Tribuna

75 anos do programa galego da BBC de Londres

Un dos medios principais das linguas para gozaren de estima dos seus falantes e dos alleos, para seren vistas con normalidade, é accederen ás vangardas tecnolóxicas de cada momento. Así, o galego chegou con naturalidade á primeira revolución, a escrita, cando o latín deixou oco aos romances; chegou mal á revolución da imprenta ─tardou en ser lingua de libro─; chegou tardeira, tamén, ás ondas ─radio primeiro, televisión despois─ pero prendeu ben na última, a revolución informática e de Internet, como indica, por exemplo, o multimillonario número de visitas ás páxinas da Real Academia Galega, ano tras ano. Estamos en bo camiño e está na nosa man, máis ca nunca, termar del, coidalo e arrequecelo.

Este ano no que a BBC festexa o centenario do inicio das súas emisións, en 1922, tamén nós, desde Galicia, podemos celebrar que cando facía ela os seus primeiros 25 anos, ou sexa, hai 75, comezou alí un programa regular en lingua galega. 

Este feito é un fito simbólico e referencial importantísimo por canto son para nós as primeiras emisións regulares en galego no mundo das ondas, nuns momentos ben difíciles na Galicia territorial; e, ademais, da man da emisora de máis prestixio do mundo. 

Nacen eses programas nun contexto de illamento internacional da España de Franco, de falla de liberdades públicas e de penuria económica. Pero tamén, nun momento no que os galeguismos culturais buscaban ocos onde seguir, no posible, difundindo as súas mensaxes. Pensemos na reorganización da RAG a partir de 1942 e o renacer do seu Boletín; na construción do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e os seus Cuadernos de Estudios Galegos, a partir de 1944; no nacemento da Fundación Rosalía de Castro, en 1947; nese ano, tamén, os inicios das publicacións importantes en galego con Cómaros Verdes; pensemos nos comezos das páxinas galegas de La Noche, en 1949, ano tamén da homenaxe a Lamas Carvajal en Ourense, primeiro ciclo de conferencias e actividades galeguistas públicas, ao redor da inauguración do monumento a Lamas no Posío; e neste mesmo ano, pensemos na fundación da editorial Bibliófilos Gallegos en Compostela, e da colección de Benito Soto en Portevedra. Ou en 1950, coa fundación das editoriais Monterrei e a máis duradeira e orgánica Galaxia, ambas en Vigo.

O programa galego da BBC inseriuse nese ambiente e contou cos apoios comúns a moitas destas iniciativas de conexión entre pasado e futuro a través daquel presente pedra. En 64 dos 83 programas hai colaboracións de persoas que escribiran na revista Nós. Entre os vellos, Leandro Carré Alvarellos (7 colaboracións), Fermín Bouza Brey, (6), Florentino López Cuevillas (5) Otero Pedrayo (4), Aquilino Iglesia Alvariño (4), Xosé Ramón Fernández-Oxea (4), Ramón Vilar Ponte (3), Sebastián Martínez-Risco (2)... Pero tamén xentes máis novas, Francisco Fernández del Riego (12), Xosé María Álvarez Blázquez (5), Xesús Carro (4), Leuter González Salgado (3), Felipe Fernández Armesto (2), Rafael Dieste (2), Ánxel Fole (2), Ricardo Carballo Calero (2), Celso Emilio Ferreiro (2), Ramón Piñeiro (1), Afonso Vázquez Martínez (1), Emilio Álvarez Blázquez, Xosé Díaz Jácome, Pura Vázquez, Ramón González Alegre, Benito Varela Jácome. Tamén participan catro persoas de orixe británica (George Hills, Nina Epton, Stephen Reckert e Frederick Fuller) e dúas españolas non galegas, Eduardo Martínez Torner e Teodoro López Sanmartín.

O profesor Antonio Raúl de Toro, na pequena introdución que precede á publicación dos guións no seu libro Galicia desde Londres. Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galego da BBC (1947-1956), publicado en 1994, agrupa as 111 colaboracións (nalgúns dos 83 programas hai máis dunha) do seguinte xeito: Literatura, 61; Etnografía e Historia, 35; biografías de persoeiros, 10; Arte, 4 ; e Economía, 1. Non tan distinto -fóra as cuestións de lingua e de identidade─ do que se fixera en Nós.

A historia dos programas comeza nos inicios de 1947, cando Alexandre Raimúndez, un esforzadísimo ourensán, catedrático na Escola de Comercio de Barcelona, sen traxectoria previa no mundo do galeguismo pero si cos contactos humanos propios da cidade, exiliado en Londres, locutor da Sección Española da BBC desde 1941, aproveita o impulso do seu amigo e compañeiro Josep Manyé e convencen o Foreign Office ─quen mandaba e pagaba as emisións para o exterior─ da conveniencia de teren programas nas outras linguas de España, á parte do castelán. Radiaranse, así, aproximadamente, dous programas en catalán, un en vasco e outro en galego ao mes. Terán uns vinte minutos de duración, serán a noite dos luns e con contidos estritamente culturais. Non houbo unha regularidade total, pois nos 106 meses que dura a experiencia fixéronse 83 programas.

As emisións iniciáronse a noite do 14 de abril de 1947 coa sintonía da marcha militar escocesa “Cock o’ the North”, para resaltaren a conexión musical entrambas terras, e remataron sempre cunha canción da Coral de Ruada. Ata decembro, seis programas serán feitos cos recursos que Raimúndez recada en Londres. Felipe Fernández Armesto inaugurará as emisións cun discurso sobre as relacións históricas entre Galicia e Inglaterra, e terá outra colaboración sobre as peregrinacións a Compostela; Stephen Reckert, medievalista, catedrático de castelán e portugués en Cardiff, lerá tres traballo seus en galego; e o barítono inglés Frederik Fuller interpretará unha serie de cancións xacobeas non galegas; mentres, o propio Raimúndez fará un sobre os maios en Gran Bretaña. 

No mes de outubro, nunha viaxe semiclandestina a Galicia, Alexandre Raimúndez reúnese co seu amigo Leuter González Salgado en Ourense, fan un plan de apoio ás emisións, queda el encargado de remitilas a Londres, e empezan a animar os amigos. En primeiro lugar Ben-Cho-Shey, e logo Fernández del Riego, participarán no tema. Os programas eran sempre pagos, o que implicaba unha relación directa da BBC cos colaboradores, para recibiren os contratos de emisión asinados e faceren unhas transferencias que supuñan unha achega de divisas ben interesantes nuns momentos difíciles, e nun medio no que ninguén estaba afeito a cobrar polos seus traballos culturais.

A primeira colaboración de Galicia serán “Os feitizos do outono” de Otero Pedrayo, en decembro de 1947. A partir de aí, foron chegando a Londres textos sen parar. E tamén, un colaborador, Plácido Castro, que se incorpora á emisora e entre 1949 e 1954 e será peza clave na calidade das emisións, grazas aos materiais que lle envía Del Riego. E, tamén, nuns cantos programas, usáronse voces aquí gravadas. Primeiro, as de Pura Vázquez e Celso Emilio Ferreiro recollidas en Coruxo por Nina Epton, en 1953. Logo, as gravadas en marzo de 1955 polo director da Sección Española, George Hills, na Coruña, Vigo e Santiago, e que, entre outras cousas, serviron para o peche das emisións, o 23 de xaneiro de 1956.

Nese programa final apareceron oito escritores recitando cadanseus poemas: Emilio Álvarez Blázquez, “Tríadas de Sant-Yago” e “Morte no campo”; José Díaz Jácome, “A lenda do Cristo”; Álvaro Cunqueiro, “Canción do amor cortés” de Dona do corpo delgado e “Illa” de Cantiga nova que se chama Riveira; Ramón Gónzalez Alegre, “Arousa” e “Cantiga”; Sebastián Martínez-Risco, “Canteiros” e “O chaleque”; Xosé María Álvarez Blázquez, “O neno” e “Descoberta da Terra”; Aquilino Iglesia Alvariño, “Por un espello de lembranzas” e “Eu vou no tren”; e, por último, Fermín Bouza Brey, “Trova das sete naos” e “Nao senlleira”. 

Estas lecturas forman o único resto sonoro que se conserva daquelas emisións, grazas a que foron incluídas nun programa para o público inglés da BBC 3, a emisora cultural, no setembro de 1956.
Como ben se ve polos nomes citados, a participación dos membros máis activos da RAG e as emisións son constantes. Dos trinta e dous colaboradores galegos que achegaron materiais, vinte e sete era membros da RAG; dezasete de número e dez correspondentes. 

E nas visitas dos membros da dirección da BBC a Galicia ─1951, 1953, 1955, 1956─ sempre contactan con membros destacados da RAG, seguindo as indicacións de Raimúndez.

Especial mención merece a viaxe do director da Sección Española, George Hills, pois a súa primeira actividade pública será a visita oficial á sede da RAG o día 16 de marzo de 1955. La Voz de Galicia do día seguinte cóntanos: “Mr. Hills dedicó todo el día de ayer a recorrer la ciudad deteniéndose en los monumentos que atesora. Por la mañana estuvo en la Real Academia Gallega, en donde fue saludado por diversos académicos y admiró lo que de interesante allí se guarda, entre libros y documentos [...]. 

Aquela tarde, acompañado de Fermín Bouza Brey, Sebastián Martínez-Risco, Carlos Pereira Amil e Leandro Carré Alvarellos ─os que o acolleran na RAG pola mañá─ estivo no xardín de San Carlos facendo unha homenaxe ao xeneral Moore. Nel leron poemas na súa memoria ─o de Rosalía, Sebastián Martínez Risco e o de Charles Wolf, George Hills─ e, tamén este último, a proclama do xeneral Wellinton de 1813 na que gaba a valentía dos galegos.

Os contactos e gravacións de textos de académicos repítense en Vigo e Santiago. 
Hai unha significativa carta de Raimúndez a Del Riego o día 29 de setembro de 1956, logo de remataren as emisións, anunciándolle a visita do director do Servizo para o Sur de Europa a Galicia, Mr. Shepley. E para que volvesen por elas, deulle tres contactos en Galicia. Os tres, andando o tempo, serán presidentes da RAG: Sebastián Martínez-Risco, Domingo García-Sabell e Francisco Fernández del Riego. 

Aínda que non foi posible continuar os programas, si lograron que lle concedesen unha praza na Sección Española da BBC a Ramón Lugrís, quen estivo alí desde 1957 e 1962, e realizou o día de Santiago de 1961 unha emisión extra en lingua galega con motivo dunha exposición sobre arte románica que había en Barcelona e Compostela. Para ela, enviaron colaboracións os académicos Manuel Chamoso Lamas, Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, co que se pecha o círculo das emisións en galego da BBC coa primeira persoa que colaborara desde a Terra en 1947.

O 2 de setembro de 1962, Alexandre Raimúndez visitou a RAG e asinou a doazón á Real Academia Galega dunha colección completa dos guións daqueles programas, para garantir que se conservasen nunha institución da que el formaba parte como académico correspondente, e que estaba presidida, naquela altura, polo seu amigo da infancia, Sebastián Martínez-Risco. 

Cando morreu Raimúndez, fíxose enterrar baixo unha lápida de granito levado de Ourense, na que xunto ao seu nome, leva o texto: “Inda que lonxe da súa terra, o esprito está sempre nela, Sempre en Galicia”. 

É unha ledicia poder festexar estes 75 anos das emisións en galego da BBC, e unha satisfacción ver como os membros da Academia acompañaron co seu esforzo e afecto aquel emocionado eco de ilusión e esperanza que chegaba, aos fogares dos galegos, ás noites dos luns, desde Londres. A forza do seu amor non fora inútil. Velaí está a BBC que non mente. 

Afonso Vázquez-Monxardín
Académico correspondente