Tribuna

21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

Desde a súa aprobación pola UNESCO en 1999, cada 21 de febreiro vén celebrándose o Día Internacional da Lingua Materna. Situarmos esta data no calendario permítenos, con periodicidade cíclica, pór en valor as linguas na súa singularidade e diversidade, na súa fráxil riqueza. Non se nos oculta que o inicio desta celebración obedece a ese mecanismo compensatorio polo cal cantamos, recreamos artisticamente ou nos preocupamos por aquilo que corre perigo, se ve ameazado, que se esvae como fume entre os dedos. 

A UNESCO estima que, cada dúas semanas, unha lingua desaparece, e con ela os seus cantos e tradicións, os seus xeitos específicos de nomear e de entender o mundo e a capacidade do pobo que a creou para manter o vínculo a través desa creación colectiva sobre un territorio, modulando os seus xeitos de vida e a súa cultura. Lonxe da visión mítica de Babel, que facía da diversidade lingüística un castigo, hoxe somos conscientes da magnitude da perda que se está a consumar ante os nosos ollos. 

A comezos de século creouse o Arquivo Dixital das Linguas en Perigo de Extinción. Na súa primeira década, rexistrou arredor dun 10 % das 3500 que se estima que se perderán neste século. Desde eses pequenos puntos sobre o mapa, podemos enxergar, por exemplo, o testemuño do último falante da lingua khanti, en Siberia, un home de 83 anos que se emociona polo feito de que vaia quedar algunha pegada da lingua que un día se falou na súa aldea, e que esmoreceu, como relata Mandana Seyfeddinipur, directora do arquivo, pola perda de poboación na II Guerra Mundial, pola emigración para a industria madeireira e do petróleo e polo feito de que o sistema educativo a proscribiu fronte á lingua rusa. Velaí os últimos estertores dun idioma evidencial, no que, cando o home relata algo do pasado, ten que esforzarse por lembrar se o viu en persoa ou llo relataron, porque debe marcalo gramaticalmente. Singularidades marabillosas coma esa pérdense cada vez que unha lingua cae no silencio. 

Neste momento no que á par da sensibilización cara á biodiversidade se espalla tamén unha conciencia ecolingüística, cómpre entendermos que falar en cada territorio a lingua propia é o xeito de comprometérmonos coa defensa de todos os idiomas. Lingua materna non é só a que se nos transmitiu na primeira infancia ou a lingua inicial. A connotación que ten este termo é máis fonda e radical. Igual que non é preciso ser falante dunha lingua minoritaria ou ameazada para ter sensibilidade sociolingüística, tampouco é privativo dos falantes iniciais abrazar a lingua propia do territorio que nos acolle como lingua materna, como lingua que nos vencella aos “avós que temos mortos”, en poderosas verbas de Celso Emilio Ferreiro. 

Así, unha escritora como Rosa Montero puido afirmar que “unha lingua é algo extraordinario, un dos maiores logros da mente humana, un logro colectivo” e lamentar o “xigantesco masacre silencioso” sen pertencer a unha comunidade cunha lingua propia ameazada. Do mesmo xeito, en Galicia, o galego eríxese como idioma propio e, por iso mesmo, materno nun sentido profundo. Para quen o falou desde a infancia ou para quen decide abrazalo como un acto consciente de conciencia histórica e de reparación, falar galego transcende a propia identidade: permítenos sobrevivir como pobo con personalidade de seu, mais tamén nos conecta cunha causa global, a da defensa da diversidade lingüística e cultural, para que o soño das mil primaveras siga sendo posible para nós e para o mundo, para o planeta e as linguas que o habitan.

María López Sández
Académica de número