicir de Bieito Abraira, o rianxeiro lle comente logo da despedida: “Alá convéncenos de que somos comunistas porque non claudicamos e este gran home vai crido que somos comunistas e que estes aínda comen nenos crudos”. Pero Otero gábao na carta que lle envía desde Lisboa na que lle di: “Ti es ceibe, puro e bo como os vellos galeguistas [...] E sin fel para ninguén”. Pensaría no momento, no da labazada e aperta a Risco que tanto se cita. O caso é que entre as informacións de Otero e as de Rodolfo Prada faise unha idea de Galicia estraña que expón nunha carta ao presidente vasco no exilio Manuel de Irujo de data 6 de outubro:

“Conozco perfectamente el estado actual de Galicia, tanto de sus organizaciones clandestinas como de su vida e inquietudes, pues no en vano ha venido a Buenos Aires quien podía enterarme a conciencia de todo ello, y no en vano ya se halla entre nosotros quién fué allá exprofeso para enterarse y se enteró a fondo de todo. Lo primero que destaca en ambos informes es la prosperidad material de Galicia, que habrá de causar asombro el día que se normalice la situación de España y puedan hacerse comparaciones [...] pues la riqueza que allí se desarrolla actualmente serviría para vivificar la política galleguista [...] del mismo modo que la pobreza de antes sólo servía para deprimir las ansias de nuestra política privativa...”

E despois mesmo teme que o mantemento de actividade guerrilleira sexa unha treta franquista para xustificar a ditadura:

“Pero en ambos informes también se destaca un motivo de honda preocupación: en los montes gallegos andan muchos lobos organizados en manadas y las gentes del llano los temen y suelen identificarlos con los políticos desterrados, incluso con los que siempre hemos dado muestras de sensatez. [...] si Franco no los extermina de raíz, será porque le conviene dejar latente esa muestra del peligro oriental; pero si es impotente para exterminarlos, no veo cómo podrá restablecerse en España una República democrática de tipo occidental”.

Ao ano seguinte, 1948, logo do relevo na presidencia do Centro Galego e do acceso de José Villamarín, continuarán estas “Xornadas Galegas”; e nelas, o momento central ocuparao un Castelao moi enfermo co seu emocionante discurso “Alba de Gloria” dito no Teatro Argentino, o 25 de xullo.

E axiña adquiren -xa organizadas por unha “Comisión Intersocietaria” na que estarán o Centro Gallego, a Federación de Sociedades Galegas, os Centros Provinciais e os máis importantes de base local- a denominación de “Xornadas Patrióticas”. A listaxe de convidados que viaxaron ata inicios dos oitenta, desde Galicia ou outros centros de emigración, foi enorme: Valentín Paz Andrade (1950, 1957 e 1966), Fermín Bouza Brey (1951), Domingo García Sabell (1953 e 1978), Manuel Álvarez e Ramón Baltar (1953), Francisco Fernández del Riego (1954), unha pléiade de convidados para o I Congreso galega de emigración provenientes de todos os puntos da diáspora galega en 1956, Bibiano Osorio-Tafall (1957), Otero Pedrayo (1947 e 1959), Sebastián Martínez Risco (1961, 1974), Emilio Álvarez Blázquez (1962), Emilio González López (1964, 1972, e 1984), Álvaro Cunqueiro (1967), José Luís Varela (1968), Xosé María Álvarez Blázquez (1969), Basilio Losada e Juan Naya (1970), Victoria Armesto e Felipe Fernández Armesto (1971), Manuel Espiña Gamallo (1973, 1981), Ricardo Carballo Calero (1975), Leandro Pita Romero (1976), Monseñor Arauxo (1977), Manuel Chamoso Lamas (1978), Ramón Piñeiro (1980).

A maioría dos convidados foron membros destacados da Real Academia Galega; dous deles, Sebastián Martínez Risco e García Sabell, convidados no exercicio da presidencia, e outro, Juan Naya, cando era arquiveiro bibliotecario da institución.

Ata a posta en vigor do Estatuto de Autonomía de Galicia e empezar unha relación política e intercambios culturais normalizados entre os novos poderes e o mundo da emigración, foron sen dúbida estas “Xornadas Patrióticas” inauguradas, de feito, por Otero, o mecanismo fundamental na construción de relacións de colaboración entre Galicia e as elites culturais da vella emigración e exilio galegos do Río da Prata e Galicia. E como tal, deben ser lembradas e valoradas neste 75 aniversario.

Afonso Vázquez-Monxardín
Académico correspondente